8.2.11
Noia: o venres 25 de febreiro preséntase a última novela do editor Víctor Freixanes
Víctor Freixanes, o día que presentou Google Books para a súa editorial, Galaxia (foto de Tamara Peña) Noia, 8 de febreiro de 2011. Barbantia organiza o vindeiro venres 25 de febreiro, xunto co Concello de Noia, a presentación da novela Cabalo de ouros, do profesor, editor e escritor Víctor Fernández Freixanes. O acto terá lugar na Casa da Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia, o venres 25 de febreiro, ás 20:30 h; e nel estarán presentes, xunto co autor, os socios de Barbantia Antón Riveiro Coello, Xerardo Agrafoxo, Encarna Pego e Isabel Santos; e o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero.
Freixanes (con óculos de sol) e Villares, na Feira do Libro da Habana (foto de Iria Lago)
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Cultura: presentado o proxecto dun novo documental sobre Valle, titulado "Romance de Lobos en Terras de Arousa"
Vilanova de Arousa, 8 de febreiro de 2011.- O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos participou esta mañá na Casa Museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa na presentación do proxecto de documental ‘Romance de lobos en terras de Arousa’. O documental, que conmemora o 75 aniversario do pasamento do escritor arousán, conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través do convenio asinado coa Fundación Valle-Inclán.
O acto de presentación contou coa participación do Vicepresidente da Deputación e da Fundación Valle-Inclán José Juan Durán, o produtor do documental ‘Romance de lobos en terras de Arousa’, Xoán Xosé Mariño e o escritor e familiar de Valle-Inclán, Javier del Valle-Inclán Alsina. O director xeral do Libro asegurou na súa intervención que “contar con autores da envergadura de Valle, constitúe unha vía de acceso potentísima para ocupar o noso espazo como sociedade”.
Pardo de Vera ataviado como Valle nun documental recente
Respecto á temática do proxecto fílmico lembrou que “os nosos pazos, o noso mar, a terra que pisamos como pobo e á que acoden as peregrinacións de Europa está presente en Romance de lobos, nas Comedias bárbaras, en todo o ciclo carlista e en canto texto saíu da man dos grandes escritores e escritoras paisanos nosos”. Francisco López enxalzou a obra de Valle-Inclán destacando “a expresión, a comunicación e a enerxía da palabra, onde se decanta o noso ollar e a nosa esencia colectiva”.
Segundo o director xeral do Libro, “os tempos traen incerteza en todas as ordes (recursos económicos en transformación, sistemas de comunicación, novos soportes, canles de comercialización que abandonaron o terreo,...) pero tamén a confianza en que a expresión de Galicia segue adiante coa inercia de milenios”. “Temos un soporte perfecto para atravesar as turbulencias e saír reforzados, e nesa confianza, temos que seguir traballando”, engadiu.
Relacionadas:
Documental: "Este que veis aquí", sobre Valle. Rodouse na Pobra
Valle Inclán: primeiro acto de homenaxe polo 75 cabodano
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Boiro: bases do cuarto certame literario "Ramón Martínez López" e actividades culturais da fin de semana
Boiro, 8 de febreiro de 2011. Esta mañá presentouse o IV Certame literario "Ramón Martínez López". Está aberto a todos os públicos, aínda que a maior parte das categorías están destinadas a alumnos da vila.
Este venres 11, Tanxarina Títeres, ás 20 horas, representará a obra Os trogodlitas. Trátase de teatro infantil e familiar, a partires de 5 anos.
O sábado 12, ás 18.00 horas, curso de música caseira e ás 20 horas concerto de The Homens. Máis información en
Bocaberta: Porto do Son, Pobra, Boiro e Muros acollen actividades esta fin de semana
Cultura: certame de Cartas de amor en Fene. Ata o 11 de febreiro. Participa!
Premio de novela "Cidade de Riveira": admisión de orixinais ata marzo de 2011
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
A Pobra do Caramiñal: o Concello modificará instalacións en varios edificios para aforrar enerxía
A Pobra do Caramiñal, 8 de febreiro de 2011. O Concello da Pobra do Caramiñal levou a cabo un estudo nos edificios municipais para poder levar a cabo a instalación de equipamentos que axuden a aforrar enerxía nos mesmos. Nestes días estanse a instalar nos edificios do Concello unha serie detectores e lámpadas de baixo consumo.
Tamén se traballa na substitución dos tubos fluorescentes actuais, que sobrepasan o milleiro, por outros de mellor eficiencia enerxética. A maiores, nos radiadores colócanse válvulas termostáticas, de xeito que só traballen cando a temperatura baixe a determinado nivel ou segundo se programen. Vanse instalar 211 válvulas.
No mercado municipal instalarase unha batería de condensadores e no polideportivo Venecia irán placas solares de tipo térmico (8 metros cadrados de paneis para acadar os 8 quilovatios, co que se cubrirían as necesidades totais de auga quente neste pavillón.
Estas melloras estanse a facer na Casa do Concello, nas oficinas da policía municipal, no mercado, no polideportivo Venecia, no ceip Salustiano Rey e no ceip Fernández Varela. Investiranse máis de 45.000 euros para "conseguir un aforro enerxético de acordo cos novos regulamentos", explicaron dende o Concello.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Boiro: vaise un novo voluntario a Romanía para participar en proxectos educativos en Craiova
Casa do Concello de Craiova, en Romanía (Wikipedia)Boiro, 8 de febreiro de 2011. O vindeiro 15 de febreiro o Concello de Boiro enviará de novo a un voluntario para participar nun proxecto europeo en Romanía. Con este xa son 6 os mozos (4 nun proxecto en Romanía, un nun proxecto en Irlanda e outro nun proxecto en Italia) que na actualidade foron enviados pola entidade local dentro do proxecto Xuventude en Acción para participar en proxectos de diversa índole, fundamentalmente do eido social. Concretamente, este novo voluntario participará nun proxecto de educación non formal en centros educativos na cidade de Craiova desde o 15 febreiro ata o15 de novembro do 2011.
Tanto técnicos como a Concelleira de Mocidade, Dores Torrado, destacan "o éxito que está a ter o programa de voluntariado europeo e as elevadas peticións que teñen na oficina de información xuvenil non só procedentes da comarca do Barbanza, senón que son moitos os mozos que recorren á oficina de Boiro procedentes doutros concellos para tomar parte desta iniciativa. Ata o de agora o país con máis demanda foi Romanía, posto que é un dos países con máis proxectos activos para acoller a voluntarios, pero as ofertas son moi variadas tanto en temática como en ubicación".
A Concellería de Mocidade, que ata o momento participou como entidade de envío e acollida no Servizo de Voluntariado Europeo, nun intercambio en Holanda para formación de traballadores xuvenís e nun intercambio con mozos europeos en Sicilia, seguirá apostando dentro das liñas de participación xuvenil pola súa implicación nos programas de Xuventude en Acción e as actividades que fomenten a movilidade xuvenil, feito que se demostra con dous proxectos que acaba de solicitar dentro dos programas europeos, un novo intercambio xuvenil que se realizará no verán na localidade e unha visita á cidade Italiana de Venecia e Selvazzano.http://omixboiro.blogspot.com
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Música: os ribeirenses Jabon Blue abren unha campaña sobre condución responsable cun concerto gratuito en Santiago
Imaxe da presentación da campaña en RibeiraRibeira, 8 de febreiro de 2011. O vindeiro 24 de febreiro, ás 23 horas, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, terá lugar un concerto do grupo ribeirense Jabón Blue para presentar a campaña Libre 2011 da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo fomentar unha condución responsable e libre de alcohol entre a mocidade.
O espectáculo será presentado polo artista Manuel Manquiña e, ademais do concerto propiamente dito, dará cabida á emisión do videoclip do tema Flores en la carretera que a banda que lidera Javi Maneiro gravara no pasado mes de outubro en diversos sitios do municipio de Ribeira e en concellos limítrofes. Cabe lembrar que dito videoclip contou coa participación do citado Manuel Manquiña e da actriz local Susana Rodríguez Sampedro.
Reserva de entradas
Os interesados en asistir gratuitamente a este acontecemento poden facer a súa reserva chamando a un destes números: 981544867, 981545937, 981541689 ou 981545702. O horario de atención é de luns a venres, de 9 a 14.30 horas. A data límite para apuntarse é o día 24.
Tamén se pode facer a reserva mandando un correo electrónico a xuventude@xunta.es con indicación de nome, apelidos e DNI, antes do día 24.
A entrada é gratuíta e recollerase na mesma Sala Capitol o día do concerto.
Webs de referencia:
Antes publicamos:
Jabon Blue, a prol da condución responsable
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Lingua galega: "Detrás da canción" encheu de música Ribeira con Projecto Mourente e The Homens
“Detrás da canción” enmárcase dentro do programa Bocaberta, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Esta iniciativa conta co apoio da Secretaría Xeral de Medios a través da Rede de Telecentros de Comunicación.
A actividade dividiuse en dúas partes:
1.- Curso de música caseira: En primeiro lugar, entre as 18 e as 20 horas, desenvolveuse un curso de música caseira dirixido por Carlos Valcárcel, de Projecto Mourente, na aula multimedia. Os participantes tiveron oportunidade de coñecer as formas máis actuais de compoñer unha canción, gravala e distribuíla facendo uso das novas tecnoloxías.
2.- Concerto acústico: A continuación, o Auditorio Municipal acubillou un concerto acústico dunha hora de duración no que os integrantes do grupo compostelán “The Homens” tocaron varias cancións do seu repertorio, composto integramente en galego.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: Verdegaia e a Anpa "Caramecheiro" organizan un cinefórum no Ateneo ata o 23 de xuño
A seguinte proxección será o 3 de marzo, sobre débeda ecolóxicaRibeira, 8 de febreiro de 2011. O pasado día 3 de febreiro comezou un ciclo de video-fórum que en Ribeira organizan conxuntamente Verdegaia, a ANPA Caramecheiro (Instituto nº 1) e o Ateneo Valle Inclán. As películas escollidas abordan temáticas relacionadas co actual modelo de desenvolvemento e as súas consecuencias ambientais e sociais.
Ao final de cada proxección ábrese un debate sobre o tema abordado na mesma.
O ciclo desenvolverase ata o 23 de xuño no local do Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza), cunha periodicidade mensual e en horario de 8 da tarde. A entrada é de balde.
Con esta actividade, dende as entidades organizadoras pretenden encher un oco en Ribeira, ofrecendo un lugar para o coñecemento, a reflexión e o debate acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais.
Programación:
-
“A débeda ecolóxica: quen debe a quen?”, de Ecoloxistas en Acción. Constantemente oímos falar da débeda financeira dos países do Sur con bancos e gobernos do Norte. Esta peli pídenos que reflexionemos e, tendo en conta a débeda ecolóxica do Norte co Sur, nos preguntemos, realmente, quen debe a quen. Duración aproximada de media hora. (3 de marzo)
-
“O poder da comunidade”, de Arthur Morgan Institute for Community Solutions. Fala do pico do petróleo, e de como un país que de algún modo xa o viviu (Cuba) o enfrontou, por se algunha das súas experiencias nos poden servir como modelo. 53 ' (31 de marzo)
-
“Xares, o río que nos leva”, de Pedro Prada Blanco. Longametraxe dedicada aos encoros e aos pobos que desapareceron baixo deles en aras dun mal entendido progreso. (28 de abril)
-
“Ola, estás facendo unha peli”; unha orixinal experiencia de creación colectiva que bota unha mirada chea de frescura ao mundo da inmigración. 42 ' de duración. (26 de maio)
-
“Amazonia, masato ou petróleo”, de Josep Ramón Giménez, documental de case unha hora de duración que quere mostrar o menosprezo dos poderes políticos e económicos cara a selva e os seus pobladores. É unha denuncia das políticas en contra dos indíxenas, e do expolio que as multinacionais fan dos recursos dun territorio que, a fin de contas, é seu. (23 de xuño).
Os documentais programados distribúense libremente, e todos eles están postos a disposición de todo o público polos seus autores na rede.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia