19.9.10

Boiro: 730.000 euros para saneamento en Mieites, Comoxe e A Cuncheira

O prazo de execución das obras, na segunda fase de saneamento do río Coroño, será de 6 meses 

Muíño da Señora, ao pé do Coroño, en Comoxo

Boiro, 18 de setembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño, en Boiro. A empresa adxudicataria foi a UTE Empresas Viviendas y Obras Civiles-Lancer, Proyectos y Obras que executará o proxecto por un importe de 730.500 euros.

A Xunta de Galicia pretende transmitir con esta actuación o respecto medioambiental xestionando as verteduras urbanas e evitar así os vertidos incontrolados ao medio, como neste caso o río Coroño.

O obxectivo primordial das obras é instalar unha rede de colectores de augas residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira, que actualmente carecen dela, e a súa incorporación no núcleo de Pazos á rede de residuais. Non se contempla a construción da rede de colectores nos restantes núcleos da conca do río Coroño, como Enseño, Pomar do Río, Loxo de Arriba e Loxo de Abaixo, pero teranse en conta á hora do dimensionamento hidráulico dalgúns colectores xerais, así como nun dos bombeos. Ditos núcleos incorporaranse á rede en posteriores fases de construción.

Características do proxecto
As obras consisten en recoller as augas residuais dos núcleos anteriormente mencionados e transportalas mediante colectores por gravidade e impulsións ao depósito de Coroño, situado na localidade de Pazos.

Para levar a cabo os traballos, executaranse 5.592 metros de colectores de residuais por gravidade en tubaxe de PVC, cun diámetro de 315 milímetros. Ademais, instalaranse dúas estacións de bombeo, que realizarán impulsións de 559 mililitros, e executarase un pozo de aneis prefabricados con cámara de chaves in situ, e outro pozo rectangular in situ de formigón.

O prazo de execución das obras será de 6 meses e beneficiarán aos máis de 18.700 habitantes do Concello de Boiro.

Primeira fase
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia tamén financiou a primeira fase da obra de instalación do colector de saneamento do río Coroño, no treito Brazos-Coroño, mediante unha achega económica de preto de 500.000 euros.

Esta primeira fase consistiu na construción dunha nova rede de saneamento, paralela ao río Coroño, que recolle as augas residuais xeradas en varios núcleos de poboación. A rede de saneamento conta agora cun interceptor xeral e ramais secundarios, e ten unha lonxitude total de conducións de 3.400 metros. As augas residuais son conducidas polo interceptor xeral ata unha nova estación de bombeo ubicada na zona de Runes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical