14.3.11

Lingua galega: Lousame e A Pobra do Caramiñal únense á Rede de Dinamización Lingüística

Con eles xa son 45 concellos de toda Galicia inseridos nesta rede, anunciou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo
Media_httpfarm6static_dijco

Anxo Lorenzo, á dereita, nunha imaxe de arquivo en Ribeira

Lousame / A Pobra do Caramiñal, 14 de marzo de 2011.- A Rede de Dinamización Lingüística conta nestes momentos cun total de 45 concellos adheridos, segundo informou hoxe o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. O secretario xeral comunicou esta cifra nos concellos de Lousame e da Pobra do Caramiñal, que anunciaron hoxe en rolda de prensa a súa adhesión á Rede.

“A vontade de Lousame e da Pobra do Caramiñal representa o compromiso de moitos outros concellos de toda Galicia que xa forman parte da primeira iniciativa de colaboración, coordinación e impulso ás accións de dinamización social do galego desde o ámbito local”, asegurou Anxo Lorenzo. “Ás 45 localidades que xa pertencen á Rede –engadiu– súmanse os numerosos concellos que están a tramitar nestes momentos a súa solicitude de adhesión”.

No concello de Lousame, Anxo Lorenzo estivo acompañado pola tenente de alcalde e concelleira de Educación, María José Maroñas. Na rolda de prensa da Pobra do Caramiñal participaron o alcalde do concello, Isaac Ventura Maceiras, e mais a concelleira de Cultura e Turismo, Encarnación González.

Importantes vantaxes para os concellos
Ademais dunha mudanza no modelo de dinamización lingüística, a Rede –creada pola Orde do 14 de setembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia o 21 de setembro de 2010– supón importantes vantaxes para as entidades locais, entre as que cómpre destacar o acceso a programas e actividades lingüísticas que incidan nos ámbitos social, educativo, cultural, lúdico etc, axustados ás necesidades e á realidade de cada municipio. Ademais, o secretario xeral recordou que “a adhesión á Rede non ten custo ningún para as entidades locais”, xa que a secretaría xeral garante o seu financiamento.

A mellor alternativa para a viabilidade técnica e económica
O secretario xeral tamén incidiu, por unha banda, na estrutura da Rede de Dinamización Lingüística, “que favorece a adopción de decisións conxuntas entre as entidades das administracións local e autonómica, de aí o carácter bipartito na composición dos seus órganos”. Por outra banda, explicou que a Rede permite coordinar as vontades dos seus integrantes, agrupar as súas necesidades de dinamización e manter a súa capacidade de actuación, sen que se teña que detraer ningún recurso nin humano nin material destinado a financiar a estrutura administrativa da rede. “En consecuencia –dixo– consideramos que a figura da rede se presenta como a mellor alternativa para a viabilidade técnica e económica dos obxectivos que se perseguen”.

Convocatoria de axudas para as entidades locais
Finalmente, Anxo Lorenzo recordou que as subvencións dirixidas ás entidades locais para fomentar o uso do galego, convocadas a pasada semana pola secretaría xeral, inclúen como un criterio de valoración a pertenza á Rede de Dinamización Lingüística. Os concellos que o desexen poden solicitar a súa adhesión á Rede no momento en que presenten a solicitude destas axudas, que contan cunha dotación económica de 420.000 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical