26.9.12

Ribeira: este xoves 27, manifestación contra os recortes na sanidade pública

Manifa_ribeira

Ribeira, 26 de setembro de 2012. Mañá, xoves 27 de setembro, en Ribeira, ás 20.00 no centro de saúde, sairá unha manifestación en contra dos recortes na sanidade pública. "ESPERÁMOSVOS A TODOS E TODAS", sinalan dende a entidade convocante, a Plataforma en defensa da sanidade pública de Barbanza.

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: as edís nacionalistas sinalan que a alcaldesa pretende confundir aos veciños sobre o edificio Sertaches

Moción lei de costas.doc Download this file

  • As edís nacionalistas tamén presentaron unha moción para que se modifique a Lei de Costas que tanto afecta a este concello

Edificio Sertaches en Esteiro Muros-Foto- Inmobiliaria Faro

Edificio Sertaches, en Esteiro, Muros-Foto- Inmobiliaria Faro. Quere saber o que pasa co edificio Sertaches? En 27TV emitiron isto.

Muros, 26 de setembro de 2012. Segundo informan nunha nota de prensa, as edís de Compromiso por Galicia en Muros sinalan que "ante as manifestacións públicas feitas pola alcaldesa de Muros nas que culpa á oposición de ser un atranco para a execución da sentencia que obriga á demolición da 3ª planta e baixo cuberta do edificio Sertaches, por impedir cos votos en contra a consecución dun acordo plenario, os concelleiros nacionalistas queren deixar claro que ese acordo plenario ao que se refire a alcaldesa, e que efectivamente contou cos votos en contra dos nacionalistas, consistía nunha proposta de licitación das obras de demolición cando menos irregular, non era "cumprimos a sentencia ou non a cumprimos".

Aseguran que "esa licitación é competencia da alcaldesa ou da Xunta de goberno local, non necesita a aprobación do pleno, pero por se iso fora pouco, a alcaldesa levou a pleno a proposta de licitación cun PROXECTO SEN REMATAR E SEN APROBAR e que non contaba con partida orzamentaria (como ela mesma recoñeceu na sesión plenaria), en cambio si contaba cun informe DESFAVORABLE de Secretaría e OUTRO DESFAVORABLE de Intervención. Por que o trouxo ao pleno sen ser necesario? Porque non tiña o que tiña que ter? Quería que aprobáramos algo a sabendas de que non cumpría cos requisitos necesarios?".

Os concelleiros nacionalistas sinalan que é un asunto complexo "pero a alcaldesa ten que asumir as responsabilidades que conleva o cargo. Ou que cumpra a sentencia ou que intente camiñar cara á legalización, pero que  deixe de confundir á cidadanía e intentar eludir as súas responsabilidades botándoas enriba da oposición".

Moción íntegra sobre a Lei de Costas


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: denuncian dende o equipo de goberno os recortes en axuda á discapacidade por parte da Xunta

  • A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Noia e membro do grupo municipal do BNG, Sofía Caamaño Lado, acusa á administración do goberno Feijóo "de desentenderse da atención aos nenos e nenas con discapacidade, ao diminuír en 35.000 euros a axuda, que agora está a custear o Concello"


Sofía Caamaño

Noia, 26 de setembro de 2012. Sofía Caamaño acusa á administración autonómica de desentenderse da atención aos nenos e nenas con discapacidade. Segundo informou hoxe, "este ano a Xunta de Galicia eliminou na súa totalidade a subvención ao servizo municipal do STAND, Servizo de Tratamento a Nen@s Discapacitad@s. O que supón unha diminución de 35.000,00 euros. A totalidade do servizo municipal ten custe de 170 mil euros que nestes momentos está asumindo o Concello de Noia, coa agravante de que máis da metade dos nenos non son do Concello de Noia e o resto de concellos non aporta nada".

Caamaño Lado confirma que se está negociando coa Deputación de A Coruña unha solución para que colabore a cubrir o "burato" económico creado pola eliminación de axudas por parte da Xunta de Galicia, "pero nestes intres non hai nada pechado. Ademais, a Deputación non quere cubrilo na totalidade do que o diminuiu a Xunta de Galicia".

ERE en A Misela, tamén polos recortes da Xunta

A rebaixa de axudas por parte da Xunta provocou que a asociación A Misela (na que se integran pais de nenos con discapacidade) teña que facer un ERE para manterse en funcionamento. Pola súa parte, ademais dos 170 mil euros do servizo municipal do STAND o Concello de Noia, especificou a concelleira noiesa, "si mantén as axudas a esta asociación, aportando unha subvención de 4.000 euros anuais, ademais de asumir outros custes como o gasto de ximnasio por 2.582 euros anuais".

Sofia Caamaño afirma que o Concello de Noia manterá nas mesmas condicións o servizo: "en ningún caso se reducirá a atención, nin en horas nin en número de nenos. Grazas á estabilidade económica do Concello podemos e debemos continuar atendendo a nenos e nenas con discapacidade, e que a pesar da diminución das axudas da Xunta e da falla de colaboración doutros concellos os nenos non verán afectada a súa atención, sexan do concello que sexan".

"Feijóo leva a Galicia a unha situación insostible"

Xa en ton máis de precampaña, na cal nos atopamos, a concelleira nacionalista critica a "absoluta irresponsabilidade do goberno do PP da Xunta de Galicia que sempre recorta nos máis febles, desentendéndose completamente dos servizos de atención a nenos con discapacidade, o que amosa a súa falla de sensibilidade e a súa incapacidade económica para dar resposta aos problemas da cidadanía. O goberno da Xunta amósase incapaz de facer fronte económica ás necesidades da xente, o endebedamento do goberno de Feijóo na Xunta está levando a Galicia a unha situación insostible, como demostra o feito de que non sexa capaz nin de axudar aos servizos de atención a discapacitados".




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este domingo 30, Monólogos do Serán, con Carlos Meixide

  • Ás 19 horas na praza de Compostela

Ribeira, 26 de setembro de 2012.- Santa Uxía foi a cidade elixida pola Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia para pechar os seus Monólogos de Serán: unha actividade da Rede de Dinamización Linguística, á cal está adherida como membro fundador o Concello de Ribeira.

Para falar dos detalles desta actuación compareceron no Consistorio local o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García, e o tenente de alcalde do Concello Juan Luis Martínez, ademais da responsable municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín, e Concha Diéguez no nome da empresa encargada da xestión deste programa (Reverso Comunicación).

A de Ribeira será a última das nove sesións ofrecidas pola Secretaría co obxectivo de promover o uso do galego e incentivar o seu emprego como ferramenta de creación artística. A actividade terá lugar na praza de Compostela -na zona do bar Praza e Museo Municipal- o vindeiro domingo 30 de setembro, ás 19 horas, da man do monologuista Carlos Meixide. Ao longo de 50 minutos, este asegurará a diversión en familia co seu humor e unha retranca inequivocamente galega, hibridizada con curiosidades e anécdotas da vida cotiá. O acceso é libre e gratuíto para todos os públicos.

Carlos Meixide é un xornalista e escritor polifacético que mesmo ten traballado como director, guionista e presentador en diversos programas de entretemento da Televisión de Galicia, canle na que se puido ver como actor en series como Un mundo de historias ou Pepe o Inglés. Tal e como se encargou de lembrar o edil Juan Luis Martínez, Carlos Meixide é quen de recitar por orde alfabética todos os concellos da comunidade galega.

Antes de recalaren en Santa Uxía, estes Monólogos de Serán xa se desenvolveron durante o mes de setembro nas localidades de Ponteceso, O Grove, Castrelo de Miño, Foz, Burela, Ribadeo, Monforte de Lemos e Cangas.

Tamén en Certo lle damos pulo ao galego. Participa:


Certame fotográfico: ata o sábado 29 para enviar as fotos de "Móllate polo galego". Mira os premios e como foi a xornada en Tanxil!




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical