Imaxe do colexio O Grupo
Ribeira, 10 de abril de 2012.- Finalizado o prazo de recepción de ofertas o pasado 28 de marzo, un total de 7 empresas presentáronse ao concurso público polo que se licita a contratación do servizo de limpeza de interiores en edificios públicos, deportivos e centros escolares dependentes do Concello, segundo referiu a portavoz Herminia Pouso durante a súa comparecencia de hoxe para explicar os principais asuntos abordados na reunión do Grupo de Goberno.
Pouso Maneiro engadiu que esta mesma semana, a mesa de contratación iniciará os trámites oportunos con miras á pronta adxudicación deste servizo, que ten un importe de 320.000 euros e un prazo de duración de dous anos, prorrogable anualmente ata un máximo de dous anos máis.
Entre os centros incluídos, que suman unha superficie total de 29.360 metros cadrados, prevese a inclusión de edificios de nova creación ou recente posta en funcionamento, como a sede da Policía Local, as novas dependencias dos Servizos Sociais situadas na praza 8 de marzo, a Sala Museo Municipal, a Casa da Xuventude ou o Edificio de Usos Múltiples de Corrubedo.
A edil riveirense advertiu tamén que, segundo consta expresamente no plego de condicións, o contrato poderá estenderse a outros locais ou dependencias que pasen a formar parte do Concello, co cal queda salvagardada a prestación do servizo de limpeza en todas aquelas novas infraestruturas municipais que se vaian abrir e inaugurar nos vindeiros dous anos, entre os cales se poden contar algúns incardinados dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015.
Seguemento do Riveira Atlántica
Ao fío deste último comentario, Herminia Pouso informou de que o Concello foi escenario onte dunha reunión técnica de seguimento do proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.
Cabe recordar que o pasado 3 de abril procedeuse á apertura do Mercado Provisional despois dun intensísimo traballo de acondicionamento, así como ao inicio dos traballos preparativos con vistas á demolición da vella Praza de Abastos: unha actuación esta última sobre a que a dirección de obra do derrubo e a coordinación en materia de seguridade e saúde durante este labor recaeron na empresa 2C Arquitectos.
De forma inmediata está prevista a adxudicación dos servizos de apoio de comunicación e publicidade do proxecto Riveira Atlántica, que incluirá, entre outras accións, a elaboración dun manual de identidade corporativa específico, a creación dunha páxina web que amplifique a través da Rede a difusión deste proxecto e a edición de todo tipo de material gráfico divulgativo e de uso en actos institucionais.
Tamén nesta mesma semana se reunirá a mesa de contratación en orde a iniciar o proceso de adxudicación do subministro e instalación semafórica na avenida de Malecón, cun prezo de licitación de 80.830 euros.
E por outra parte, nestes momentos está en proceso de redacción tanto os plegos técnicos do Centro Social de Oleiros como do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Ribeira.
Adecuación de seis camiños
Outro dos temas dos que se dou conta na reunión de hoxe é o da próxima adecuación de seis camiños situados noutras tantas parroquias do municipio: unha actuación adscrita ao PEIM Rural (Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural) da Xunta de Galicia.
O importe global das seis actuacións alcanza un total de 48.193,27 euros e abrangue concretamente a camiños situados nos Castelos (Aguiño), Agrelo (Olveira), Meixe (Oleiros), Poi (Castiñeiras), Gándara (Artes) e no cruce do Vilar (Carreira).
Glorieta do Vilar
Por último, outros dos temas dos que se informou na reunión de hoxe foi o da publicación no DOG de 9 de abril da declaración de urxente ocupación pola Xunta de Galicia dos bens e dereitos necesarios para a realización dunha rotonda no cruce do Vilar, a efectos da súa expropiación forzosa. Cabe recordar a gran demanda veciñal existente sobre unha infraestrutura que se situará na estrada DP 7305 da Deputación Provincial.
“Esperemos que moi pronto podamos contar cunha glorieta que fará moito máis segura a circulación tanto de vehículos como de peóns”, rematou a edil.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia