5.12.10

Porto do Son: a Xunta rematou o levantamento topográfico e a análise do estado actual do Castro de Baroña

Logo de 14 anos sen actuacións arqueolóxicas no castro, cun proxecto promovido pola Secretaría Xeral para o Turismo e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Un dos arqueólogos traballando neste levantamento topográfico que xa rematou

Porto do Son, 5 de decembro de 2010.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo vén de promover o proxecto Levantamento topográfico, documentación e estudo do estado actual do Castro de Baroña, autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Deste xeito a Xunta de Galicia, explica a Consellería en nota de prensa, amosa o seu compromiso coa recuperación do castro, un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia e a icona do turismo cultural no Barbanza.

A través deste traballo, a Consellería de Cultura e Turismo pretende coñecer o estado de conservación real do asentamento, despois de catorce anos sen actuacións arqueolóxicas no seu ámbito. Trátase de documentar de xeito exhaustivo a súa morfoloxía, identificar os axentes de alteración e dispor dunha base sólida para estudar actuacións correctoras e acometer futuros traballos de conservación e posta en valor.

Realizouse un varrido fotográfico aéreo cun pequeno zeppelin

Os traballos foron realizados por un equipo multidisciplinar dirixido polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello e o arquitecto Marcial Rodríguez, dous especialistas que forman parte do equipo redactor do Plan Especial de Protección do castro. O proxecto comprende unha diagnose detallada tanto do xacemento como de cada unha das construcións escavadas no mesmo e que permanecen á vista. Ademais tamén contén un varrido fotográfico aéreo realizado a media e baixa altura, con vistas do asentamento castrexo e da súa integración na paisaxe, dominada pola praia de Arealonga e a boca da ría de Muros e Noia.

Ademais do seu valor como documento arqueolóxico, o estudo contén recursos moi importantes para a promoción turística do sitio arqueolóxico, e por extensión, de todo o concello de Porto do Son. Neste sentido, o informe tamén inclúe cartografías dos axentes negativos que ao longo destes anos influíron no estado de conservación do mesmo, como a erosión ou a existencia de construcións sen tratamento de conservación en zonas escavadas.

Resultados dos traballos

O sonense Xanma Alonso Vázquez documentou nun álbum en Facebook varias formacións de pedras ao pé do castro que foron feitas de xeito espontáneo por varios visitantes

No ámbito do Castro de Baroña documentáronse seis "áreas de impacto crítico" que, xeralmente, coinciden con sectores do castro onde actúan simultaneamente e con moita virulencia os factores de impacto que funcionan neste xacemento como a existencia de construcións sen tratamento de conservación en zonas escavadas, a erosión que fai desaparecer o soporte e a presión que supón o tránsito incontrolado de persoas.

Ao abeiro deste estudo realizouse un seguimento en directo dos movementos das visitas, tanto masivas como de pequenos grupos ou parellas, de xeito que se puido facer un plano das sendas e itinerarios realizados, de xeito espontáneo, polos turistas e outros visitantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: uns 140 participantes no XXII trofeo de CicloCross "Concello de Boiro", este luns 6 de decembro

Ollo aos usuarios da estrada de Boiro a Escarabote: corte de tráfico de nove da mañá a dúas da tarde

Paseo marítimo de Escarabote

Boiro, 5 de decembro de 2010. Mañá, luns 6 de decembro, disputarase a proba ciclista Trofeo Ciclocross Concello de Boiro, que este ano cumpre a súa XXIII edición. A proba será para as categorías cadetes, féminas, xuvenís, senior, máster-30, máster-40, veteráns-50, sub-23 e elite, e as previsións de participación son de 140 corredores de toda Galicia e a posible participación de corredores do pais veciño, Portugal.

Os horarios das probas son: - Cadetes e féminas: 10:15 h.  - Xuvenís, senior, máster e veteráns: 11:00 h. - Sub-23 e elite: 12:00

Premios que recibiran os primeiros clasificados: premios en cartos para os tres primeiros clasificados e trofeo; premios en cartos do 4º ao 10º clasificado e pago de dietas do 11º ao 25º clasificado.

Dende a organización anímase ao público en xeral a presenciar esta proba, moi vistosa e con corredores de moita calidade.

Corte de tráfico entre Boiro e Escarabote polo paseo de praia Xardín


Comunícase aos usuarios da estrada que une Boiro con Escarabote polo paseo marítimo, en especial á liña de transporte que realiza esta ruta, que o vindeiro luns 6 de decembro de 2010 (día da Constitución, e polo tanto festivo) realizarase un corte de tráfico entre as 09:00 h e as 14:00 h con motivo da disputa desta proba ciclista. A organización lamenta os problemas que isto pode ocasionar e solicítalle os interesados que utilizen a estrada que pasa pola Madalena para acceder de Boiro a Escarabote.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical