16.10.12

Pesca: a pobrense Rosana Pérez pide no Congreso en Madrid que España non apoie a anulación nas etiquetas da orixe dos produtos pesqueiros

  • Trátase da primeira proposición non de lei presentada pola nova deputada do Bng, que tomou posesión hai poucos días en substitución de Francisco Jorquera
  • Rosana Pérez incide especialmente no sector do mexillón, que se vería gravemente prexudicado

Media_httpfarm9static_gnnje

Pouco sentido ten que esteamos a exaltar o noso mexillón e logo vendamos nas latas un que non é o noso, argumentan os do Bng

A Pobra, 16 de outubro de 2012. A deputada do BNG no Congreso, a pobrense Rosana Pérez, demanda a adopción de medidas na “dirección contraria, que se promova na UE a orixe dos productos pesqueiros, sobre todo os relacionados co sector extractivo como o mexilón que destaca pola súa calidade”

Pérez rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que insta ao Goberno a “dar marcha atrás na vindeira xunta do Consello de Ministros de Pesca da UE, na súa proposta de eliminar a obrigatoriedade de indicar a procedencia dos productos pesqueiros”.

A deputada do BNG demanda ao Executivo español a “adopción de medidas na dirección contraria, a de promover na UE a orixe dos productos pesqueiros, especialmente os relacionados co sector extractivo galego como o mexilón, que destaca pola súa alta calidade”. Ademáis, pede que se defenda na UE “que os productos pesqueiros inclúan toda a información precisa nas súas etiquetas en aras á necesaria transparencia e ao dereito á información que deben ter os consumidores”.

Rosana Pérez lembra na proposición a emenda introducida polo PP en Bruxelas no Informe Stevenson sobre a “eliminación na etiquetaxe da obrigatoriedade de sinalar a orixe dos productos pesqueiros”. Subliña que “no documento inicial e previamente á emenda introducida polo grupo popular, o Informe incluía a exixencia de indicar a orixe dos productos pesqueiros”.

O PP prexudica ao sector extractivo galego, asegura o Bng

Pérez pón de manifesto que “de seguer adiante esta proposta se estaría prexudicando a sectores pesqueiros como o extractivo. En concreto, en Galiza o sector mexilloeiro observa con grande preocupación a aprobación desta medida posto que sería un auténtico golpe para o prestixio e a calidade do mexilón galego”.

“Os consumidores, apunta Rosana Pérez, teñen dereito a saber de onde proceden os alimentos que mercan, teñen dereito a coñecer se por exemplo os mexilóns que van consumir proceden das Rías de Galiza ou doutros lugares”.

Neste sentido, resalta a “probada calidade e o prestixio dos productos conserveiros  galegos, unha calidade que se debe promover, impulsar e difundir”. Así, salienta asemade que a falla de información na etiquetaxe favorece “sobre todo aos productos que proveñen de  terceiros países, que van aproveitar a laxitude na etiquetaxe para confundir ao consumidor”.

Para o BNG resulta “incomprensíbel que propostas tan negativas para o noso sector partiran de eurodeputadas galegas do PP, e sexan defendidas polo Ministro de Agricultura”.

Carmen Fraga, do PP, ao servizo doutros países

De seren aprobadas definitivamente as emendas do PP ao Informe Stevenson (que establecerá as reglas para o sector produtivo pesqueiro no período 2014-2020), o sector galego do mexillón "enfrontaríase a unhas dificultades que ameazarían a súa propia viabilidade de futuro. Dende o BNG consideramos que non é de recibo que a sra. Carmen Fraga, eurodeputada “galega” do Partido Popular, deserte da súa responsabilidade co noso país e actúe ao servizo doutros intereses e doutros países, sendo o noso a primeira potencia europea na produción de mexillón e xerando, entre directos e indirectos, arredor de 20.000 postos de traballo".

A normativa impulsada polo Partido Popular pretende legalizar unhas prácticas que xa se están a dar hoxendía: A substitución do mexillón galego destinado á industria conserveira por outro foráneo, fundamentalmente chileno, a través da importación, co obxecto de se aproveitaren do prestixio adquirido polo noso produto e provocando así un dobre problema. Por unha banda o que atinxe ao consumo, por fraude e engano a quen pretende mercar mexillón galego cando non o é. E, por outra, o tocante ao sector produtivo, que observa como paulatinamente se despraza a súa produción por outra de fóra.

"Os consumidores e consumidoras teñen dereito a coñecer a orixe dos produtos que mercan e o sector mexiloeiro ten dereito a vivir dignamente do seu traballo, producindo e comercializando un produto único e extraordinario", remata Rosana Pérez.

Esta iniciativa xa foi remitida, para o seu coñecemento, ás confrarías e asociacións de mexilloeiros do país.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical