O Psoe local cualifica de "inoperatividade do Goberno Popular" o estado dos sumidoiros e emisarios que danan o litoral, logo de facer inspeccións visuais en Castiñeiras, Palmeira e Ribeira este domingo pasado. Piden unha comisión específica que estude e dea solucións a este problema "irresoluto en cinco mandatos"
Alividadeiro de Touro
Ribeira, 14 de marzo de 2011. O grupo socialista ribeirense vén de dirixir unha moción na que critica o grave estado de deterioro da rede de augas residuais en parte da costa do municipio. Como é costume en Certo, reproducímoslla íntegra:
Sr. Alcalde/Presidente:
O Grupo Municipal do PSDG-PSOE de Ribeira, a instancias de veciños de Castiñeiras, ven de efectuar unha visita de inspección á parroquia de Castiñeiras para, entre outros asuntos, comprobar o estado actual de determinados puntos de canalización de augas residuais nos espazos litorais, praia, e verquidos irregulares ao mar que, segundo se informou, presentan numerosas deficiencias.
As dimensións do problema, unha vez inspeccionado e tendo en conta os antecedentes dos que xa tiña coñecemento este grupo PSdeG – PSOE Ribeira, viuse que excedían os puntos da parroquia, polo que se procedeu a efectuar un exame primario completo do litoral do Municipio, comprobándose que, desgraciadamente, a extensión dos mesmos segue a ser xeralizada. Así, este grupo puido constatar visualmente que o problema segue a estar presente prácticamente en toda a liña de costa, apuntando como especialmente relevantes polo seu impacto os casos de Ribeira, tanto no tocante ao estado calamitoso da dársena, tamén repetidamente, e infructuosamente, tratado, como no tocante ás canalizacións que afloran directamente a carón do Paseo Marítimo de Carolinas-Coroso; en Palmeira, onde tamén se levaron a cabo comprobacións oculares durante unha visita este mesmo domingo, 13 de marzo; en Aguiño; e en Corrubedo, destacando aquí o enorme foco de pestilencias que supoñen os focos do Prado.
A pesar de que, para esas mesmas deficiencias, xa foron demandadas diante do Concello de Ribeira, e por este mesmo grupo municipal, en varias ocasións anteriores medidas de corrección e/ou intermediación por parte do Concello, ningunha forma de xestión dos problemas que máis abaixo se especifican parece que tivese resultado favorable, dado que persisten, en moitos casos empeorando, hai xa moitos anos. Entre os problemas novamente visualizados durante a inspección en Castiñeiras e a corroboración nas outras parroquias poñemos como significativos os seguintes:
- - Afloramento de partes da rede de residuais ás praias.
- - Rotura de canalizacións en varios puntos do litoral da parroquia.
- - Emisións libres.
- - Deterioro do aspecto visual e saudable dos areeiros e augas litorais.
- - Fondos afectados e en visible degradación.
- - Evidentes danos ás especies mariñas e recursos pesqueiros.
- - Cheiros que recalcan a evidencia dos danos en determinados puntos.
- - Presencia de contaminantes visibles líquidos e sólidos.
- - Obturacións en tuberías de residuais.
- - Manchas en lámina de mar, turbideces e materiais en suspensión.
- - Lugares de acumulación de sedimentos residuais.
- - Deterioro do potencial lúdico-turístico das praias.
- - Contaminación ambiental.
- - Plásticos, materiais domésticos evacuados. Insuficiente información.
Propoñemos, como clara evidencia dos danos anteriormente expostos, a súa comprobación directa, na data actual, nos puntos de emisión de Ribeira (Porto) e Corrubedo (detrás da liña do peirao). En anteriores ocasións, Sr. Alcalde, se lle deu como resposta a este grupo municipal, que determinadas actuacións estaban en marcha, que se ía dar solución dunha ou doutra maneira a estes problemas. Este grupo insiste agora no feito e na reflexión seguinte:
Como é posible, Sr. Alcalde; cómo é posible que poidan transcorrer máis de vinte anos, sen que se puidese atopar a maneira de ir arranxándoos parcialmente; e máis tendo en conta os avances que, en materia de saneamento, obra pública e medio ambiente, se teñen dado neses vinte anos? Son 20 anos, Sr. Alcalde. Son 5 programas electorais. 5 mandatos sen que se poida constatar un avance neste sentido.
Cal cre vostede que debería ser o mínimo que a xente lle debe esixir como resultado a un mandatario despois de un só deses 5 mandatos? Quizais se nos volva a aducir que se fixo a depuradora do Touro. Pero é que a depuradora do Touro, a estas alturas da película, xa é máis desconfianza que solución. Rompeu en varias ocasións. Os emisarios reventaron, saíron a flote, houbo escapes, contaminacións concentradas, escumas, etc., iso sen mencionar os problemas que persisten na actualidade. Evidencia do dito é o aliviadero que, de maneira tan persistente como irregular, podemos atopar a carón da vía pública en Pedra Pateira. Leva alí dous anos, nunha condición lamentable, tentando ocultarse á vista do público cunhas ridículas lonas que non fan máis que afear (repetimos que leva alí dous anos) o aspecto dese espazo, ademáis de poñer de manifesto a situación na que se atopa o sistema de residuais nesa liña. Ou quizais se nos queira volver dar resposta mencionando un caso concreto como panacea de todos.
Pero é que non é un, Sr. Alcalde. O problema repetido, irresoluto, do que aquí se dá conta e múltiple, en ducias de puntos do litoral. O caso da dársena de Ribeira, cos seus caladoiros e praias veciñas, entendémolo dende este grupo municipal como realmente catastrófico. Centos de cúmulos de materiais, substancias, lodos, orgánicos, fecais e químicos se acumulan día a día nos puntos de saída coñecidos e denunciados ata a saciedade. Os fondos e as augas dun porto de primeira e de futuro, como debería ser o de Ribeira, están nun estado deplorable. O impacto sobre a ría entendémolo tan indefinido coma grave. Son 20 anos. 20.
Por iso, o grupo municipal do PSdeG – PSOE de Ribeira, volve traer diante do pleno a seguinte MOCIÓN:
QUE POLO GOBERNO DE RIBEIRA SE INICIEN OS TRÁMITES PARA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN ESPECIFICA DE ESTUDO LOCAL DO LITORAL E DOS SEUS DANOS, QUE INCLÚA UNHA PERIODIZACIÓN DE ANÁLISES QUÍMICAS, LOCALIZACIÓN DE NOVOS VERQUIDOS, IRREGULARIDADES EN EMISARIOS, TRATAMENTO, BÚSQUEDA DE SOLUCIÓNS E OBXECTIVOS CLAROS PARA CORRIXIR E RECUPERAR AS PRAIAS, OS FONDOS E AS AUGAS LITORAIS DO CONCELLO DE RIBEIRA
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia