18.9.10

Noia: Adega denuncia o troco de cromos coa escolleira e a "chafallada administrativa" do conselleiro Hernández

Noia, 18 de setembro de 2010. A asociación ecoloxista Adega pronunciouse onte sobre o que considera "troco de cromos" entre Costas e Portos de Galicia para levar adiante a limpeza da Ría de Noia e tamén o viaduto sobre a mesma. Como adoitamos facer, replicamos a nota de Adega íntegra, que tamén poden ler en http://adega.info

Troco de cromos na Rede Natura entre a Xunta e Costas: o viaduto de Noia pola escolleira  
    

Adega, 17 de setembro de 2010. A Xunta e o Estado "negocian" autorizarse mutuamente dúas obras de importante repercusión ambiental: por unha banda, a retirada da vella escolleira á entrada da ría de Noia que quere acometer Costas necesita da autorización de Portos de Galiza (Xunta) e por outra a macroponte de 1,4 km da variante de Noia, precisa do visto bo do ministerio. O viaduto  de Hernández tería gravísimas repercusións ambientais e socioeconómicas na ría, espazo protexido da Rede Natura 2000 e foco de produción marisqueira. De efetuarse este vergoñento troco de cromos (oficialmente "complicidade") Costas faríase cómplice da nefasta política territorial de Feijóo, e amosaría outra volta a escasa sensibilidade ambiental da Sra. Espinosa.

A idea do viaduto apenas mudou con respecto ao proxectado en 2004 por Hernández e Feijóo cando tiñan responsabilidades na COTOP. Esta é a excusa do actual conselleiro para non someter novamente a obra á Avaliación de Impacto Ambiental. Mais dende aquela, a regulamentación ambiental avanzou substancialmente e á protección da Rede Natura consagrada por diversas lexislacións hai que engadir as determinacións da Lei da Paisaxe 7/2008, que esixe un estudo de integración paisaxística, do que a obra carece.

Non valen pois excusas de mal xestor nen os "curiosos" procedementos aos que nos ten acostumados o Sr. Hernández. A chafallada administrativa queda máis en evidencia por canto a obra contaba con informes negativos da propia consellaría de Pesca (López Veiga) en base ao estudo de expertos ambientais da Universidade de Cantabria. As súas conclusións indicaban que o viaduto afectaría ao LIC Esteiro do Tambre e á dinámica litoral da ría de Noia, provocando cambios de correntes e mudanzas na composición e profundidade da enseada, poñendo en perigo os bancos marisqueiros do Testal, A Misela e A Barquiña. Este transcendental feito foi sistemáticamente ocultado pola anterior e a actual administración do PP. Hernández rescatou do caixón unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) de hai 4 anos, na que por certo sinalábase que o esteiro do Tambre ten unha “baixa aceptabilidade” para admitir proxectos impactantes debido á súa potencialidade paisaxística e fraxilidade. Alguén entende algo?

A maiores, a obra do viaduto entra en contradición co proxecto Costas para demoler a escolleira de Noia e devolver a configuración natural á ría. A tal escolleira, construida nos anos 70, provocou cambios na profundidade e desprazamentos de areas no contorno que perxudicaron aos bancos marisqueiros. Que non fará agora unha barreira de formigón de 1360 m sobre piares pechando a ría? Resulta lamentábel que nun mesmo espazo protexido o estado (Costas) está a tecer, tentando recuperar a ría, e a Xunta a destecer, facendo o posíbel por degradala, iso sí, todos con cartos públicos. O irónico é que para desenvolver as dúas obras, cada administración precisa de autorización mutua!
ADEGA solicita aos responsábeis do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño que non entren neste xogo perverso de cambadelas coa Xunta. Costas debe paralisar a obra e denegar o permiso até que o viaduto sexa sometido a unha nova avaliación ambiental para determinar os impactos sobre este espazo protexido. Pola súa banda, a Xunta debería elevar a preceitiva consulta a Europa xa que afecta a un LIC da Rede Natura con hábitats prioritarios. A este respeito, ADEGA xa ten efectuada unha denuncia fronte a Comisión Europea por incumprimento da Directiva 92/43CEE de Hábitats e non descarta accións xudiciais por incumprimento da lexislación galega e estatal.

Relacionada:


Escolleira: Portos cede. Costas vaina retirar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical