25.1.13

Boiro: o Psoe critica a ineficacia do goberno local do PP no derrubamento da Magdalena

Boiro, 25 de xaneiro de 2013. Os socialistas boirenses denuncian "a ineficacia do goberno local encabezado por Juan José Dieste, nesta ocasión en relación co derrubamento de terra na estrada da Magdalena a San Mauro, na C-305, onde se abateu parte do terreo dos barrancos enriba das beirarrúas e mesmo chegando ao vial por donde circulan os vehículos".

Para o Psoe boirense, "esta desfeita é previa ao temporal Gong, ata que hoxe mesmo, quince días despois, comezaron a retirar a terra desprendida.  Pasaron dúas semanas sen que dende o Concello se fixese absolutamente ningún tipo de acción para solventar este problema, poñendo, en consecuencia, en grave risco aos veciños e veciñas da parroquia, aos viandantes que pasean por esta zona e mesmo ás vivendas e aos propios vehículos, xa que advertimos que o risco de derrumbe é inminente. É por isto que podemos sinalar que este derrubamento é a mostra máis palpable e visible da desidia e desgoberno do Executivo Local".

A causa da talla de arborado

Dacordo coas conversacións con algúns dos veciños, o Psoe cre que o derrubo foi debido á
talla indiscriminada de árbores por parte do executivo boirense xunto coa falta de mantemento das infraestruturas do concello. "Agora o señor Dieste, supoñemos, vaise inventar algunha outra cifra que publicitar nos medios para subsanar esta deficiencia, tal e como xa fixera coa denuncia anterior realizada pola Agrupación Socialista de Boiro en relación coas verteduras ao río Coroño. Daquela afirmaba nun medio escrito que esperaba 5,5 millóns de euros e, noutro, 1,2 millóns. Sen embargo, a realidade é totalmente  diferente, xa que Boiro unicamente recibirá a ridícula cifra de 499,90 euros, que serán destinados á limpeza de praias. Esto ven reflectido nos orzamentos da Xunta para o presente ano 2013", apuntan dende o grupo socialista.
 
"Outra mostra da deixadez deste goberno é o acontecido no lugar de Vilariño en relación
coa limpeza de cunetas e canalización das augas pluviais fóra da estrada que impiden aos
veciños mesmo poder camiñar pola rúa. A pesares das diversas denuncias e reclamacións
realizadas nas dependencias do concello, este asunto segue sen ser resolto, empeorando
en días como os actuais de chuvias abundantes. Sendo conscientes de que o alcalde non fai o seu traballo, dende o PsdeG de Boiro vimos de presentar unha batería de enmendas aos orzamentos da Xunta, nas que se atopaba, entre outras cuestións, o arranxo do derrubamento na estrada C-305, coa proposta de realizar uns muros de contención. Xa que o goberno do Partido Popular semella cruzarse de brazos, seremos os socialistas os encargados de solicitar e esixir ante os estamentos superiores o que consideramos que é xusto para o noso municipio", remata o Psoe de Boiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: a exposición pública a información sobre a renovación ambiental da planta de reciclaxe de Servia

  • O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe esta resolución, pero a documentación só pode verse no Concello de Lousame ou en delegacións da Xunta en Santiago e Coruña
  • A Xunta inicia a información pública da renovación ambiental integrada da planta de residuos urbanos da mancomunidade de concellos da serra do Barbanza
  • A autorización outorgouse por un prazo de vixencia de cinco anos, polo que estanse realizando os trámites correspondentes para a súa renovación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Media_httpfarm6static_zjwhy


Lousame, 25 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe a resolución pola que se somete a información pública o proxecto de renovación ambiental integrada do Complexo Medioambiental de Tratamento de Residuos Sólidos e Asimilables a Urbanos da Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza, situada no concello de Lousame.

Esta instalación conta con autorización ambiental dende setembro de 2008, sendo o titular da mesma a súa empresa concesionaria, Fomento de Construcciones y Contratas, e outorgouse por un prazo de vixencia de cinco anos, polo que se están realizando os trámites correspondentes para a súa renovación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O sometemento da documentación a información pública é un dos trámites contemplados para as renovacións no Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, de 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación. Por elo, esta permanecerá exposta ao público, por un período de 30 días hábiles.

Alegacións e suxestións
Durante este prazo calquera interesado poderá consultala e, no seu caso, formular as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. A documentación estará exposta nas seguintes dependencias: Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental – Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería, e no Concello de Lousame.

Ao remate do prazo de información pública, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estudará as alegacións, suxestións ou observacións presentadas, téndoas en conta na resolución do expediente.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: abren prazo para dar ideas que dinamicen as rúas peonís da cidade

Comerciantes_zonas_peons

  • O concelleiro de Comercio e o de Atención Cidadá reuníronse cos propietarios de tendas afectadas

 

Ribeira, 25 de xaneiro de 2013.- O salón de plenos do Consistorio encheuse onte por completo durante a reunión convocada polo Executivo (representado alí polos concelleiros de Atención Cidadá –Juan Luis Martínez-, Comercio –Anxo Orellán- e Consumo, -Vicente Mariño-) cos titulares de negocios situados en rúas peonís (tamén coa asociación de empresarios) co obxectivo de consensuar pautas de actuación que contribúan á dinamización e potenciación do comercio local nestas zonas.

Tras unha hora e media de debate, as sensacións do Goberno Municipal foron moi boas, ao percibir un ambiente participativo e unha gran predisposición a alcanzar acordos que redunden na posta en valor das áreas afectadas.

Neste senso, a gran maioría dos comerciantes coincidiron en aseverar que as rúas peonís deben funcionar como tales, outorgando preferencia ás persoas de xeito que poidan transitar libremente sen se ver importunadas pola circulación de vehículos, na certeza de que isto contribuirá ao establecemento de sinerxías beneficiosas para o comercio e a hostalería.

Aparcamentos de curta duración

Entre as propostas debatidas, figuran as de limitar as horas de carga e descarga, habilitar prazas de aparcamento de uso de curta duración para facilitar que os clientes poidan realizar as súas compras ou xestións, ou mesmo dedicar un ou varios días ao comercio na rúa para que os negocios poidan expoñer os seus produtos en plena vía pública.

Partindo da premisa de que a humanización da cidade ten que ser un proceso de todos, o próximo paso a dar será a publicación na vindeira semana da acta da reunión na páxina web municipal (www.riveira.es) e abrir un prazo para que tanto os comerciantes afectados como calquera cidadá poida expresar online ou por teléfono as súas suxestións e ideas ao respecto. Acto seguido, emprazarase aos comerciantes a unha próxima reunión para que esta boa disposición se materialice en acordos concretos.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: obras en Palmeira para arranxar a rúa Esteirón e comezo do amaño de Caticovas

 

Ribeira, 25 de xaneiro de 2013.- O Concello informou onte das actuacións que, co obxectivo de renovar a pavimentación ou servizos en diversas rúas da parroquia de Palmeira, ten activado o goberno local nestas últimas datas. Unha das vías obxecto de mellora é a rúa Esteirón, que descorre paralela á rúa da Corna (case no límite xa co termo municipal de A Pobra), cuxas obras preliminares acaban de dar inicio por parte de Construcciones Figueiras Vixán, S.L.: adxudicataria da mesma por un importe de 102.564,11 euros e un prazo de execución de tres meses.

A rúa Esteirón atópase actualmente bastante deteriorada. O seu firme está formado por unha capa de formigón que se foi danando polas sucesivas reparacións que ao longo do tempo se realizaron nos servizos da zona. Ademais, o colector de saneamento existente está feito de formigón, non existe rede separativa de alcantarillado (pluviais e fecais descorren por un único colector) e as tubaxes da rede de abastecemento son de fibrocemento.

En consecuencia, a actuación que se vai realizar contempla a substitución da tubaxe de auga existente por outras de polietileno de alta densidade. Renovaranse as acometidas existentes, dispoñendo todas as chaves e válvulas que sexan necesarias. 

Ademais, instalarase polo centro da calzada un colector de PVC liso para o saneamento de fecais e un colector de PVC corrugado para pluviais. Nas liñas de fecais se construirán pozos de rexistro cada 30 ou 35 metros e  en todas as conexións con colectores existentes. Tamén se reporán as acometidas domiciliarias con tubaxes de PVC liso. Nas liñas de pluviais colocaranse arquetas sumidoiro e disporanse acometidas de pluviais. En canto á pavimentación, empregarase unha mestura bituminosa en quente tipo D-12 de oito centímetros de espesor.

 

Pedra da Aiga e Caticovas

Por outra parte, hai que recordar outras actuacións de corte similar que xa están en marcha, como a de Pedra da Aiga, que está sendo acometida pola empresa Construcciones Pazo de Axeitos, S.L. por un importe de  44.740,88 euros. Alí se ten previsto instalar unha rede de drenaxe de pluviais de nova creación, ademais de renovar os servizos de auga potable e saneamento. Unha vez rematadas estas accións, a rúa será pavimentada con adoquín prefabricado de formigón.

 

Outra obra que xa está a piques de rematar é a de Caticovas, a cargo da empresa SYR-AMG, S.L, por un importe de 79.259,23 euros. Xa foron renovados os servizos urbanos de auga, saneamento e pluviais e unicamente queda estender o novo pavimento consistente nunha mestura bituminosa en quente, proporcionando un acabado acorde co entorno no que se desenvolven os traballos.

 

Lombas e esplanada portuaria

Por outro lado, no vindeiro febreiro está previsto que comecen outra actuación en Lombas, preto da ubicación da subestación eléctrica de Fenosa. A empresa Río Sieira, S.L., será a que execute a obra por un importe de 118.916,23 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de tres meses.

Instalaranse servizos urbanísticos básicos de alcantarillado e auga potable (dos que actualmente carecen) e despois será reposto o pavimento asfáltico. 

Finalmente, cabe lembrar a aprobación a semana pasada do POS 2012, que inclúe a pavimentación con adoquín de formigon da esplanada portuaria. Empregaranse unhas tonalidades gris e verde, que se colocarán sobre unha capa de morteiro de cemento estendida enriba dunha soleira de formigón. O orzamento da obra ascende a 110.806,94 euros e o prazo de execución é de dous meses.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello promociona a cultura urbana con exhibicións de breakdance

  • Foi no IES Número 1, con máis dun cento de rapaces observando
  • Hai dez vacantes na Escola Municipal de BreakDance

 

Ribeira, 25 de xaneiro de 2013.- Máis dun cento de alumnos e alumnas do IES Número 1 contemplaron esta mañá a exhibición de breakdance que, a iniciativa da Concellería de Xuventude, ofreceron catro integrantes da Asociación Vella Escola de Noia no pavillón de deportes deste centro educativo.

 

A acción incardínase dentro do obxectivo municipal de promocionar a cultura urbana entre a mocidade a través da realización de cursos e outras accións. Precisamente, a exhibición de hoxe tivo como fin dar a coñecer e animar aos mozos do instituto a que se apunten na Ecola Municipal de Breakdance que terá lugar presumiblemente a partir do mes de febreiro na Casa da Xuventude. O prazo de preinscrición xa está aberto e hai dez prazas vacantes.

Tamén se celebrará en próximas datas un curso de grafitti no que os interesados xa se poden anotar.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: orde do día do pleno ordinario do luns 28 de xaneiro

Pleno xaneiro.doc Download this file




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Toñito de Poi presenta o seu novo disco-libro "O soro da verdade" o venres 1 de febreiro

Tonito_amazonia_ateneo

  • No Ateneo, da man do ex-Tonecho Roberto Vilar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: aberta de novo ao tráfico a ponte, tralas obras de saneamento da Xunta

  • A Consellería de Medio Ambiente sinala que a axilización do traballo realizado polos operarios da empresa adxudicataria, a pesar da situación meteorolóxica, permitiron finalizar as obras antes de tempo, un día antes

  • A ponte quedou aberta totalmente ao tráfico a primeira hora desta mañá, tras conectar o novo colector do malecón Gasset co colector do malecón de Cadarso

 

Noia, 25 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, rematou hoxe as obra de instalación das novas conducións de saneamento da ponte Campo de Noia un día antes do prazo previsto. A ponte quedou aberta totalmente ao tráfico dende primeira hora desta mañá.

Dende a Xunta de Galicia destacan que o cumprimento deste prazo foi grazas ao traballo realizado polos operarios e técnicos da construtora adxudicataria desta actuación e da dirección das obras por parte de Augas de Galicia, que traballaron con esforzo e determinación a pesar da situación climatolóxica adversa. O seu labor permitiu minimizar a afección ao tráfico, xa que durante a execución dos traballos foi necesario cerrar ao tráfico a estrada Cee- Ribeira, AC-550, á altura do quilómetro 73 no núcleo de Noia.

Esta parte das obras da rede de colectores xerais en Noia consistiron en conectar o novo colector do malecón Gasset co novo colector do malecón de Cadarso, ambos xa executados, o que permitirá que as augas residuais da zona sur de Noia poidan por primeira vez tratarse na estación depuradora. Tamén se aproveitou o corte para grampar un tubo de impulsión á ponte. Este grampado non só non interferiu cos traballos de colocación do tubo de PVC, senón que aforraron outro corte posterior da ponte.

A finalidade xeral destes traballos é mellorar as condicións de funcionamento da rede de saneamento de Noia, logrando así o saneamento e depuración das verteduras, evitándoas á ría de Noia. O investimento desta actuación aportado pola Xunta de Galicia elévase a 3.910.070,23 euros e beneficiará aos máis de 23.000 veciños de Noia, e incidirá especialmente na mellora da calidade das augas da ría.

Antes, en Certo:


Noia: ata o 19 de abril para presentarse ao certame de relatos "Antón Avilés de Taramancos". Bases.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Concello quítalle ferro ao problema do gas radón. "Non sucede nada que non viñera sucedendo dende sempre"

Media_httpfarm5static_efbws

Vista de Dodro dende o Pazo de Hermida

Dodro, 25 de xaneiro de 2013. Segundo explica hoxe en nota de prensa o goberno local do PP de Dodro, o pasado mércores día 23 de xaneiro, o alcalde, Valentin Alfonsín, mantivo unha reunión co especialista en epidemioloxía Juan Barros, un dos responsables do estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre o gas radón en Galicia.

"Como conclusión principal do encontro, cabe dicir que en principio non hai motivo algún que motive unha especial preocupación polos efectos do gas radón no Concello de Dodro, pois non sucede nada que non viñera sucedendo dende sempre (sic).  A exposición ao gas radón que resulta do estudo realizado, equivale á metade da dose que unha persoa normal non debería sobrepasar no período dun ano. Tamén debemos sinalar, que de acordo coa información aportada polo mencionado especialista, a metade da radiación que recibimos é de orixe absolutamente natural", sinala, o goberno local.

O goberno do Concello de Dodro, coa fin de facilitar a maior información posible ao respecto, dispuxo a inclusión na páxina principal da web do concello dun informe da USC de novembro de 2010 con medidas preventivas, e na sección alcaldía-actualidade dun enlace con acceso á información sobre o gas radón e sobre as posibles medidas a adoptar nos inmobles para evitar os efectos do mencionado gas, información toda esta elaborada polo departamento de Medicina Preventiva.

Detector e medidor dispoñible para os interesados

Ademais, para todas aquelas persoas interesadas, o mencionado departamento de Medicina da USC pon a disposición de quen o desexe, un sistema que permite determinar a presenza de gas radón e a elaboración dun informe das medicións resultantes.

Outro dos aspectos tratados na reunión cos especialistas de Medicina Preventiva foi referente aos posibles efectos sobre a saúde das antenas de telefonía móbil. Segundo os estudos realizados, non hai constancia de que a emisión de ondas de ditas antenas sexan perxudiciais para a saúde humana, contrariamente ao que moita xente cre.


Se desexa baixar a información que colgou o Concello de Dodro para previrse contra o gas radón no seu web, aquí

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical