18.2.13

Ribeira: o Concello desvela detalles do futuro centro social de Oleiros

Proxecto_centro_social_oleiros

  • O BOP anuncia hoxe a licitación da execución da obra e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de marzo.
  • Unha zona verde con área de xogos e un espazo de aparcamento completan a utilización da parcela coñecida como Horta do Cura.
  • Enmarcado no proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos FEDER, a construción do inmoble ten un orzamento de 800.000 euros e un período de execución de 8 meses.

Ribeira, 18 de febreiro de 2013. A construción do Centro Social e de Ocio Sostible de Oleiros sae a licitación, tras a publicación no día de hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do correspondente anuncio, que indica que o prazo para presentar ofertas comeza mañá e remata o vindeiro día 16 de marzo.

A construción do Centro Social e Ocio Saudable en Oleiros é unha das actuacións economicamente máis importantes entre as incluídas no Proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER. Ten un orzamento de 800.000 euros (661.157,03 euros máis IVE) e un prazo de execución de 8 meses. O procedemento para a contratación da empresa adxudicataria é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación.

Proxecto

A redacción do proxecto fora adxudicado no pasado novembro a Carlos Seoane Arquitectos, S.L., por un importe de 38.720 euros, IVE incluído.

Conforme ao proxecto de execución deseñado, o inmoble estará situado nunha esquina da pacela coñecida como Horta do Cura, de 2.506 metros cadrados de extensión, para liberar así a maior superficie posible para esparcimento ao aire libre dos veciños.

Versatilidade de usos

A edificación constará de dous volumes dunha soa planta dispostos en “L” arredor dunha praza pública de 990 metros cadrados. Cada un destes volumes terá un carácter distinto: un lonxitudinal a modo de fondo de praza onde se sitúan todos os despachos e espazos máis convencionais; e un segundo, situado no borde norte da parcela, como un espazo flexible e divisible mediante tabiques móbiles. Este último volume poderase abrir ao exterior permitindo unha maior versatilidade de usos, incluso para dar cabida a actividades culturais abertas á nova praza aproveitando a diferenza de cota sobre a mesma. Por outra parte, un xogo de escalinatas-graderío permitirá un uso distinto deste último espazo liberado.

O volume 1 -de 201 metros cadrados construídos e unha superficie útil de 168- comprenderá un despacho de dirección, dous despachos de persoal, un área de información, aseos, vestíbulo, un carto de limpeza, almacenes e unha sala polivalente de 55 metros cadrados.

O segundo dos volumes -de 241 metros construídos e unha superficie útil de 220 metros cadrados- albergará un salón de actos de 100 metros cadrados e dúas aulas taller de 50 metros cada unha, ademais de almacenes, aseos e un vestíbulo.

O centro social contará demais cun vestíbulo cuberto de 110 metros cadrados e un vestíbulo descuberto de 72 metros, ademais dun espazo de circulacións, ata completar a superficie total de 646 metros cadrados construídos.

Ademais, a parcela albergará unha zona verde de 521 metros cadrados con área de xogos infantís e populares, un aparcamento de 250 metros cadrados e incluso unha pista de petanca tradicional.

Funcións do centro social

Entre os obxectivos con que se concibiu o novo centro figuran:

  • Atender a colectivos desfavorecidos.
  • Realizar talleres de recuperación de oficios tradicionais para persoas desempregadas utilizando as novas tecnoloxías e criterios de deseño industrial e o apoio na comercialización de ditos produtos.
  • Impartir cursos de formación en novas tecnoloxías para todos os niveis, incluída a terceira idade.
  • Centralizar os servizos de promoción do parque patrimonial Oleiros-Artes.
  • Organizar outros actos didácticos de diversa índole como por exemplo aulas de natureza, xornadas de produtos naturais, seminarios temáticos de gastronomía local, etc.
  • Promocionar a cohesión territorial e social.
  • Integrar os servizos de promoción turística.
  • Albergar exposicións.

Valorizar os atributos turísticos de Riveira, puntal para o crecemento socio-económico

O propósito xeral do proxecto Riveira Atlántica 2015 é a transformación  do municipio nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano.

Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a Sociedade Liceo convoca asemblea extraordinaria o xoves 28 de febreiro

Noia, 18 de febreiro de 2013. A Xunta Directiva da Sociedade Liceo convoca unha Asemblea Xeral Extraordinaria de socios, que se celebrará no local social o vindeiro día 28 de febreiro de 2013 (xoves) ás 20:00h en primeira convocatoria e ás 20:30h en segunda, con arranxo á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se é procedente, da acta anterior
2. Orzamento para o exercicio 2013
3. Proxectos e propostas da Xunta Directiva
4. Peticións e preguntas

Pode que tamén lle interese:


Cultura en Noia: ata 19 de abril para o certame "Antón Avilés de Taramancos". Bases.


Arte en Noia: Tino Poza colga óleos durante febreiro no Liceo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Concello homenaxeou aos atletas e clubs deportivos da localidade no VIII Día do Deporte


O club de xadrez foi un dos homenaxeados na noite do sábado

Rianxo, 18 de febreiro de 2013. O sábado pasado celebrouse a gala do VIII Día do Deporte. Trescentas persoas encheron o Auditorio Municipal co obxecto de recoñecer o traballo e os éxitos deportivos acadados polas entidades e deportistas rianxeiros.

A gala estivo presidida polo Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e Joaquín Domínguez, Concelleiro de Deportes, ós que acompañaron os voceiros dos tres partidos con representación no goberno municipal (Adelina Ces, do BNG, Vanesa Martínez, do PP, e Carlos Gey, do PSOE.

Os protagonistas do acto foron os clubs deportivos deste concello, os deportistas máis destacados e os  patrocinadores que apoian o deporte local.  Catorce clubs, 40 deportistas e 20 patrocinadores recibiron o seu recoñecemento de mans das autoridades locais. Os presidentes dos clubs  tiveron a oportunidade de dirixirse ao auditorio para promocionar o seu deporte e agradecer os apoios recibidos.

Ademais do premio xenérico ós clubs, destacaron os seguintes clubs e deportistas, pola importancia dos seu resultados:

Club de Remo Rianxo, cuxa tripulación de batel (cadete-xuvenil) se fixo cos tres últimos campionatos de España e os tres últimos subcampionatos galegos: Juan A. Ferreirós, Roberto Fernández Galbán, Pablo Piñeiro Caamaño

Club de Piragüismo Rianxo, con 2 palistas en Campionatos Europeos, 14 medallas en Campionatos de España e 19 en Campionatos Galegos, destacando as obtidas, entre outros, por Miguel Rodríguez Galbán, Alejandro Conce. Cristina Noya Río, Nerea Rodríguez Fernańdez e Daniel García Galbán .

Club Náutico de Rianxo, dous campións galegos en Clase Crucero (Flor de Lis e Argos), Club Voleibol Toffe, ascenso a 2ª División, Club Voleibol Rianxo, con 3 xogadores en seleccións galegas e 3 medallistas no Campionato Galego de Volei-Praia, Club Xadrez Rianxo, cun dobre campión galego (sub-8 e sub-10) e un campión do Circuíto Galego e o C.D. Unión, co ascenso a Rex. Preferente. 

Por último, destacaron deportistas que militan ou compiten en clubs de fóra de Rianxo: Anxo Galbán Lesende, (piragüismo) Bronce en Campionato de Europa de Maratón e 3 medallas en Campionato de España. O palista Alejandro Conde Ordóñez, Zaira Aido Piñeiro...

A relación completa de clubs homenaxeados é: Automobilismo: Chopo Sport e Escudería Rallyactividad Competición. Ciclismo: P.C. Monte Treito e P.C. Artes Marciais: Kenpo Rianxo. Tenis: Club de Tenis Rianxo. Fútbol: C.C.D. Taragoña e C.D. Unión. Voleibol: Club Voleibol Rianxo e Club Voleibol Toffe. Xadrez: Club Xadrez Rianxo. Deportes Náuticos: Club Náutico de Rianxo, Club de Piragüismo Rianxo e Club de Remo Rianxo.

A entrega do Premio ó Mérito Deportivo 2013 foi un momento especialmente emotivo, no que se recoñeceu a traxectoria e a importancia de José V. Figueiro Carou no desenvolvemento do deporte en Rianxo. O premiado foi concelleiro de Deportes ó longo de catro lexislaturas entre 1994 e 2011 e rematou a súa intervención cunha foto de familia con todos os presidentes e directivos de clubs cos que traballou e colaborou durante 17 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: corenta mozos viaxaron á estación de esquí de San Isidro coa asociación Borobó

2013-02-17_17

Boiro, 18 de febreiro de 2013. A Asociación Cultural Borobó organizou unha nova viaxe á neve, concretamente á estación invernal de San Isidro (León) durante a pasada fin de semana, á que asistiron un total de corenta mozos e mozas. Con esta viaxe este grupo de xóvenes puido disfrutar duns días na neve para aprender e divertirse coa práctica de deportes de inverno coma o esquí ou o snowboard. O grupo estivo acompañado dunha boa climatoloxía e puideron disfrutar de máis de trinta kilómetros esquiables nas pistas da estación.
A saída realizouse o venres ás 23:30 horas e o regreso levouse a cabo o domingo, preto da
medianoite. Desta forma permitiuse que calquera persoa, estudante ou traballador, non tivera problemas de incompatibilidade de horarios para poder asistir.

Nesta ocasión, contouse cun grupo de persoas procedentes non só dos municipios da
comarca, senón tamén de Vilagarcía, Cangas ou Santiago. A presidenta de Borobó, Silvia
García Mirón, sinalou sentirse “moi satisfeita cos resultados desta actividade porque tamén axudamos a que a nosa vila se coñeza en Galicia a través do labor realizado polas  asociacións locais”. A experiencia repítese tras a boa aceptación que está tendo dende a súa organización inicial no ano 2011 e xa é a cuarta ocasión na que se celebra esta viaxe. A presidenta do colectivo, Silvia García, quixo incidir nos beneficios destas actividades nas
que os mozos e mozas poden aprender e divertirse coa práctica desta tipoloxía de deportes que lles permiten disfrutar ao mesmo tempo da Natureza e da convivencia con outros mozos e destacou especialmente “o ambiente de respeto e educación entre tódolos
asistentes”. Por outra banda, tamén quixo resaltar a importancia de ofertar este tipo de actividades que configuran á asociación “nunha entidade xeradora de servizos á sociedade,
con distintas actuacións de diversidade cultural e mesmo de ocio, que en moitas
ocasións non son ofertadas dende as dependencias públicas locais".

---------- Forwarded message ----------
From: Asociación Cultural Borobó <asociacionborobo@gmail.com>
Date: 2013/2/17
Subject: nota de prensa viaxe San Isidro 2013_Asociación Cultural Borobó
To:


Boas

Envío adxunta nota de prensa e material gráfico da viaxe á estación invernal de San Isidro organizada dende a Asociación Cultural Borobó e celebrada durante este mesmo fin de semana. 

Ante calquera dúbida, poden poñerse en contacto coa presidenta da entidade, Silvia García Mirón no teléfono 646261535 ou neste mesmo mail. 

Un saúdo,

Adriana Castro
Secretaria da Asociación Cultural Borobó

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o sábado 23 de febreiro, conferencia de Xesús Alonso Montero sobre "Cantares Gallegos" de Rosalía

Cantares

Media_httpfarm3static_uljwf

Xesús Alonso Montero

Noia, 18 de febreiro de 2013. O profesor Xesús Alonso Montero impartirá o vindeiro sábado, 23 de febreiro, ás sete da tarde, a conferencia titulada “Significado no seu tempo e no noso de Cantares gallegos”, de Rosalía de Castro. Será na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos" e agárdase, amais do conferenciante, a Xesús Laíño, presidente de Barbantia; Blanca-Ana Roig Rechou, directora de proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro e Rafael García Guerrero, alcalde de Noia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: xa comezou o curso sobre persoas dependentes, con 32 participantes

Fotos_apertura_curso_004

O sábado 16 de febreiro deu comezo o curso  “Interrelación e comunicación coa persoa dependente e o seu entorno” ofertado gratuitamente pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro e ao que acoden 32 persoas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng esixe o arranxo da estrada ao Faro de Corrubedo ante o seu calamitoso estado

Media_httpfarm9static_fupen

Tanto esta imaxe como a seguinte están no Flickr do Bng

Ribeira, 18 de febreiro de 2013. O BNG presentou hoxe un escrito para esixir o arranxo inmediato da estrada do Faro de Corrubedo. "Non é a primeira vez que se demanda o arranxo desta estrada, pois veciños e veciñas xa teñen protestado sen que os diferentes gobernos se movesen. A pesar de que é unha estrada de titularidade galega, o equipo de goberno de Ribeira está parado e parece que non lle importa o seu deterioro", sinalan os nacionalistas na súa web.

Desleixo nun dos lugares máis visitados do municipio

"Escoitamos a miúdo, do alcalde, que é importante promocionar o turismo e levar o nome de Ribeira polo mundo, pero de que serve promocionarmos Ribeira se logo non coidamos os entornos daqueles lugares máis visitados? O entorno do Faro de Corrubedo merece unha actuación urxente como o amaño da estrada, acondicionamento dos alboios e edificios próximos para integralos no entorno, etc.
Desde o BNG faremos o traballo oportuno para que os gobernos do Partido Popular tanto en Ribeira como na Xunta de Galiza se movan e amañen a estrada e o entorno deste lugar", argumentan.

Media_httpfarm9static_fmclp

"Moverase o goberno de Ribeira e esixirálles aos seus socios de goberno na Xunta que amañen esta estrada e acondicionen o entorno ou daralle as costas á veciñanza de Ribeira?", pregúntase finalmente o Bng local.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: os muradáns Terbutalina lanzan este xoves 21 "Ritmo serbio", o seu último disco

TERBUTALINA_RITMO SERBIO.pdf Download this file

  • Recuperan, se é que a perderan, a súa fórmula festeira por antonomasia: festa, velocidade e empanada.
  • Executan gastropunk (o punk dixerido e logo vomitado) e seguen incitando á xente a bailar
  • O 21 poderase descargar da Rede e o 7 de marzo farán unha festa na Sala Capitol de Compostela para presentar no mundo real o disco


Os Terbutalina gózana tocando sen demasiada cabeza

Incentro de Muros, 18 de febreiro de 2013. Tras un 2012 no que revolucionaron os escenarios de toda Galicia, Terbutalina volve aos escenarios e faino cun novo disco baixo a axila. Gravado en Belgrado, Ritmo serbio contén cancións rápidas que van directas aos pulmóns e que inciden na fórmula Terbutalina: festa, velocidade e empanada.

O disco, como é norma con todos os traballos da Terbutalina, estará dispoñible en descarga gratuíta en diferentes plataformas dixitais a partir do 21 de febreiro de 2013. Presentarase nunha festa na Sala Capitol de Santiago de Compostela o 7 de marzo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical