Entrégase o 27 de maio en Porto do Son, dentro do Encontro do Audiovisual Escolar Galego
Porto do Son, 4 de marzo de 2011. Manuel González Álvarez é o gañador da XII edición do premio Leixaprén, que concede a Coordenadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística. Manuel González, da Rúa de Valdeorras en Ourense, foi un dos impulsores da web do audiovisual galego que foi noticia esta semana pasada,
Flocos.tv, porque a Xunta de Galicia deixouna esmorecer e finalmente desactivouna. Flocos.tv, que se asemellaba a iniciativas tan interesantes como a
National Film Board of Canadá, era un repositorio de documentais, películas e curtas de todas as épocas feitas por galegos ou con Galicia como protagonista. Nela podíanse ver, como no caso de Canadá, producións audiovisuais ás que non é doado acceder e que se fixeron, ou ben se conservan, cos cartos de todos os cidadáns -hai xente que aínda lles chama impostos-.
Que é o Premio Leixaprén?
Este galardón creouse no curso 1999-2000 por iniciativa do Equipo de Normalización Lingüística do IES Poeta Añón de Outes, que foi o primeiro centro en asumir a súa organización, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan persoas, colectivos, empresas ou institucións na promoción e defensa da lingua galega.
O Premio está concibido como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino Secundario que queiran sumarse á iniciativa, mais tamén como un premio itinerante de tal xeito que en cada curso académico é un ENL distinto o que se responsabiliza da organización do programa de actos da entrega do devandito galardón.
Dende que na súa primeira edición fose concedido ao poeta Manuel María Fernández Teixeiro, diferentes personalidades e colectivos do mundo da cultura, as artes plásticas, o xornalismo, a música ou o ensino, como o profesor Xosé Agrelo Hermo, o artista Isaac Díaz Pardo, o historiador e escritor Manuel Fabeiro Gómez, a Asociación Mar de Lira, a Escola Infantil Raiola, o músico e xornalista Xurxo Souto, etc.
Cando se entrega?
Este ano estase a organizar un Encontro do Audiovisual Escolar Galego que terá lugar na casa de cultura de Porto do Son o 27 de maio e constará de catro partes:
- Exhibición e presentación de actividades.
- Entrega do Premio Leixaprén a Manolo González (Flocos, Cinemas Dixitais... ver Premio Leixaprén).
- Talleres, charlas, conferencias, encontros dos rapaces con profesionais dos medios audiovisuais.
- Asemblea de docentes que traballamos no audiovisual para sentar as bases dunha asociación, ou proxecto común.
Programa:
O encontro terá lugar o venres 27 de maio de 2011 entre as 10.00h e as 20.00h. Pola mañá, a Casa de Cultura do Concello de Porto do Son acollerá a proxección dos traballos escolares e a entrega do XII Premio Leixaprén. O encontro trasladarase pola tarde ás instalacións do IES de Porto do Son, no que se desenvolverán os obradoiros formativos e o foro dos docentes.
10.00h recepción de participantes na Casa de Cultura de Porto do Son
10.30h presentación da xornada e proxección de traballos audiovisuais
13.00h entrega do Premio Leixaprén a Manuel González Álvarez.
13.20h representación da obra Made in Galiza (Grupo de Teatro do IES de Porto do Son)
14.00h xantar
16.00h primeira quenda de obradoiros e foro de docentes
17.30h pausa-merenda
18.00h segunda quenda de obradoiros
20.00h entrega de agasallo conmemorativo, clausura do encontro e despedida dos participantes
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia