6.11.10

Sanidade: denuncian que se está a paralizar actividade no Hospital da Barbanza pechando axendas en especialidades

O Psoe de Barbanza estenderá a toda a bisbarra unha campaña reivindicativa a prol de máis persoal para o centro sanitario logo do comezo de recollida de sinaturas no Concello de Ribeira levada a cabo pola agrupación socialista local

Boiro, 6 de novembro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage Tuñas visitou hoxe a comarca do Barbanza e mantivo un encontro con responsables locales das agrupacións municipais da bisbarra co obxecto de analisar a situación dos centros sanitarios da comarca.


Lage Tuñas denunciou hoxe que “están pechando as axendas dende a dirección médica evitando dar citas para as consultas especialidadas no Hospital do Barbanza”. O Viceportavoz do Grupo Socialista afirmou hoxe afirma que “hai persoas que levan agardando máis dun ano para intervencións quirúrxicas”.

Lage Tuñas tamén denunciou hoxe que o hospital do Barbanza só conta cun “neurólogo” dous días á semana e só fai a primeira consulta “xa que as revisións periódicas teñen que facelas no Hospital Clínico Universitario de Santiago”.

O PSdeG-PSOE urxe á consellería de Sanidade a que resolva o déficit de persoal no Hospital do Barbanza antes de que finalice o ano 2010.

O deputado socialista denunciaba na rolda de prensa celebrada en Boiro que “dende a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia estamos observando un claro deterioro dos servizos sanitarios, ao diminuir o persoal de servizos xerais, minorar os profesionais de medicina especialidade e reducir as inversións en equipamentos sanitarios”.

“Feijóo decidiu recortar o orzamento en Sanidade, educación e axudas a dependencia e manter o gasto na Cidade da Cultura, os asesores ou as fundacións comarcais. A consecuencia é unha disminución de fondos públicos para os servizos hospitalarios”.

“Nos últimos meses medrou de maneira signifcativa a espera para unha consulta especializada” destacou Lage Tuñas. “É urxente que o goberno galego frene o seu ataque á sanidade pública” dixo o viceportavoz do PSdeG-PSOE e recordou que “fai meses que lle pedimos á Xunta que escoite as reivindicacións do comité de empresa”.

“Nós imos defender novamente no Parlamento que se incremente o persoal do hospital do Barbanza para mellorar a asistencia sanitaria”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage rexistrará o vindeiro luns unha iniciativa no Parlamento e afirma que “o goberno galego está deteriorando a calidade do centro hospitalario barbanzano, pechando periódicamente as axendas para as consultas especialidadas”.

O deputado barbanzano di que “os socialistas volveremos a facer unha proposta con ánimo constructivo e pedímoslle á Consellería de Sanidade que resolva antes de que finalice o ano 2010 o déficit de persoal que hai no Hospital do Barbanza”. Lage Tuñas ten recollido nas súas iniciativas unha parte importante das demandas do comité de empresa do Hospital do Barbanza, e demandarán no Parlamento de Galicia que se incremente o número de celadores/as de dito centro hospitalario.

O deputado do PSdeG recordou que “o PP votou xa en contra dunha proposta que defendín no parlamento fai dous meses e que recollía as propostas do comité de empresa do hospital” e nesa liña destacou que “o hospital da cobertura a unha poboación potencial de 70.000 habitantes e a lentitude da asistencia nalgúns casos débese á falta de celadores/as, e a sobrecarga de traballo que están sufrindo @s auxiliares de enfermería”. ”Fai meses que o goberno galego coñece as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Hospital do Barbanza, e polo de agora non deron un só paso adiante nin deron explicacións do que teñen pensado facer, e cómpre que se adopten decisións inmediatas”. José Manuel Lage defende que se mellore a calidade asistencial do Hospital do Barbanza “dado que os cidadáns desta área sanitaria non deben ser tratados como cidadáns de segunda, senón que teñen os mesmos dereitos que os que habitan nas cidades”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: Xuventudes Socialistas esixe que se arranxe a depuradora local, que funciona mal

A Pobra do Caramiñal, 6 de novembro de 2010. As Xuventudes Socialistas da Pobra  emitiron unha nota de prensa na que instan a que se solucionen os malos cheiros e o "desastre ambiental" da vila en xeral, que, no seu parecer, se debe ao mal funcionamento da estación depuradora de augas residuais. O responsable destas declaracións é Manuel Gude, voceiro de Xuventudes Socialistas na área de Medio Ambiente, e estudante de último curso de Enxeñería Industrial.

"Queremos mostrar a preocupación que os veciños nos transmiten por mor do desastre medioambiental da vila, así como da nula conciencia ecolóxica mostrada polo goberno municipal o longo de 12 anos de goberno. Queremos aportar a nosa visión e os nosos coñecementos para afrontar dun xeito decidido un mal endémico que vén padecendo dende fai moitos anos o noso concello.

Fixemos un estudio dos planos da edar que están publicados na páxina web de Augas de Galicia. Polo que apreciamos o funcionamento da edar da Pobra non é o correcto nin moito menos. Os cheiros que desprende son un claro sinal do mal funcionamento de esta. Aínda que está pensada para uns 30.000 habitantes está mal confeccionada según a documentación publicada.

Temos un tema de fondo: esta edar está deseñada para eliminar a auga residual dos veciños, non das industrias sen pre-depuración. Parecerá que isto é unha nimiedade pero a realidade é que as verteduras e desfeitos que verten as empresas non son nin o mesmo nin na mesma cantidade. Por exemplo, unha empresa non paga a luz co mesmo prezo que nós os veciños, ou tampouco é o mesmo prezo para o abastecemento de auga: entón por que teñen que verter sen un tratamento previo?

Por outra banda, hai que sinalar que está mal concibida, xa que neses planos que atopamos na páxina web de Augas de Galicia, un dos tratamentos máis importantes non está presente. Trátase da decantación primaria que é onde a auga unha vez pasada a etapa de desareado-desengraxado debería estar en repouso un día polo menos, para que todos os elementos solubles que levan as augas fecais quedaran no fondo e as graxas que poidan quedar nesta, quedaran na superficie. Cal é o problema de que non haxa este tratamento? Pois é moi sinxelo,: ao meter a auga tal e como vén da etapa de desareado-desengraxado, no reactor biolóxico, fai que as bacterias aerobias e anaerobias morran e non fagan o seu traballo. Isto é unha das causas dos malos cheiros e de que a auga non estea de todo depurada cando sae da Edar. Cabe subliñar un dato gracioso: que na Pobra temos decantador secundario, que como di o propio nome deste, tería que haber antes un primario, ou non? Pois nada máis lonxe da realidade.

Esixencia de decantamento primario

Dende Xuventudes Socialistas da Pobra, solicitamos que se lle esixa as empresas radicadas na Pobra unha pre-depuración das augas e tamén unha instalación do decantamento primario xa que o medio ambiente non entende de aforrar. Por outra parte, tamén solicitamos, xa que temos un silo de fangos, estes son riquísimos en termos de enerxía, e producen moito biogás, e este pódese utilizar para queimar e producir electricidade. Entendemos que si se sacaran unha cantidade importante de fangos, poderiamos producir electricidade para todos os nosos cidadáns. As cousas ben feitas nin cheiran nin son unha ruína económica. Preocúpanos o benestar das empresas porque son  xeradoras de emprego e riqueza pero é necesario facer compatible o desenvolvemento económico co respecto ó medio ambiente e co cumprimento da lexislación ambiental. Isto é o obxectivo".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical