Quen gañe participará o 12 de agosto nun festival co gallo do Día Internacional da Xuventude
Ribeira, 26 de xullo de 2010- Co obxectivo primordial de dar a coñecer entre a veciñanza o traballo despregado polas distintas bandas noveis do municipio, o Concello organiza para os vindeiros días o Primeiro Concurso de Música de Grupos Locais de Ribeira: unha iniciativa promovida polo Departamento Municipal de Xuventude que arrancará a partir de pasado mañá, mércores, e se desenvolverá ao longo das vindeiras datas antes de que se inicien as Festas de Verán (que van do 4 ao 9 de agosto).
Vicente García como edil de Xuventude, acompañado polo técnico municipal Mario Vidal, foi o encargado de presentar este certame, que pretende servir como unha plataforma que lle brinde ás bandas locais inscritas no rexistro de grupos do Concello a oportunidade de divulgar as súas creacións musicais logo do traballo realizado no local de ensaio municipal.
Van ser cinco as bandas que participarán no evento: Entrelíneas, Kolapz, La Banda del Watio, Pirufláuticos e Talón de Aquiles. As actuacións terán lugar en distintos locais hostaleiros do municipio, algúns dos cales aínda se están concretando.
Festival o 12 de agosto, con Jabon Blue
O gañador do certame, que será escollido polas propias bandas participantes, terá a oportunidade de actuar o día 12 de agosto nun festival que servirá para conmemorar o Día Internacional da Xuventude. Para a posta en marcha deste festival, o Concello está a recibir a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Ademais do gañador deste Concurso, van participar unha banda foránea e o xa consagrado grupo local Jabon Blue.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario