18.9.10

Noia: Adega denuncia o troco de cromos coa escolleira e a "chafallada administrativa" do conselleiro Hernández

Noia, 18 de setembro de 2010. A asociación ecoloxista Adega pronunciouse onte sobre o que considera "troco de cromos" entre Costas e Portos de Galicia para levar adiante a limpeza da Ría de Noia e tamén o viaduto sobre a mesma. Como adoitamos facer, replicamos a nota de Adega íntegra, que tamén poden ler en http://adega.info

Troco de cromos na Rede Natura entre a Xunta e Costas: o viaduto de Noia pola escolleira  
    

Adega, 17 de setembro de 2010. A Xunta e o Estado "negocian" autorizarse mutuamente dúas obras de importante repercusión ambiental: por unha banda, a retirada da vella escolleira á entrada da ría de Noia que quere acometer Costas necesita da autorización de Portos de Galiza (Xunta) e por outra a macroponte de 1,4 km da variante de Noia, precisa do visto bo do ministerio. O viaduto  de Hernández tería gravísimas repercusións ambientais e socioeconómicas na ría, espazo protexido da Rede Natura 2000 e foco de produción marisqueira. De efetuarse este vergoñento troco de cromos (oficialmente "complicidade") Costas faríase cómplice da nefasta política territorial de Feijóo, e amosaría outra volta a escasa sensibilidade ambiental da Sra. Espinosa.

A idea do viaduto apenas mudou con respecto ao proxectado en 2004 por Hernández e Feijóo cando tiñan responsabilidades na COTOP. Esta é a excusa do actual conselleiro para non someter novamente a obra á Avaliación de Impacto Ambiental. Mais dende aquela, a regulamentación ambiental avanzou substancialmente e á protección da Rede Natura consagrada por diversas lexislacións hai que engadir as determinacións da Lei da Paisaxe 7/2008, que esixe un estudo de integración paisaxística, do que a obra carece.

Non valen pois excusas de mal xestor nen os "curiosos" procedementos aos que nos ten acostumados o Sr. Hernández. A chafallada administrativa queda máis en evidencia por canto a obra contaba con informes negativos da propia consellaría de Pesca (López Veiga) en base ao estudo de expertos ambientais da Universidade de Cantabria. As súas conclusións indicaban que o viaduto afectaría ao LIC Esteiro do Tambre e á dinámica litoral da ría de Noia, provocando cambios de correntes e mudanzas na composición e profundidade da enseada, poñendo en perigo os bancos marisqueiros do Testal, A Misela e A Barquiña. Este transcendental feito foi sistemáticamente ocultado pola anterior e a actual administración do PP. Hernández rescatou do caixón unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) de hai 4 anos, na que por certo sinalábase que o esteiro do Tambre ten unha “baixa aceptabilidade” para admitir proxectos impactantes debido á súa potencialidade paisaxística e fraxilidade. Alguén entende algo?

A maiores, a obra do viaduto entra en contradición co proxecto Costas para demoler a escolleira de Noia e devolver a configuración natural á ría. A tal escolleira, construida nos anos 70, provocou cambios na profundidade e desprazamentos de areas no contorno que perxudicaron aos bancos marisqueiros. Que non fará agora unha barreira de formigón de 1360 m sobre piares pechando a ría? Resulta lamentábel que nun mesmo espazo protexido o estado (Costas) está a tecer, tentando recuperar a ría, e a Xunta a destecer, facendo o posíbel por degradala, iso sí, todos con cartos públicos. O irónico é que para desenvolver as dúas obras, cada administración precisa de autorización mutua!
ADEGA solicita aos responsábeis do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño que non entren neste xogo perverso de cambadelas coa Xunta. Costas debe paralisar a obra e denegar o permiso até que o viaduto sexa sometido a unha nova avaliación ambiental para determinar os impactos sobre este espazo protexido. Pola súa banda, a Xunta debería elevar a preceitiva consulta a Europa xa que afecta a un LIC da Rede Natura con hábitats prioritarios. A este respeito, ADEGA xa ten efectuada unha denuncia fronte a Comisión Europea por incumprimento da Directiva 92/43CEE de Hábitats e non descarta accións xudiciais por incumprimento da lexislación galega e estatal.

Relacionada:


Escolleira: Portos cede. Costas vaina retirar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng informa sobre o Plan de Ordenación Literal en actos polas parroquias


Ribeira, 18 de setembro de 2010. O BNG
de Ribeira está organizando actos por todo o concello para informar á cidadanía da afección do Plan de Ordenación do Litoral (POL) en Ribeira.

Actos Informativos:

Luns, 20, ás 19,00 horas, Aguiño, Salón de Actos Confraría
Luns, 20, ás 21,00 horas, Castiñeiras, Casa da Cultura

Martes, 21, ás 19,00 horas, Olveira, Bar “O Rueiro”
Martes, 21, ás 21,00 horas, Ribeira, Liceo Marítimo

Mércores, 22, ás 19,00 horas, Corrubedo, Casa do Mar
Mércores, 22, ás 21,00 horas, Palmeira, Casa do Mar

Venres, 24, ás 19,00 horas, Artes, Centro Recreativo
Venres, 24, ás 21,00 horas, Carreira, Casa Cultura

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: charla sobre demencias o 22 de setembro no centro social

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical