O premio é un concerto na Coruña o 12 de maio, con Leiva como teloneiros
- Inscricións ata o 23 de marzo na web xuventude.net. Teñen que enviar dous temas de creación propia. Haberá 16 bandas finalistas, entre as que se sorteará unha viaxe de estudo de idiomas ao estranxeiro
- Os asistentes ao concerto levaranse un curso de inglés en liña e optarán a un sorteo de 15 entradas para acudir ao concerto de Lenny Kravitz o 31 de maio, tamén na Coruña
Un dos grupos mozos de Barbanza é AreaVasta, de Ribeira
Barbanza-Noia, 23 de febreiro de 2012.- Polos premios, semella que a Xunta quere que os músicos galegos aprendan inglés antes que outra cousa. A Consellería de Traballo e Benestar -hai que lembrar que a Consellería de Cultura non existe xa como tal e foi absorbida por Educación- convoca este ano unha nova edición do concurso ‘Airiños de Rock&Roll’ co que se pretender dar unha oportunidade aos novos grupos musicais galegos. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe na Coruña as bases da nova edición do concurso.
Así, resaltou que co certame premiarase a dous novos grupos galegos cun concerto na Coruña na que os gañadores serán teloneiros de Leiva, o ex cantante de ‘Pereza’, o próximo 12 de maio no escenario central do Coliseum. Na iniciativa poderán participar os grupos musicais que estean formados por mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia. Ademais, dous dos membros terán que ser menores de 30 anos.
O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o próximo 23 de marzo. Os interesados poderán inscribirse seguindo as bases que están colgadas na páxina web www.xuventude.net. Ademais, será obrigatorio enviar unha gravación de dous temas de creación propia.
A semifinal do concurso celebrarase o propio día do concerto, o 12 de maio, unhas horas antes da actuación dos dous grupos gañadores. Así, o encontro de novas bandas de Galicia terá lugar na sala de concertos ‘O Túnel’, dentro das propias instalacións do Coliseum da Coruña. Neste escenario actuarán as 16 formacións galegas preseleccionadas. De todas elas, dúas serán escollidas para actuar ás 22,00 horas no escenario central, como teloneiros de Leiva.
As dezaseis bandas preseleccionadas serán elixidas por unha comisión nomeada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para este fin, que estará composta por músicos e produtores. Pola súa banda, os dous grupos finalistas serán escollidos cos votos das dezaseis bandas preseleccionadas. No caso de empate, será a comisión anterior quen decida.
Outros premios
Os participantes no certame non só competirán por actuar no Coliseum, senón que, ademais, poderán asistir a unha ‘master class’, que correrá a cargo do guitarrista de Miguel Bosé -agora tamén escritor con "El duelista"- Pedro Andrea. O director xeral de Xuventude tamén explicou que entre as dezaseis bandas finalistas sortearase unha viaxe de estudos de idiomas no estranxeiro nun destino a elixir pola banda.
Finalmente, entre os asistentes ao encontro tamén se sortearán 15 entradas para acudir ao concerto de Lenny Kravitz, que terá lugar no propio Coliseum o próximo 31 de maio. Así mesmo, todos os grupos participantes no certame e os asistentes ao concerto serán obsequiados cun curso de inglés online.
Por último, o responsable da área autonómica apuntou que o certame ‘Airiños de Rock&Roll’ inscríbese no programa “xuventudémúsica”, da Consellería de Traballo e Benestar, que ten como obxectivo ofrecer aos novos grupos galegos a súa participación en accións que faciliten a promoción da súa creatividade.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario