25.1.13

Ribeira: obras en Palmeira para arranxar a rúa Esteirón e comezo do amaño de Caticovas

 

Ribeira, 25 de xaneiro de 2013.- O Concello informou onte das actuacións que, co obxectivo de renovar a pavimentación ou servizos en diversas rúas da parroquia de Palmeira, ten activado o goberno local nestas últimas datas. Unha das vías obxecto de mellora é a rúa Esteirón, que descorre paralela á rúa da Corna (case no límite xa co termo municipal de A Pobra), cuxas obras preliminares acaban de dar inicio por parte de Construcciones Figueiras Vixán, S.L.: adxudicataria da mesma por un importe de 102.564,11 euros e un prazo de execución de tres meses.

A rúa Esteirón atópase actualmente bastante deteriorada. O seu firme está formado por unha capa de formigón que se foi danando polas sucesivas reparacións que ao longo do tempo se realizaron nos servizos da zona. Ademais, o colector de saneamento existente está feito de formigón, non existe rede separativa de alcantarillado (pluviais e fecais descorren por un único colector) e as tubaxes da rede de abastecemento son de fibrocemento.

En consecuencia, a actuación que se vai realizar contempla a substitución da tubaxe de auga existente por outras de polietileno de alta densidade. Renovaranse as acometidas existentes, dispoñendo todas as chaves e válvulas que sexan necesarias. 

Ademais, instalarase polo centro da calzada un colector de PVC liso para o saneamento de fecais e un colector de PVC corrugado para pluviais. Nas liñas de fecais se construirán pozos de rexistro cada 30 ou 35 metros e  en todas as conexións con colectores existentes. Tamén se reporán as acometidas domiciliarias con tubaxes de PVC liso. Nas liñas de pluviais colocaranse arquetas sumidoiro e disporanse acometidas de pluviais. En canto á pavimentación, empregarase unha mestura bituminosa en quente tipo D-12 de oito centímetros de espesor.

 

Pedra da Aiga e Caticovas

Por outra parte, hai que recordar outras actuacións de corte similar que xa están en marcha, como a de Pedra da Aiga, que está sendo acometida pola empresa Construcciones Pazo de Axeitos, S.L. por un importe de  44.740,88 euros. Alí se ten previsto instalar unha rede de drenaxe de pluviais de nova creación, ademais de renovar os servizos de auga potable e saneamento. Unha vez rematadas estas accións, a rúa será pavimentada con adoquín prefabricado de formigón.

 

Outra obra que xa está a piques de rematar é a de Caticovas, a cargo da empresa SYR-AMG, S.L, por un importe de 79.259,23 euros. Xa foron renovados os servizos urbanos de auga, saneamento e pluviais e unicamente queda estender o novo pavimento consistente nunha mestura bituminosa en quente, proporcionando un acabado acorde co entorno no que se desenvolven os traballos.

 

Lombas e esplanada portuaria

Por outro lado, no vindeiro febreiro está previsto que comecen outra actuación en Lombas, preto da ubicación da subestación eléctrica de Fenosa. A empresa Río Sieira, S.L., será a que execute a obra por un importe de 118.916,23 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de tres meses.

Instalaranse servizos urbanísticos básicos de alcantarillado e auga potable (dos que actualmente carecen) e despois será reposto o pavimento asfáltico. 

Finalmente, cabe lembrar a aprobación a semana pasada do POS 2012, que inclúe a pavimentación con adoquín de formigon da esplanada portuaria. Empregaranse unhas tonalidades gris e verde, que se colocarán sobre unha capa de morteiro de cemento estendida enriba dunha soleira de formigón. O orzamento da obra ascende a 110.806,94 euros e o prazo de execución é de dous meses.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical