É o seu primeiro traballo discográfico, con 12 temas e ampla presenza de cancións de autores de Ribeira
Ribeira, 26 de maio de 2011.- A Coral Polifónica Municipal presenta este domingo, 29 de maio, ás 20.30 horas, nun concerto no Auditorio o seu primeiro traballo discográfico, titulado “Voces de Ribeira”. Para falar da actuación e do disco compareceron hoxe no Auditorio o concelleiro de Cultura e Festexos, Luciano Fernández, e o director da coral, Enrique Paisal.
O edil en funcións sinalou que o disco está composto de 12 temas cuxa música ou ben foi composta por Enrique Paisal ou ben conta con arranxos ao seu cargo. Ademais, informou de que moitas das cancións están escritas por autores do municipio, como “Canción del Centenario”, con letra de Emilio Erolo; “Himno de Riveira” e “Mariñeiro de Dorniña”, ambas escritas por Manuel Ramallo, ou “A Palmeira”, de José Vicente Domínguez.
Nesta primeira tirada, editáronse un total 500 exemplares do CD, que está acompañado dun pequeno dossier no que se reflicte a historia desta coral municipal creada no ano 1991, así como a relación das persoas que actualmente a compoñen.
Actuacións internacionais
Luciano Fernández destacou a gran traxectoria deste grupo, “levando o nome de Ribeira moi alto nas súas exitosas actuacións, mesmo fóra dos límites da comarca e de Galicia”. A este respecto, recordou que a coral municipal ten actuado en lugares tan afastados como Adeje (nas Illas Canarias) ou incluso en Baltimore, New Jersey e New York, nos Estados Unidos.
O concelleiro sinalou que a actuación do domingo é gratuíta (poderanse retirar as entradas dende media hora antes do inicio da mesma) e convidou aos veciños a que se acheguen ata o Auditorio para disfrutar das 42 voces mixtas que integran o colectivo dirixido por Enrique Paisal.
En canto a este último, agradeceu a colaboración do párroco de Palmeira, Ricardo Villaverde, por ceder a Igrexa para a gravación, así como do técnico musical da Radio Galega, Pablo Barreiro.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario