28.2.12

Colaboración: "A preglaciación na Ría", por Domingo Regueira

 

A partir do documental que Manolo Gago nos regalou sobre o megalitismo da illa de “Jidoiros”, Ghidoiros, Fidoiros, Fiordos…? (velo aquí) volvín revisar o meu esquema sobre o aumento do nivel do mar dende o Perigordiense Superior onde as neves da 4ª Glaciación empezan vacilantemente a retirarse para dar lugar a este período postglaciar onde hoxe, despois de 24.000 mil anos, estamos asistindo á desfeita do resto que nos queda dos glaciares.

A licuación dos polos fan que estas augas corran cara ao mar, elevando o seu volume e consecuentemente as costas lentamente vanse  anegando. Está claro que, se non observamos os seus efectos, apenas o notamos.

Para corroborar esta teses, que a maioría xa coñecen, ofrecereilles unhas imaxes do noso entorno que corroboren  o que aquí se di.

Nada mellor para ilustrar este feito que o vídeo de Manolo Gago onde nos mostra unhas tumbas megalíticas  na Illa de Jidoiros o Areoso as cales os  últimos temporais puxeron ó descuberto.

Pero o mais sorprendente é, cando nas secas dos grandes débalos,  aparecen estas tumbas que nos últimos milenios foron asolagadas polo mar.

Dende fai 24.000 anos a nosa Ría —como toda a costa mundial—, foi perdendo a súa  pradeira onde  pastaban uros, cabras, ovellas e maila vaca marela, todas elas baixo o control dos Cilenos que viñan ser os megaliteiros instalados no sur da Ría, e polo norte, os mesmos rabaños, eran outeados polos Presamarcos e Caporos da touta barbanzana instalados en calquera promontorio como a Insua en Ribeira, A Illa das Cabras en Coroso, Insua da Perilla en Palmeira e calquera outro promontorio, hoxe baixo ou fanequeira.

Dende aquela, o mar foi crecendo 1 milímetro cada ano, e así en 24.000 anos subiu 24 metros.

Avalan tamén esta teses os xeólogos, cando anunciaron os resultados das calicatas para a construción da Ponte de Rande, onde ós vinte metros de profundidade, atopáronse que aqueles fondos foran pisados polos talladores de frechas e navalliñas de sílex. Eran os  paleolitiqueiros que xunto cos cervos, ovellas, xabarís —e Deus sabe cantas especies máis— pastaban e deambulaban por aqueles verdellos pastizais.


As fotos proceden de Tucho Mariño, Manuel Gago e o autor deste texto


Máis información sobre Ghidoiro Areoso en Capítulo 0, aquí


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Flor de Toxo" participou no Entroido e organizou unha viaxe á neve

Ribeira, 28 de febreiro de 2012. "De éxito rotundo" cualifican na asociación cultural "Flor de Toxo" a viaxe organizada á estación invernal de San Isidro, en  León,  durante a pasada fin de semana (25 e 26 de febreiro). Nela participaron unha trintena de mozos e mozas da comarca. Os participantes puideron desfrutar da mellor fin de semana da tempada na estación leonesa. De regreso, a expedición retomou forzas cun descanso no mítico restaurante "O Rei das Tartas" de Mondoñedo. 

Na semana pasada, o martes de Entroido, compoñentes de flor de Toxo participaron no Festival de Murgas e Comparsas, organizado polo concello de Ribeira, aínda que non obtiveron ningún premio neste certame, os participantes compartiron unha tarde de risas, sátira e entroido.

Ultimamente a actividade da entidade está sendo frenética: no que vai de ano xa participaron ademais de nestas actividades, na Cabalgata de Reis e organizouse o III Nadal Musical.

Xa se está traballando na organización da II Acampada da Mocidade que o ano pasado tivo lugar no Campo de fútbol de Neixón (Cespón-Boiro) e este ano xa se pensa en Porto do Son ou Rianxo como probables lugares para a ubicación da acampada. 

Todas aquelas persoas que o desexen poden poñerse en contacto con esta asociación deben facelo no correo electrónico asociacionflordetoxo@gmail.com






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical