- Mariñeiros afectados, dende Aguiño ata Baiona, manifestáronse hoxe en Vigo, daí a réplica do departamento de Juárez
- Nas vindeiras semanas seguirán a manter xuntanzas coas confrarías, a próxima está pechada para xoves, día 20
- O borrador do PRUX, di a Xunta, "é un documento dinámico e integrador para avanzar no achegamento de posturas e lograr acordos sobre a base do respecto á actividade económica e o mantemento do ecosistema"
Santiago, 15 de outubro do 2011.- A Consellería do Medio Rural acaba de anunciar nun comunicado que "reitera o diálogo, que mantén e seguirá sostendo, como fórmula para concordar os intereses das confrarías en harmonía coa conservación do medio no Parque Nacional das Illas Atlánticas".
A propia lei de declaración do Parque Nacional (Lei 15/2002) fixa como obxectivos, entre outros, os de protexer a integridade de ecosistemas ligados a zonas costeiras e á plataforma continental, así como promover e apoiar no interior do Parque as actividades compatibles coa protección do medio natural. Esta norma tamén determina que o Plan Reitor de Uso e Xestión (Prux) das Illas Atlánticas é un instrumento que é necesario dispoñer por normativa legal. Neste punto, hai que lembrar que a súa elaboración leva moitos anos de retraso.
Sobre este piar, ao longo deste último ano e medio, a Consellería do Medio Rural formulou, o borrador do Prux, que non é unha norma pesqueira, senón un instrumento de planificación que compatibiliza os usos pesqueiros e marisqueiros tradicionais coa preservación do medio natural e a biodiversidade, tal e como obriga a lei neste espazo protexido.
Non se prohíbe nada?
Cómpre sinalar que non se prohibe ningunha das artes de pesca reguladas no Decreto de Artes de Galicia, nin se prohibe a extracción de ningunha especie pesqueira de interese comercial. En canto ao marisqueo, non se restrinxe en absoluto, unicamente debe cumprirse coa lexislación pesqueira. Non se restrinxe o marisqueo a flote con vara, nin o marisqueo de recursos específicos (nin a extracción de percebe, nin a de navalla, nin a de ourizo).
Obxectivo integrador
Con esta perspectiva, desde o departamento que dirixe Samuel Juárez sublíñase que o borrador non pretende perturbar a actividade pesqueira e marisqueira tradicional, senón harmonizalas coa conservación do Parque. Neste liña, esbózase o Prux, un documento dinámico e aberto, en fase de participación pública, cun obxectivo claramente integrador, para avanzar no achegamento de posturas e lograr acordos sobre a base do respecto á actividade económica da pesca e o mantemento do ecosistema.
Mobilizacións para faenar en Sálvora: este sábado 15, de Aguiño a Vigo
Pesca: nada que facer en Sálvora e arredores
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia