8.2.11

Ribeira: Verdegaia e a Anpa "Caramecheiro" organizan un cinefórum no Ateneo ata o 23 de xuño


A seguinte proxección será o 3 de marzo, sobre débeda ecolóxica

Ribeira, 8 de febreiro de 2011. O pasado día 3 de febreiro comezou un ciclo de video-fórum que en Ribeira organizan conxuntamente Verdegaia, a ANPA Caramecheiro (Instituto nº 1) e o Ateneo Valle Inclán. As películas escollidas abordan temáticas relacionadas co actual modelo de desenvolvemento e as súas consecuencias ambientais e sociais. 

Ao final de cada proxección ábrese un debate sobre o tema abordado na mesma. 

O ciclo desenvolverase ata o 23 de xuño no local do Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza), cunha periodicidade mensual e en horario de 8 da tarde. A entrada é de balde.

Con esta actividade, dende as entidades organizadoras pretenden encher un oco en Ribeira, ofrecendo un lugar para o coñecemento, a reflexión e o debate acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais.

Programación:

  • “A débeda ecolóxica: quen debe a quen?”, de Ecoloxistas en Acción. Constantemente oímos falar da débeda financeira dos países do Sur con bancos e gobernos do Norte. Esta peli pídenos que reflexionemos e, tendo en conta a débeda ecolóxica do Norte co Sur, nos preguntemos, realmente, quen debe a quen. Duración aproximada de media hora. (3 de marzo)

  • “O poder da comunidade”, de Arthur Morgan Institute for Community Solutions. Fala do pico do petróleo, e de como un país que de algún modo xa o viviu (Cuba) o enfrontou, por se algunha das súas experiencias nos poden servir como modelo. 53 ' (31 de marzo)

  • “Xares, o río que nos leva”, de Pedro Prada Blanco. Longametraxe dedicada aos encoros e aos pobos que desapareceron baixo deles en aras dun mal entendido progreso. (28 de abril)

  • “Ola, estás facendo unha peli”; unha orixinal experiencia de creación colectiva que bota unha mirada chea de frescura ao mundo da inmigración. 42 ' de duración. (26 de maio)

  • “Amazonia, masato ou petróleo”, de Josep Ramón Giménez, documental de case unha hora de duración que quere mostrar o menosprezo dos poderes políticos e económicos cara a selva e os seus pobladores. É unha denuncia das políticas en contra dos indíxenas, e do expolio que as multinacionais fan dos recursos dun territorio que, a fin de contas, é seu. (23 de xuño).

Os documentais programados distribúense libremente, e todos eles están postos a disposición de todo o público polos seus autores na rede.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical