25.6.11

Ribeira: o Bng oponse "no fondo e na forma" ao desmantelamento do IES Coroso

Media_httpfarm4static_jkigc

Polo seu interese, publicamos íntegro o resumo da postura do Bng sobre o conflito do IES Coroso:

"A estas alturas non é preciso repetir que estamos a favor de que Ribeira conte cun centro Integrado de Formación Profesional. Pero esa non é a cuestión. A cuestión é si é preciso dar un duro golpe á calidade do ensino público (da ESO e Bacharelato) en Ribeira co pretexto de introducir melloras no ensino Profesional(*). No BNG entendemos que as melloras precisas na FP non precisan deteriorar o ensino secundario público.

O BNG quere deixar clara a súa fonda oposición á decisión da Xunta de Galicia de dar peche definitivo e fulminante aos estudos de ESO e Bacharelato no IES Coroso. Oposición tanto no fondo como na forma.

Opoñémonos no fondo porque se está a desmantelar un centro de ensino público dun xeito inxustificado e innecesario:

- Inxustificado porque nada impide que convivan nun mesmo centro ensinanzas de secundaria e profesional, máis en tempo de crise no que o aproveitamento de infraestruturas é imprescindible.

- Inxustificado desde o punto de vista da matrícula: tanto a matrícula actual como as previsións futuras anuncian un aumento de alumnado para os vindeiros anos no concello de Ribeira.

- Inxustificado porque o desprazamento de alumnado a outros centros vai provocar unha elevación ata máximos históricos nas ratios de alumnos por aula dos centros públicos co conseguinte deterioro da calidade do ensino. Ratios de 30 a 35 alumnos por aula, que se darán, suporán retroceder máis de 30 anos.

- Inxustificable a desaparición dun centro público mentres se sosteñen centros privados tamén con diñeiro público.

A nosa oposición na forma é tamén rotunda: a Consellería de Educación, que xa ten prevista a supresión polo menos desde principios de ano, agarda o paso das eleccións municipais para non prexudicar os intereses electorais dos candidatos populares, entre eles o actual alcalde de Ribeira. Nese tempo, os alumnos do IES Coroso vanse preinscribindo para os vindeiros cursos e os dos centros adscritos fano tamén, inocentemente, no IES que a propia Xunta ten decidido pechar. O dano moral ao alumnado e as súas familias e o prexuízo pedagóxico aos mesmos alumnos, centros e o propio sistema público de ensino é máis que evidente. Que sexa a propia Consellería quen perpetra tal acción é imperdoable.

Mención especial merece a actuación do actual alcalde de Ribeira polo seu papel tanto no fondo como na forma: como Portavoz do Grupo parlamentario popular no momento da toma da decisión era coñecedor e polo tanto co-responsable do peche. O xeito de actuar desde a alcaldía atendendo pais e alumnos e ofrecendo "mediación" e "xestión" diante da Consellería evidencia a súa capacidade de engano: gáñase tempo para que a Consellería publique a orde definitiva de supresión, xusto ao día seguinte, sen apenas oposición.

O BNG quere expresar o seu total apoio ao alumnado e ás súas familias así como a toda a cidadanía de Ribeira que defende maioritariamente un Ensino Público de Calidade, e anuncia que presentará, no primeiro Pleno da Corporación Municipal, unha iniciativa coa intención de restituír os niveis de calidade no ensino público de Ribeira".

Ribeira a 25 de xuño de 2011

(*) A oferta da Consellería para o vindeiro curso en Ribeira non contempla ningún novo ciclo de FP e si a supresión do ciclo de "Ponte" na Escola Náutica. En Coroso o de "Frío e calor" desdóbrase. Novos ciclos?:NADA (Consultar páxina da Xunta)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: un ribeirense participa no descubrimento dun novo cogomelo na Illa de Sálvora

  • Bautízano como Arrhenia Salvorana, na honra da illa

  • Jesús Parada Miniño, ribeirense da asociación micolóxica Refungando, foi un dos que participou no achádego
  • Tratase dunha especie de cor marrón e pequeno tamaño que destaca polo seu intenso cheiro a peixe cru e o conxunto das súas características microscópicas, elementos que a fan diferente a outras especies próximas

Media_httpfarm3static_fhfza

Jesús Parada Miniño foi entrevistado en Certo, aquí

Ribeira, 25 de xuño de 2011.- Unha nova especie de cogomelo foi atopada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, xestionado pola Consellería do Medio Rural. O novo descubrimento foi bautizado como Arrhenia salvorana en honra á Illa de Sálvora, na que foi atopada.

A súa publicación como nova especie fíxoa Jaime B. Blanco, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra, membro do Grupo Micolóxico Galego e representante de Galicia na Comisión Ibérica de Hongos Amenazados. No descubrimento tamén participou o fundador da Asociación Micolóxica Refungando de Santa Uxía de Ribeira, Jesús Parada.

Arrhenia salvorana é unha especie de cor marrón e pequeno tamaño que destaca polo seu intenso cheiro a peixe cru e o conxunto das súas características microscópicas, elementos que a fan diferente a outras especies próximas. Reprodúcese entre o final de inverno e o comezo da primavera en zonas húmidas e en compañía doutras especies vexetais en ameaza de extinción na nosa Comunidade Autónoma, como son Cicendia filiformis ou Chaetopogon fasciculatus subsp. postratus.

Colaboración
Este achado foi posible grazas ao apoio que o Parque Nacional, a través da Consellería do Medio Rural, presta a temas de investigación. O departamento que dirixe Samuel Juárez ten aberta agora mesmo unha liña de investigación con Jaime B. Blanco, un dos descubridores da nova especie, que tamén realiza traballos de catalogación para a zonificación do uso público, a conservación e a investigación no espazo protexido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical