26.7.10

Opinión: o padre Teixugo aposta polo sentidiño como mellor ferramenta contra a crise

"Pero non vos dades conta que somos ovellas das multinacionais? De que vale falar en galego, presumir de morriña e de sentimento patrio se logo cando vas mercar a túa cervexa prefires a de fóra antes que a da túa Galicia? Ou cando mercas leite sen saber de onde "vén sendo": acaso estamos perdendo a nosa natureza que tantos séculos puido contra o invasor?".
O artigo enteiro en http://certo.es/index.php?page=ix_homilia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: participarán cinco grupos no primeiro concurso de música para promocionar bandas noveis locais

Quen gañe participará o 12 de agosto nun festival co gallo do Día Internacional da Xuventude

Ribeira, 26 de xullo de 2010- Co obxectivo primordial de dar a coñecer entre a veciñanza o traballo despregado polas distintas bandas noveis do municipio, o Concello organiza para os vindeiros días o Primeiro Concurso de Música de Grupos Locais de Ribeira: unha iniciativa promovida polo Departamento Municipal de Xuventude que arrancará a partir de pasado mañá, mércores, e se desenvolverá ao longo das vindeiras datas antes de que se inicien as Festas de Verán (que van do 4 ao 9 de agosto). 

Vicente García como edil de Xuventude, acompañado polo técnico municipal Mario Vidal, foi o encargado de presentar este certame, que pretende servir como unha plataforma que lle brinde ás bandas locais inscritas no rexistro de grupos do Concello a oportunidade de divulgar as súas creacións musicais logo do traballo realizado no local de ensaio municipal. 

Van ser cinco as bandas que participarán no evento: Entrelíneas, Kolapz, La Banda del Watio, Pirufláuticos e Talón de Aquiles. As actuacións terán lugar en distintos locais hostaleiros do municipio, algúns dos cales aínda se están concretando.

Festival o 12 de agosto, con Jabon Blue


O gañador do certame, que será escollido polas propias bandas participantes, terá a oportunidade de actuar o día 12 de agosto nun festival que servirá para conmemorar o Día Internacional da Xuventude. Para a posta en marcha deste festival, o Concello está a recibir a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Ademais do gañador deste Concurso, van participar unha banda foránea e o xa consagrado grupo local Jabon Blue.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: festas patronais en Santa Cristina de Barro, hoxe 26 de xullo, con música e cata de empanadas

Noia, 26 de xullo de 2010. A parroquia de Santa Cristina de Barro celebra hoxe a súa festa patronal. Amenizada dende primeira hora da mañá polas gaitas de Os Salgueiriños e Airiños do Mar, á unha da tarde haberá misa solemne na honra da Virxe do Carme, na que cantará a coral do Liceo de Noia.
A partires das dúas e cuarto da tarde, recital de música no que participa a asociación "Mar de Noia" (que estrea himno propio), a banda municipal de Noia e a xa citada coral do Liceo. A continuación, festa da empanada.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o líder do Psoe galego incidiu no seu discurso do Día de Galicia na reforma do estatuto e na protección da lingua galega

Pachi Vázquez urxe reformar Estatuto "para que Galicia saia reforzada da crise e blindar o noso sistema de benestar".  Esixe a Feijóo “que non use a palabra galeguismo en vano, porque ninguén pode dicir que é galego e galeguista cando pisotea a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade”

Rianxo, 26 de xullo de 2010.- O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, urxiu a reforma do Estatuto “para que Galicia saia reforzada da crise, para garantir os dereitos de cidadanía dos galegos e galegas e blindar o noso sistema de benestar”. Vázquez fixo esta reivindicación na súa intervención no acto dos socialistas galegos no Día de Galicia, en Rianxo, que incluíu unha ofrenda floral a Castelao na que participaron diversos cargos orgánicos e institucionais do PSdeG.

Vázquez defendeu neste acto os principios do socialismo  e do galeguismo como piares fundamentais da acción política do PSdeG e do desenvolvemento de Galicia. “Un desenvolvemento que tivo un forte pulo hai case tres décadas, coa entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia”, apuntou, “pero que hoxe resulta insuficiente para acadar o grao de autogoberno que nos permita estar ao máximo nivel autonómico no marco da Constitución”.

Por iso, avogou por “adaptar a norma institucional básica de Galicia ás necesidades do século XXI” a fin de acadar “maiores cotas de benestar para os galegos e as galegas” cun novo Estatuto “que sexa útil á cidadanía e que conxugue identidade,  lingua e tradición con competencias, financiamento, benestar e modernidade”, subliñou.

Vázquez reiterou ante o monumento de Castelao o “compromiso inquebrantable” do PSdeG coa defensa de Galicia para un futuro “que require a mellora da capacidade de goberno, o establecemento de novos dereitos e o reforzo da nosa propia identidade, e que garanta as bases da autonomía financieira”.

Lembrou que, en base a estes principios, o PSdeG presentou unha proposta de acordo para aprobar un novo Estatuto “que nos permita saír reforzados da crise e que favoreza a modernización e o progreso, comprometido co benestar social, a calidade democrática, os dereitos cidadáns, a igualdade de xénero, o desenvolvemento económico sostible e a defensa do patrimonio natural”. “En este momento de dificultade económica, no que miles de galegos e galegas están no paro, a política é máis necesaria que nunca”, sinalou, á vez que engadiu que “non son tempos de esconderse, senón de afrontar a situación e asumir un novo Estatuto que fortaleza o noso país, no marco da Constitución”. Reclamou a Feijóo que “en vez de confrontar, traballe por unir, por acadar consensos”, e pediulle “un compromiso sincero para sacar adiante o país crendo en Galicia e renovando o Estatuto”.

Ataque á lingua e desprezo á cultura galega

“Os erros cometidos neste último ano polo Goberno galego son numerosos e graves, pero acaso ningún teña tanta relevancia neste 25 de Xullo de 2010, como o ataque sufrido pola nosa lingua”, subliñou Pachi Váquez, polo que recalcou que “hoxe é mais necesario que nunca fortalecer o autogoberno e a nosa identidade, e estamos seguros de que é o tempo propicio de acometer a reforma estatutaria e pechar o marco competencial, normativo e financiero do autogoberno galego”.

Esixiu a Feijóo “que non use a palabra galeguismo en vano, que lea a Castelao e o seu compromiso coa identidade, porque ninguén pode dicir que é galego e galeguista cando pisotea a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade”, sentenciou.
“Os socialistas cremos en Galicia e queremos a este país”, afirmou, polo que reiterou o compromiso do PSdeG “para acadar acordos e promover políticas de consenso e encontro”, aínda que advertiu que “non permitiremos que Galicia retroceda nos dereitos adquiridos”.

A este respecto Vázquez lembrou que “nun ano, Feijóo e o seu goberno están a dilapidar todos os avances acadados polo anterior goberno socialista” e contra isto fixo un chamamento ao socialismo para “traballar para non retroceder nin un centímetro nos dereitos sociais, nas políticas de igualdade, a educación, a sanidade e na defensa da lingua”. “Ningún presidente en toda a historia da democracia fixo un desprezo tan grande á nosa lingua e á nosa cultura como  Feijóo”, aseverou, á vez que afirmou que “a este país quéreselle cando se lle fai sitio a todos os homes e mulleres e se pensa en todos eles, non cando se defenden intereses partidistas”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical