O Psoe de Barbanza estenderá a toda a bisbarra unha campaña reivindicativa a prol de máis persoal para o centro sanitario logo do comezo de recollida de sinaturas no Concello de Ribeira levada a cabo pola agrupación socialista local
Lage Tuñas denunciou hoxe que “están pechando as axendas dende a dirección médica evitando dar citas para as consultas especialidadas no Hospital do Barbanza”. O Viceportavoz do Grupo Socialista afirmou hoxe afirma que “hai persoas que levan agardando máis dun ano para intervencións quirúrxicas”.
Lage Tuñas tamén denunciou hoxe que o hospital do Barbanza só conta cun “neurólogo” dous días á semana e só fai a primeira consulta “xa que as revisións periódicas teñen que facelas no Hospital Clínico Universitario de Santiago”.
O PSdeG-PSOE urxe á consellería de Sanidade a que resolva o déficit de persoal no Hospital do Barbanza antes de que finalice o ano 2010.
O deputado socialista denunciaba na rolda de prensa celebrada en Boiro que “dende a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia estamos observando un claro deterioro dos servizos sanitarios, ao diminuir o persoal de servizos xerais, minorar os profesionais de medicina especialidade e reducir as inversións en equipamentos sanitarios”.
“Feijóo decidiu recortar o orzamento en Sanidade, educación e axudas a dependencia e manter o gasto na Cidade da Cultura, os asesores ou as fundacións comarcais. A consecuencia é unha disminución de fondos públicos para os servizos hospitalarios”.
“Nos últimos meses medrou de maneira signifcativa a espera para unha consulta especializada” destacou Lage Tuñas. “É urxente que o goberno galego frene o seu ataque á sanidade pública” dixo o viceportavoz do PSdeG-PSOE e recordou que “fai meses que lle pedimos á Xunta que escoite as reivindicacións do comité de empresa”.
“Nós imos defender novamente no Parlamento que se incremente o persoal do hospital do Barbanza para mellorar a asistencia sanitaria”.
O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage rexistrará o vindeiro luns unha iniciativa no Parlamento e afirma que “o goberno galego está deteriorando a calidade do centro hospitalario barbanzano, pechando periódicamente as axendas para as consultas especialidadas”.
O deputado barbanzano di que “os socialistas volveremos a facer unha proposta con ánimo constructivo e pedímoslle á Consellería de Sanidade que resolva antes de que finalice o ano 2010 o déficit de persoal que hai no Hospital do Barbanza”. Lage Tuñas ten recollido nas súas iniciativas unha parte importante das demandas do comité de empresa do Hospital do Barbanza, e demandarán no Parlamento de Galicia que se incremente o número de celadores/as de dito centro hospitalario.
O deputado do PSdeG recordou que “o PP votou xa en contra dunha proposta que defendín no parlamento fai dous meses e que recollía as propostas do comité de empresa do hospital” e nesa liña destacou que “o hospital da cobertura a unha poboación potencial de 70.000 habitantes e a lentitude da asistencia nalgúns casos débese á falta de celadores/as, e a sobrecarga de traballo que están sufrindo @s auxiliares de enfermería”. ”Fai meses que o goberno galego coñece as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Hospital do Barbanza, e polo de agora non deron un só paso adiante nin deron explicacións do que teñen pensado facer, e cómpre que se adopten decisións inmediatas”. José Manuel Lage defende que se mellore a calidade asistencial do Hospital do Barbanza “dado que os cidadáns desta área sanitaria non deben ser tratados como cidadáns de segunda, senón que teñen os mesmos dereitos que os que habitan nas cidades”.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario