Páxina do BOP completa,
aquí Aprobación definitiva Regulamento do Consello Escolar Municipal de Ribeira
O Pleno desta Corporación en sesión celebrada o 28 de novembro de 2011 acordou aprobar inicialmente o REGULAMENTO DO CONSELLO ESCOLAR DE RIBEIRA, de conformidade co procedemento establecido no artigo 49 da Lei 7/85 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e someter o expediente a información pública e audiencia ós interesados polo prazo de trinta días (hábiles) para a presentación de suxerencias e reclamacións.
De conformidade co establecido no artigo 65.2 en relación co 70.2, ámbolos dous da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o expediente de referencia quedou sometido a información pública e audiencia ós interesados polo prazo de trinta días (hábiles) contados a partir do seguinte da súa publicación (BOP nº 244 de 26.12.11) para a presentación de alegacións. Transcorrido o antedito prazo e presentadas alegacións que foron resoltas polo Pleno desta Corporación en sesión extraordinaria celebrada na data 7 de febreiro de 2012, na que foi definitivamente aprobado o texto definitivo, se procede a publicación íntegra do REGULAMENTO DO CONSELLO ESCOLAR DE RIBEIRA, para a súa entrada en vigor:
“CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL DE RIVEIRA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A educación é un dereito universal, tal e como recolle a Constitución Española de 1978 no seu Art. 27. 1 “Todos teñen el dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensinanza.” E a seguir indica no Art. 27. 5 a responsabilidade que sobre os poderes públicos recae ao respecto, “Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación, mediante unha programación xeral do ensino, con participación efectiva de todos os sectores afectados e a creación de centros docentes.”
O Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) recolle no seu Art. 31 que “É da competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.”
A Lei 7/1985 de bases de réxime local define a función e competencias do concello no Art. 25. 2. “O Municipio exercerá, en todo caso, competencias, nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas, nas seguintes materias:” Así mesmo defíneas no eido educativo no Art. 25. 2. n “Participar na programación do ensino e cooperar coa Administración educativa na creación, construción e sostemento dos centros docentes públicos, intervir nos seus órganos de xestión e participar na vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria.”
En cumprimento do desenvolvemento das competencias outorgadas polo Estatuto de autonomía de Galicia, o Parlamento de Galicia aprobou o 18 de decembro de 1986 a Lei 3/1986 de consellos escolares de Galicia (DOG, 26/12/86). Nos seus parágrafos primeiro e segundo recolle que “A presente Lei ten por obxecto desenvolver no ámbito da Comunidade Autónoma o dereito constitucional á participación na programación xeral do ensino. Para tal efecto créase o Consello Escolar de Galicia como un foro de reflexión, expresión e achega de ideas dos representantes de todos os sectores sociais que, a través do exercicio das funcións que a presente Lei lle atribúe ao Consello Escolar de Galicia, permitirá que as competencias que o Estatuto de Autonomía lle recoñece ao poder galego se vexan enriquecidas pola contribución institucionalizada no noso pobo.”
“Pretende a Lei facer operativo o principio de participación, no convencemento de que o sistema educativo galego, alicerce fundamental da nosa identidade, verá incrementar a súa eficacia e calidade unha vez acadada a súa total democratización. Este obxectivo só se pode acadar incorporando a presenza creativa de todos os sectores sociais na definición e posterior aplicación dos grandes aliñamentos da política educativa de Galicia.”
No Título III, Art. 15.1. da Lei 3/1986 de consellos escolares de Galicia defínense os “Consellos escolares municipais son os organismos de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario no ámbito municipal.”
En desenvolvemento da antedita Lei de consellos escolares de Galicia apróbase o Decreto 44/1988, do 11 de febreiro, polo que se regulan o Consello Escolar de Galicia, os consellos escolares territoriais e municipais. (DOG, 11/03/88). “Os consellos escolares municipais están concibidos como pezas básicas e fundamentais para unha eficaz instrumentalización da participación da comunidade escolar. Así, cos consellos escolares municipais procúrase a máis ampla participación social, e subliñase a representatividade dos protagonistas directos da acción educativa para asegurar a fluidez de comunicación cos consellos escolares de centros e acadar, por outra banda, un alto nivel de interlocución co poder municipal.”
O antedito Decreto 44/1988, do 11 de febreiro, no Art. 31 determina “1. Nos concellos de máis de 25.000 habitantes o Consello Escolar municipal terá a seguinte composición: 1.1. O alcalde ou membro da Corporación en que delegue, que será o presidente. 1.2. Dez profesores dos niveis educativos correspondentes ao ámbito do ensino non universitario de Galicia propostos por sindicatos ou asociacións profesionais proporcionalmente á representación obtida nas eleccións sindicais do sector docente, no municipio, distribuídos da seguinte forma: 1.2.1. Seis do ensino público. 1.2.2. Catro do ensino privado. 1.3. Seis pais de alumnos propostos pola federación de asociacións de pais de alumnos. 1.4. Catro alumnos elixidos polos representantes dos alumnos en Consellos Escolares dos centros existentes no municipio. 1.5. Dez membros elixidos segundo o que dispoña a Corporación municipal, de acordo co establecido no artigo 16.1.b) da Lei do Parlamento de Galicia 3/1986, do 18 de decembro. 2. Se no municipio non houbese centros privados, o número de profesores pasará a incrementar o número de representantes do ensino público.”
No Concello de Riveira ante a perspectiva da creación do Consello Escolar Municipal de Riveira (CEMR), e tendo en conta o carácter participativo “foro de reflexión, expresión e achega de ideas dos representantes de todos os sectores sociais” tal e como recolle a Lei 3/1986 de consellos escolares de Galicia iniciáronse os contactos cos representantes da comunidade escolar (representantes de ANPAs e representantes da dirección dos centros de ensino de Riveira) co obxectivo de informar dos pasos que se seguirían para a posta en marcha do CEMR e para que lle desen a coñecer, dentro dos propios consellos escolares de cada centro, os obxectivos, funcións e composición do citado consello.
Artigo 1.- Constitución.
O Consello Escolar Municipal de Riveira (CEMR) constitúese como órgano de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares no seu ámbito municipal.
En todo o referido ao seu funcionamento aterase ao disposto nas presentes normas, á lexislación vixente en cada momento que lle sexa de aplicación e ao que acorde a Corporación Municipal nas súas competencias.
Artigo 2.- Finalidades.
As finalidades do CEMR serán as de estudo, asesoramento e emisión de propostas á Corporación Municipal e á Administración Educativa sobre todos os aspectos do ensino non universitario que incidan na nosa poboación, buscando a máxima participación de todos os cidadáns, entidades e organismos interesados no feito educativo.
Artigo 3.- Funcións.
O CEMR é un órgano de participación para a planificación e intervención educativa non universitaria que desenvolve as funcións que lle son propias de asesoramento, consulta, propostas e información nas seguintes cuestións:
a) Convenios e acordos de colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou calquera outra administración pública, que afecten ao ensino dentro do ámbito municipal.
b) Actuacións e normas municipais que afecten aos servizos educativos complementarios e extraescolares con incidencia no funcionamento dos centros docentes, tales como transporte escolar, comedores, servizos de limpeza e conservación, e persoal non docente dependente do Concello de Riveira.
c) Actuacións e normas municipais que afecten ou que favorezan a ocupación real das prazas escolares coa finalidade de mellorar o rendemento educativo e, no seu caso, facer efectiva a obrigatoriedade do ensino.
d) Localización dos centros docentes dentro da demarcación municipal.
e) Prioridade nos programas e actuacións municipais que afecten á conservación, vixilancia e mantemento axeitado dos centros docentes, de acordo coas competencias que a lexislación outorgue aos concellos en cada momento.
f) Fomento de actividades que tendan a mellorar a calidade educativa, especialmente no que respecta á adaptación da programación ao medio.
g) Competencias educativas que afecten ao ensino non universitario e que a lexislación lle outorgue aos municipios.
h) Uso de centros de ensino público en horario non lectivo para a realización de actividades educativas para a comunidade.
i) Calquera outro asunto que pola súa importancia para a vida escolar do concello, lle sexa consultado.
l) Na programación de investimentos en materia educativa.
Artigo 4.- Competencias.
A Administración educativa e a Corporación Municipal deberán consultar co CEMR as cuestións que estean establecidas legalmente, e este poderá elevar informes ou propostas para o mellor funcionamento do sistema educativo.
O Consello elaborará, ao finalizar o curso escolar, un informe sobre o estado do ensino no municipio de Riveira, que lle enviará á Corporación Municipal e á Administración educativa.
A Corporación municipal deberá someter á consideración do Consello cantas cuestións estime pertinentes.
Artigo 5.- Composición.
O Consello Escolar Municipal de Riveira está constituído por :
- O alcalde ou a alcaldesa do concello, ou calquera membro da corporación en quen delegue, que será o presidente ou presidenta.
- 10 persoas do corpo docente do ensino non universitario, dos que 6 serán do ensino público e 4 do ensino privado; todos eles propostos polos sindicatos ou asociacións profesionais, segundo a representatividade obtida nas eleccións sindicais do municipio.
- 6 pais ou nais de alumnos ou alumnas propostos polas federacións ou polas asociacións de pais e nais de alumnos (ANPAs) .
- 4 alumnos ou alumnas elixidos polos representantes do alumnado dos consellos escolares do municipio.
- 10 membros elixidos segundo o que dispoña a Corporación municipal, de acordo co establecido no artigo 16.1.b) da Lei do Parlamento de Galicia 3/1986, do 18 de decembro.
- 1 representante da administración educativa designado polo Delegado ou Delegada Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Artigo 6. Renovación dos membros do Consello Escolar Municipal de Riveira.
A renovación dos membros do consello farase en función da forma en que foran promovidos a el.
Os conselleiros que o sexan en virtude da representación que teñan, perderán a condición de tales no momento de cesaren como representantes dos seus colectivos ou no momento en que as súas organizacións perdan a representatividade que lles permitiu nomealos.
Os alumnos cesarán como conselleiros no momento en que se convoquen eleccións aos seus postos por se ter constituídos novos Consellos escolares nos centros.
Cando se constitúa unha nova Corporación municipal cesarán os dez conselleiros elixidos por disposicións emanadas da anterior Corporación.
Artigo 7. Organización.
Os órganos do Consello Escolar Municipal de Riveira son o Pleno, a Comisión permanente e as Comisións de traballo.
Artigo 8. O/a Presidente/a.
1.- A presidencia do Consello Escolar municipal recae no alcalde ou na alcaldesa da Corporación ou no concelleiro ou concelleira en quen delegue.
2.- Correspóndelle ao presidente:
a) Representar o Consello Escolar municipal
b) Convocar e presidir as sesións e moderar os debates do Pleno e das Comisións
c) Establecer a orde do día das sesións
d) Velar polo cumprimento dos acordos tomados nas reunións do Consello
e) Dirimir, con voto de calidade as votacións nos casos de empate.
Artigo 9.- O/a secretario/a e técnico/a asesor/a en educación
1.- O Pleno e a Comisión permanente do Consello Escolar municipal contarán cun secretario/a e asesor/a en educación.
2.- O secretario e o asesor en educación do Consello Escolar municipal serán técnicos ao servizo da Corporación Municipal
3.- Son funcións do secretario/a:
a) Asistir con voz pero sen voto ás reunións do Pleno e da Comisión Permanente
b) Levantar acta das sesións
c) Expedir certificacións dos actos e acordos do Consello, coa conformidade do presidente
d) Custodiar as actas das sesións
e) A tramitación administrativa dos expedientes derivados dos acordos plenarios
f) Tramitar as convocatorias coa correspondente orde do día, por orde do seu presidente
g) Preparar a documentación necesaria para os membros do Consello
h) Calquera outra función relativa a funcións xenéricas de Secretaría, que lle encomende o Consello Escolar municipal.
4.- Son funcións do asesor/a en educación:
a) Asistir con voz pero sen voto ás reunións do Pleno e da Comisión Permanente e aquelas comisións de traballo nas que se requira a súa presenza.
b) Asesoramento, documentación e achega de propostas.
Artigo 10.- O Pleno.
O Pleno é o órgano de decisión e formación da vontade do Consello Escolar Municipal de Riveira. Estará integrado por todos os membros do mesmo, baixo a dirección do seu presidente e asistido polo secretario/a e un técnico/a en educación ao servizo da Corporación Municipal.
Para a constitución inicial do Pleno será necesario que asistan polo menos os 2/3 dos membros que o compoñen. De non acadarse o quórum establecido, procederase a unha nova convocatoria no prazo de sete días, requiríndose neste suposto a asistencia da maioría absoluta dos seus membros.
Son competencias do Pleno:
a) Debater e aprobar os informes e ditames referidos nos artigos 3 e 4 deste regulamento.
b) Elixir os membros da Comisión Permanente.
c) Ratificar os Presidentes da cada unha das Comisións de Traballo.
d) Aprobar a creación das Comisións de Traballo.
e) Aprobar a memoria anual de actuación.
f) Aprobar o informe anual sobre a situación do ensino non universitario no municipio
Artigo 11.- A Comisión Permanente
1.- A Comisión permanente estará composta por:
a) O presidente do Consello.
b) O representante da administración educativa
c) Tres profesores dos niveis educativos correspondentes ao ámbito do ensino non universitario propostos por sindicatos ou asociacións profesionais elixidos de entre os dez profesores membros do Consello Escolar, por eles mesmos
d) Dous pais/nais de alumnos/as elixidos de entre os seis membros do Consello Escolar, por eles mesmos
e) Un conselleiro pertencente ao grupo de alumnos elixido por eles mesmos e de entre os seus integrantes
f) Tres conselleiros elixidos de entre os membros elixidos segundo o que dispoña a corporación municipal
2.- O secretario do Consello Escolar Municipal o será tamén da Comisión permanente.
3.- Á Comisión permanente correspóndenlle as seguintes funcións:
- A elaboración da proposta do informe anual sobre o estado do ensino no municipio, que se someterá á aprobación do Pleno
- Propoñer a convocatoria das reunións do Pleno con carácter extraordinario
- Coordinar, no seu caso, os estudos das comisións de traballo constituídas
- Elaborar as propostas para a súa elevación ao Pleno
- Propoñer a asistencia ao pleno de técnicos, expertos ou asesores externos.
- Elaborar ou, no seu caso, efectuar o seguimento dos ditames, estudos ou informes que deba remitir o Consello que se someterán á aprobación plenaria
Artigo 12.- As comisións de traballo.
1.- Poderán constituírse comisións de traballo, fixándose na súa creación o seu cometido, a súa duración e os seus compoñentes, asegurando a representación nas mesmas de todos os sectores.
2.-En cada comisión de traballo haberá un/unha presidente/a, secretario/a e cando menos tres (3) vogais.
-O presidente da Comisión será elixido no seu seo, e ratificado polo Pleno do CEMR. Será membro da Comisión Permanente e portavoz da Comisión diante do Pleno.
-O secretario da Comisión, que será designado polo Presidente desa comisión, levantará acta de cada unha das reunións e a orde do día de cada unha delas.
Artigo 13.- Funcionamento do Pleno
1.- As sesións do Pleno do Consello poderán ser ordinarias ou extraordinarias
2.- O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada 3 meses, sendo a primeira ao comezo do curso escolar e a última ao remate do mesmo.
3.- Reunirase con carácter extraordinario a iniciativa do presidente ou cando o solicite unha cuarta parte dos seus compoñentes ou a proposta da Comisión permanente.
Artigo 14.- Funcionamento da Comisión permanente
1.- A Comisión permanente reunirase cantas veces sexan necesarias para entender dos asuntos da súa competencia e, en todo caso, con carácter previo á celebración do Pleno do Consello Escolar Municipal.
2.- A Comisión permanente tamén se reunirá cando o solicite un terzo dos seus membros.
Artigo 15.- Convocatoria das reunións.
As convocatorias do Pleno e da Comisión permanente efectuaranse polo presidente e se remitirá aos compoñentes dos ditos órganos con, polo menos, sete días hábiles de antelación.
A convocatoria conterá a Orde do Día e a data, hora e lugar da súa celebración. A documentación específica sobre os asuntos a tratar estará a disposición dos compoñentes do órgano na Secretaría do Consello.
Así mesmo, a convocatoria que conterá a Orde do Día e a data, hora e lugar da súa celebración poderá serlle notificada aos membros que formen parte do Pleno e da Comisión permanente mediante comunicación por correo electrónico se é que manifestaran previamente tal medio como o cauce elexido para tal notificación e co cumprimento dos requisitos legalmente esixidos para quedar debidamente acreditada a súa práctica. Dita convocatoría poderá facerse pública a través da correspondente páxina web habilitada ao efecto.
Artigo 16.- Celebración.
As sesións do Pleno e da Comisión permanente celebraranse en primeira convocatoria, sempre que concorra a maioría absoluta dos seus membros e, en segunda, media hora despois da anunciada, se asisten polo menos o presidente, o secretario e un terzo dos seus membros.
Se unha vez comezada a reunión, a abandonase algún dos seus membros, poderá continuarse sempre que se manteña o quórum previsto para a segunda convocatoria.
Artigo 17.- Deliberación.
1.- O presidente abrirá, suspenderá e levantará as reunións.
2.- O presidente dirixirá os debates, velará polo mantemento da orde da sesión, concederá ou retirará o uso da palabra na orde en que se pida e porá a votación os asuntos obxecto de debate e proclamará os resultados.
Artigo 18.- Acordos.
1.- Os acordos adoptaranse por maioría dos votos dos membros presentes, dirimindo o presidente os empates mediante o seu voto de calidade.
2.- O voto é persoal e indelegable.
Artigo 19.- Votacións
As votacións faranse a man alzada, levantado primeiro a man quen estean a favor, despois quen estean en contra e finalmente os que se absteñan.
Artigo 20.- Actas.
1.- De cada reunión levantarase unha acta na que deberá figurar as seguintes mencións:
- Lugar da reunión
- Data e hora de comezo
- Asistentes á sesión, membros que escusan a súa asistencia e dos membros que falten sen causa
- Carácter ordinario ou extraordinario da sesión e se esta se celebra en primeira ou segunda convocatoria
- Asistencia do secretario
- Asuntos que se examinan, opinións sintetizadas dos membros que interviñeron
-Votacións que se verifiquen, facendo constar os votos afirmativos ou negativos e as abstencións
- Acordos adoptados
- Hora en que se levante a sesión
2.- Cando non se celebre a reunión por calquera motivo, o/a secretario/a suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura e co visto e prace do presidente, na que se farán constar as causas da súa non celebración e, no seu caso, o nome dos concorrentes e dos que escusaran a súa non asistencia.
3.- As actas someteranse a aprobación na seguinte sesión.
4.- As actas quedarán baixo a custodia do secretario/a.
5.- Unha copia da acta remitiranse aos membros que forman parte do Pleno e da Comisión permanente por correo electrónico se é que manifestaran previamente tal medio como o cauce elexido para tal notificación, e farase pública a través da páxina web habilitada ao efecto.
Disposición adicional primeira.- Para o non regulado na presente norma serán de aplicación as disposicións da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, no RD 2568/1986, do 28 de novembro, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.
Disposición final.- O presente Regulamento entrará en vigor nos termos regulados no artigo 70 da vixente Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.”
Dentro do prazo do mes seguinte ao da entrada en vigor deste Regulamento, as organizacións, institucións e entidades competentes, proporán ao alcalde o nomeamento dos seus representantes no Consello. Para estes efectos a Alcaldía notificará aos colectivos mencionados co obxecto de que no prazo indicado propoñan mediante escrito o titular e suplente que lles corresponda
Contra o mesmo poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Ribeira, 9 de febreiro de 2012
O Alcalde
Manuel Ruiz Rivas
Antes, en Certo, sobre o mesmo:
Ribeira: bo ambiente na reunión entre Concello e directores de centros para formar o Consello Escolar
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia