7.12.10

Lousame: en 2011 ampliarán e arranxarán a estrada Rois-Lousame, o que suporá un custo de case tres millóns de euros

O conselleiro de Obras Públicas concretou que o proceso expropiatorio do proxecto iniciarase no primeiro trimestre do vindeiro ano. Licitarán no segundo trimestre do 2011 as obras de mellora, no treito Rois-Augasantas, dentro do Plan Move


Delegado territorial, concelleiro e alcaldes presentaron as obras de mellora esta mañá

Lousame, 7 de decembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará no segundo trimestre do 2011 as obras de adaptación ao Plan de Baixa Intensidade Media Diaria (IMD) mellorada da estrada que une Rois e Lousame (AC-301), concretamente na travesía Rois- Augasantas. Así o sinalou o conselleiro Agustín Hernández esta mañá na visita en Rois, onde tamén concretou que o proceso expropiatorio se iniciará no primeiro trimestre do ano. Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes de Rois e Lousame, Ramón Tojo Lens e José Santiago Freire, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas, realizará unha achega económica de preto de 2,9 millóns de euros para a execución destas obras de mellora incluídas no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (MOVE).

A citada estrada ten unha lonxitude de 8,6 qm, constando dúas zonas claramente diferenciadas, a travesía de Rois, cunha IMD de 5.033 vehículos ao día, e o resto do treito, cunha intensidade de 1.249.

Seguridade viaria

Hernández indicou que os obxectivos fundamentais deste proxecto son a ampliación da calzada dende os 5 metros actuais ata os 7 metros para acadar unha circulación máis segura así como a mellora do trazado para rectificar as curvas, reducindo consecuentemente os tempos de recorrido. Ademais, mellorarase a accesibilidade nas interseccións, optimizarase a visibilidade, actualizarase a sinalización horizontal e vertical e balizaranse os laterais con captafaros.

As actuacións tentan proporcionar unha maior seguridade tanto aos peóns como aos vehículos na travesía. Neste senso, adoptaranse medidas que consistirán na orde de accesos, xiros e aparcadoiros, instalación de marcas viais laterais con resaltos, colocación de barreiras de seguridade. Tamén se rehabilitará a capa superficial de firme, dotando a estrada dunha rodadura con mestura discontínua de elevada macrotextura, aportando así maior durabilidade e mellor comportamento fronte á auga.

MOVE
O conselleiro de Medio Ambiente recordou que os investimentos en seguridade viaria e conservación foron as únicas partidas do Plan Move que non se minoraron, e que constitúen máis dun 26% do orzamento total do plan. Concretou que ao longo de 2011 se destinarán 51,1 millóns de euros, dos cales 34,2 serán para medidas de conservación e case 17 para actuacións de seguridade viaria. Esta cifra tamén supón case un 20% do total de investimentos da Dirección Xeral de Infraestruturas, polo que este orzamento é boa mostra do compromiso do actual Goberno coa seguridade.

Por último, graza a nova planificación recollida no Plan Move, a Xunta garante a execución das 12 autovías recollidas neste plan e da practica totalidade das vías de altas prestacións nos prazos comprometidos e sen reducir os investimentos nas mesmas, a pesares da crise económica e dos recortes orzamentarios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical