Delegado territorial, concelleiro e alcaldes presentaron as obras de mellora esta mañá Lousame, 7 de decembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará no segundo trimestre do 2011 as obras de adaptación ao Plan de Baixa Intensidade Media Diaria (IMD) mellorada da estrada que une Rois e Lousame (AC-301), concretamente na travesía Rois- Augasantas. Así o sinalou o conselleiro Agustín Hernández esta mañá na visita en Rois, onde tamén concretou que o proceso expropiatorio se iniciará no primeiro trimestre do ano. Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes de Rois e Lousame, Ramón Tojo Lens e José Santiago Freire, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas, realizará unha achega económica de preto de 2,9 millóns de euros para a execución destas obras de mellora incluídas no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (MOVE). A citada estrada ten unha lonxitude de 8,6 qm, constando dúas zonas claramente diferenciadas, a travesía de Rois, cunha IMD de 5.033 vehículos ao día, e o resto do treito, cunha intensidade de 1.249.
Hernández indicou que os obxectivos fundamentais deste proxecto son a ampliación da calzada dende os 5 metros actuais ata os 7 metros para acadar unha circulación máis segura así como a mellora do trazado para rectificar as curvas, reducindo consecuentemente os tempos de recorrido. Ademais, mellorarase a accesibilidade nas interseccións, optimizarase a visibilidade, actualizarase a sinalización horizontal e vertical e balizaranse os laterais con captafaros. As actuacións tentan proporcionar unha maior seguridade tanto aos peóns como aos vehículos na travesía. Neste senso, adoptaranse medidas que consistirán na orde de accesos, xiros e aparcadoiros, instalación de marcas viais laterais con resaltos, colocación de barreiras de seguridade. Tamén se rehabilitará a capa superficial de firme, dotando a estrada dunha rodadura con mestura discontínua de elevada macrotextura, aportando así maior durabilidade e mellor comportamento fronte á auga.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia