Do 13 ao 18 de decembro estará pechada. O 20 abre, xa reformadaRibeira, 7 de decembro de 2010. O Concello informa de que se van acometer unha serie de actuacións na Biblioteca Pública Municipal co fin de mellorar o seu servizo e, con tal motivo, estas dependencias situadas na rúa Manuel Lustres Rivas de Santa Uxía permanecerán pechadas aos usuarios durante a vindeira semana.
Entre as accións que se van realizar, destacan a separación física entre a zona infantil e a zona de ordenadores co fin de individualizar estas áreas; a adecuación desta última zona, instalando novo mobiliario construído polo último obradoiro de emprego (Illote Noro 2) para dar soporte aos equipos informáticos; a actualización dos fondos, facilitando o acceso aos volumes a disposición na sala de lectura e retirando dese espazo aqueles que nunca son obxecto de demanda ou consulta (si continuarán rexistrados no catálogo informático por se alguén quere acceder a eles); e o aumento do número de mesas para os lectores, coa incorporación de cinco novas unidades.
As instalacións estarán pechadas unicamente esta próxima semana para causar as menores molestias posibles, xa que despois comezarán as vacacións de Nadal, período no que tradicionalmente se incrementa o número de usuarios que frecuentan a Biblioteca.
Así e logo, unha vez se restableza o servizo o día 20, a Biblioteca funcionará no seu horario habitual, é dicir, de luns a venres, entre as 10 e as 14 horas e as 17 e as 21 horas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario