16.10.12

Pesca: a pobrense Rosana Pérez pide no Congreso en Madrid que España non apoie a anulación nas etiquetas da orixe dos produtos pesqueiros

  • Trátase da primeira proposición non de lei presentada pola nova deputada do Bng, que tomou posesión hai poucos días en substitución de Francisco Jorquera
  • Rosana Pérez incide especialmente no sector do mexillón, que se vería gravemente prexudicado

Media_httpfarm9static_gnnje

Pouco sentido ten que esteamos a exaltar o noso mexillón e logo vendamos nas latas un que non é o noso, argumentan os do Bng

A Pobra, 16 de outubro de 2012. A deputada do BNG no Congreso, a pobrense Rosana Pérez, demanda a adopción de medidas na “dirección contraria, que se promova na UE a orixe dos productos pesqueiros, sobre todo os relacionados co sector extractivo como o mexilón que destaca pola súa calidade”

Pérez rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que insta ao Goberno a “dar marcha atrás na vindeira xunta do Consello de Ministros de Pesca da UE, na súa proposta de eliminar a obrigatoriedade de indicar a procedencia dos productos pesqueiros”.

A deputada do BNG demanda ao Executivo español a “adopción de medidas na dirección contraria, a de promover na UE a orixe dos productos pesqueiros, especialmente os relacionados co sector extractivo galego como o mexilón, que destaca pola súa alta calidade”. Ademáis, pede que se defenda na UE “que os productos pesqueiros inclúan toda a información precisa nas súas etiquetas en aras á necesaria transparencia e ao dereito á información que deben ter os consumidores”.

Rosana Pérez lembra na proposición a emenda introducida polo PP en Bruxelas no Informe Stevenson sobre a “eliminación na etiquetaxe da obrigatoriedade de sinalar a orixe dos productos pesqueiros”. Subliña que “no documento inicial e previamente á emenda introducida polo grupo popular, o Informe incluía a exixencia de indicar a orixe dos productos pesqueiros”.

O PP prexudica ao sector extractivo galego, asegura o Bng

Pérez pón de manifesto que “de seguer adiante esta proposta se estaría prexudicando a sectores pesqueiros como o extractivo. En concreto, en Galiza o sector mexilloeiro observa con grande preocupación a aprobación desta medida posto que sería un auténtico golpe para o prestixio e a calidade do mexilón galego”.

“Os consumidores, apunta Rosana Pérez, teñen dereito a saber de onde proceden os alimentos que mercan, teñen dereito a coñecer se por exemplo os mexilóns que van consumir proceden das Rías de Galiza ou doutros lugares”.

Neste sentido, resalta a “probada calidade e o prestixio dos productos conserveiros  galegos, unha calidade que se debe promover, impulsar e difundir”. Así, salienta asemade que a falla de información na etiquetaxe favorece “sobre todo aos productos que proveñen de  terceiros países, que van aproveitar a laxitude na etiquetaxe para confundir ao consumidor”.

Para o BNG resulta “incomprensíbel que propostas tan negativas para o noso sector partiran de eurodeputadas galegas do PP, e sexan defendidas polo Ministro de Agricultura”.

Carmen Fraga, do PP, ao servizo doutros países

De seren aprobadas definitivamente as emendas do PP ao Informe Stevenson (que establecerá as reglas para o sector produtivo pesqueiro no período 2014-2020), o sector galego do mexillón "enfrontaríase a unhas dificultades que ameazarían a súa propia viabilidade de futuro. Dende o BNG consideramos que non é de recibo que a sra. Carmen Fraga, eurodeputada “galega” do Partido Popular, deserte da súa responsabilidade co noso país e actúe ao servizo doutros intereses e doutros países, sendo o noso a primeira potencia europea na produción de mexillón e xerando, entre directos e indirectos, arredor de 20.000 postos de traballo".

A normativa impulsada polo Partido Popular pretende legalizar unhas prácticas que xa se están a dar hoxendía: A substitución do mexillón galego destinado á industria conserveira por outro foráneo, fundamentalmente chileno, a través da importación, co obxecto de se aproveitaren do prestixio adquirido polo noso produto e provocando así un dobre problema. Por unha banda o que atinxe ao consumo, por fraude e engano a quen pretende mercar mexillón galego cando non o é. E, por outra, o tocante ao sector produtivo, que observa como paulatinamente se despraza a súa produción por outra de fóra.

"Os consumidores e consumidoras teñen dereito a coñecer a orixe dos produtos que mercan e o sector mexiloeiro ten dereito a vivir dignamente do seu traballo, producindo e comercializando un produto único e extraordinario", remata Rosana Pérez.

Esta iniciativa xa foi remitida, para o seu coñecemento, ás confrarías e asociacións de mexilloeiros do país.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte promociona Barbanza cun concurso en Facebook e Twitter ata o 29 de outubro

Barbanza, 16 de outubro de 2012. A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte presenta hoxe a novidosa campaña de promoción turística do xeodestino Rías Baixas - Ría de Arousa, protagonizada polos gañadores dun casting popular e proxectada a nivel nacional a través dun concurso no Facebook ao que se pode acceder dende o web http://www.arousa-norte.es ou directamente en https://www.facebook.com/arousanorte/app_207207896078756. Tamén se pode participar en Twitter enviando a mensaxe a @arousanorte coas etiquetas #ytúlosabes #arousaturismo.

O casting realizado o día 9 de outubro en Boiro e o 10 en Cambados tivo, segundo Arousa Norte, "un alto nivel de participación. As frases gañadoras foron seleccionadas pola súa forza, inxenio e espontaneidade. Cada unha delas suliña un dos produtos turísticos que o xeodestino quere potenciar".

Campaña en castelán en redes sociais norteamericanas

A campaña protagonizada polos gañadores do casting lanzarase hoxe a través das plataformas de comunicación de ambas as dúas mancomunidades, a de Arousa Norte e a do Salnés, e intenta proxectarse a nivel nacional a través do citado concurso nas redes sociais norteamericanas Facebook e Twitter. Non se contou para esta acción nin co idioma galego nin coa rede social con código galego Cabozo.com. As instruccións para participar, en castelán, están en http://www.arousa-norte.es/blog-arousanorte/?page_id=6501. Haberá tres gañadores, que levarán como premio bonos de turismo rural.

Se queren toda a información sobre o casting, a campaña de promoción do xeodestino e o informe de seguemento da acción ate o día de hoxe, consulten o pdf seguinte (mellor descargalo):

12_arousaturismo_casting_ndp_ganadores_gal.pdf Download this file
Pode que tamén lle interese:


Curso en Boiro: de turismo ornitolóxico, do 22 ao 27 de outubro

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: convocadas axudas para deportistas non profisionais residentes no concello

Media_httpfarm4static_jhhem

Imaxe de arquivo da Carreira do Corgo, por terras de Ribeira 

Ribeira, 16 de outubro de 2012.- Se no día de onte o Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicaba as bases polas que se rexe o outorgamento de subvencións para a promoción de actividades culturais, na edición de hoxe do BOP dáse conta da convocatoria de achegas do Concello de Riveira dirixidas a deportistas non profesionais residentes no municipio.

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical