Galiza, outubro de 2012. Rematou a lexislatura máis nefasta para o ambiente dende a era Fraga. Que a crise ten tamén unha compoñente ambiental, vímolo ben na Galiza durante toda a lexislatura de Feijóo: Os recurtes nos dereitos sociais foron parellos a un retroceso sen precedentes nas políticas ambientais. Desartellamento territorial, deconstrución da lexislación ambiental e amnistía para o "ladrillazo", especulación cos recursos naturais, cos montes, co litoral, cos espazos protexidos, cos residuos, exterminio planificado da nosa biodiversidade, corrupción e barra libre de chumbo para a fauna... En definitiva, unha volta ás políticas máis rancias e insustentábeis, descoñecidas en Europa e máis propias da época franquista que dun país democrático. Este día 21 o noso medio ambiente, a nosa natureza aínda privilexiada mais continuamente aldraxada, non vota. Faino tí por ela! Territorio e urbanismo: Malversando a toda costa. O caso Barreiros supuxo a demolición controlada pola Xunta dun marco legal (a Lei do Solo) que puña algún límite ao todo vale, ao renunciar aos contenciosos e desviar cartos públicos para favorecer aos amos do "ladrillo" e aos seus testaferros políticos. Esta vía de auga aberta por Feijóo na xestión do territorio deixou baleira de contido toda a lexislación urbanística previa, substituíndoa pola arbitrariedade e a discrecionalidade. É o "urbanismo real" que invocaban Feijóo e Hernández para "solucionar os problemas" do urbanismo legal: as leis e normas teñen o feo vicio de limitar as comenencias e prohibir a política dos feitos consumados. Mais os ataques ao territorio non pararon en Barreiros: modificacións á carta da Lei do Solo, eliminación de molestos trámites ambientais e como colofón, unha Lei de Industria que permitirá aos especuladores internacionais inundar de cianuro os nosos espazos protexidos á procura do ouro suxo e á Xunta inxectarlles a dedo cantos fondos públicos precisen. Residuos: A incineración, un pesadelo que non cesa. O Plano de Residuos do PP traía debaixo do brazo máis incineración. Tivo que pasar case un ano para coñecermos a ubicación proposta da nova incineradora (O Irixo), porque a Xunta atendeu primeiro ao interese político do PP en esquivar posíbeis repercusións eleitorais. Feijóo e Hernández pretendían reproducir no sur o fracaso de SOGAMA, un modelo caduco, ruinoso para os concellos, insolidario coa cidadanía e perigoso para a saúde e o ambiente. A incineración en Galiza é unha opción política, non técnica nin moito menos legal, e así o quixemos poñer de manifesto promovendo unha ILP contra a incineración, que nestes intres aínda recolle sinaturas. Finalmente, os vicios do neoliberalismo acabaron tumbando os soños incineratorios de Feijóo: Unha planta de 260 millóns enteiramente privada e sen primas eléctricas logo de que Rajoy fulminara as axudas ás renovábeis? Política-ficción. Ao final, Feijóo e Hernández despertaron do seu soño... pero para desgraza nosa o dinosauro de SOGAMA segue aí. Montes: Máis lume, especulación... e máis eucaliptos. A maquinaria da especulación capitalista tiña nesta lexislatura un obxectivo claro: penetrar nos nosos montes e afortalarse no mundo rural. O instrumento: os seus factótums políticos na Xunta e no sector forestal e pasteiro; o veículo: a castración da lei de Defensa contra os incendios e a nova Lei de Montes que veu a luz "in extremis" nesta lexislatura. En ADEGA non nos resignamos ao andazo dos lumes, que nos últimos 12 meses arrasaron case 17000 hectáreas só en espazos protexidos: un récord histórico. Estes lumes teñen claros cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións. Esa é a broza que compriría limpar axiña. Tamén asistimos ao intento da partronal pasteira e agroquímica de recolonizar os nosos montes con millóns de eucaliptos transxénicos, agasallados coa fumigación masiva cun pesticida proibido, mentres a Xunta, dilixentemente, mira para outro lado. Enerxía: Antes euros sen muíños que muíños sen euros. Para a ONU, este 2012 é o ano da "enerxía sustentábel para todos". En Galiza, o 2012 debía ser o dunha nova vaga de eólicos en prácticamente calquera curuto... de non ser pola crise. Ao comportamento suicida e oneroso para as arcas públicas que supuxo a anulación do anterior concurso eólico, perfectamente legal segundo sentenciou o TSXG, uniuse o inesperado "agasallo" do "governo amigo" retirando as primas públicas ás renovábeis. Dun día para outro, centos de magawatios ficaron (e nunca millor dito), no ar. Todo o tecido político-económico argallado por Feijóo para colocar o vento galego e beneficiar xa non a masaxistas, cuñados de directores xerais ou mulleres de alcaldes como durante o fraguismo, senón a grupos de capital-risco afíns e grandes empresas enerxéticas, rachou en anacos. O concurso eólico do PP foi concebido para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética, alén de levar como un parasito apegado a incineradora do Sur. Era un negocio redondo: Privatizar dun golpe o vento e os refugallos, até que a crise e Rajoy devolveron a Feijóo á realidade e os especuladores fóronse co vento. No litoral, que non falten rodaballos e salmóns con antibióticos. Co Plano Director de Acuicultura, Feijóo non só deu por boas as ubicacións do contestado Plano Acuícola do bipartito, senón que foi máis aló: as piscifatorías poderán ir... onde diga a consellería (vale dicer Pescanova). Todo comezou en 2010 co pomposo POL, que de tantas execepcións, na prática permitía case todo a criterio da administración. Despois chegou o "experimento" das gaiolas de salmón, e a Xunta deixou claro de que lado estaba: do da macroacuicultura industrial, a que pretende convertir o noso litoral nun inmenso polígono industrial para lucro das multinacionais do peixe con antibióticos, ao estilo do acontecido en Chile. E ao igual que no cono Sur, serán a pesca tradicional, o marisqueo e o ecosistema das nosas rías os que pagarán as consecuencias. Nestes intres, fronte á ameaza das macroplantas de peixes de plástico só estamos os ecoloxistas... e a crise: A falla de subvencións europeas á macroacuicultura está a demorar desfeitas coma a de Touriñán, mais a partir de 2013 esta situación podería mudar. Os ríos, para quen poida pagar por eles; as rías, para os contaminadores. A aperta de Galán a Feijóo no Obradoiro na investidura de 2009 abreu para Iberdrola todo un mundo de posibilidades en Galiza. Dende ese día, tanto Iberdrola como Fenosa sabían que non ían ter ningún problema para levar adiante os seus proxectos hidroeléctricos no país, mesmo desecando por completo un río durante meses en plena Rede Natura ou agasallando con 3 anos con voaduras e millóns de toneladas de entullo aos canóns do Sil, na Ribeira Sacra, patrimonio da humanidade e acubillo de especies coma a aguia real, en perigo de extinción. Nos nosos ríos, o novo Plano Hidrolóxico antepón o aproveitamento hidroeléctrico aos usos ecosociais, mentres a Xunta segue mantendo ao Umia na UVI, gravemente contaminado e gastanto 22 milóns de € para seguir facéndolle o xogo a Cortizo. Hai bula tamén para que ENDESA e FENOSA enchufen as súas balsas mineiras das Pontes e Meirama á Rede Natura e trasladen á cidadanía os custos de facer fronte de por vida ao tratamento da acidez e dos metais pesados. O saneamento integral das rías pode esperar, con 8 grandes vilas e cidades costeiras incumprindo a directiva de depuración dende hai 10 anos, mentres REGANOSA, FINSA-FORESA ou ENCE seguen a usalas de cañeira. E agora, coa voadura da Lei de Costas que Cañete e Rajoy acaban de perpetrar, ENCE-ELNOSA seguirá contaminando 75 anos máis na ría de Pontevedra. Rede Natura? Póñame cuarto e metade. Despois de agardarmos 8 anos pola ampliación da Rede Natura galega, O PP acabou apresentando unha proposta misérrima que fai que Galiza siga á cola do estado. Malia a contarmos cunha das biodiversidades máis ricas de Europa, Feijóo propuxo unha ampliación do 12% actual ao 15%, lonxe da media estatal (28%) e da Rede Natura nas autonomías veciñas: Castela e León, 26% e Asturies, 29%. A isto hai que engadir un Plano Director que permite case todos os usos, incluidos os construtivos, en máis do 70% da Rede Natura, e mesmo nas zonas de maior valor permítense piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, recualificar solo rústico... a discreción do Sr. conselleiro. Como complemento, os responsábeis da conservación da biodiversidade convertiron aos nosos montes nun enorme couto de caza no que pegar tiros todo o ano e no que "educar" a nenos de 14 anos armados. E como na película "Os Santos Inocentes" son os amigos do poder os que cazan de balde, mentres os dirixentes exercen como alimañeros promovendo sen rubor o extermino do lobo. Educación Ambiental? Mellor cursos de biocidas e motoserras. A situación da Educación Ambiental, como o da educación en xeral, é catastrófica. As iniciativas da Xunta para a promoción da educación ambiental (EA) son case inexistentes, coa EGEA (Estratexia Galega de Educación Ambiental) esquecida nun caixón dende hai anos. Ao brutal recorte de actividades e recursos (0€ en 2012); ao peche e infrautilización de equipamentos (Centro de Interpretación A Siradella, C.I. do P.N. Monte Aloia, do P.N. da Enciña da Lastra; do P.N. de Corrubedo, Aula de Chelo...); ao abandono da EA no sistema educativo polos continuos recurtes; aos despedimentos e desaparición de empresas, hai que engadir o escandaloso desbaldimento de recursos en eco-mausoleos como o Centro de Interpretación dos Espazos Naturais Galegos de Ourense (8 millóns de €) ou das das Illas Atlánticas. E no eido da formación ambiental non regrada sobre materias ambientais, a Xunta ofertou no que vai de ano nada menos que 28 cursos de "aplicador/manipulador de biocidas" por 2 cursos de prevención e loita contra os lumes; 1 de "ruido ambiental" e 1 de "manexo básico da motoserra". Finalmente, en ADEGA queremos tomarlle a palabra ao Sr. Feijóo cando na campaña de 2009 subscribira o seu "contrato con Galicia", segundo el "de carácter vinculante e verificábel". Nese documento, a "cláusula 10" facía referenza ao medio ambiente, e dicía o seguinte "Ligar a política territorial ao medio ambiente e facer do respecto medioambiental un principio irrenunciable". Pois ben, 3 anos e medio despois e visto o nefasto balanzo ambiental da súa lexislatura, vémonos na obriga de sinalar que Feijóo non cumpríu cos obxectivos do seu contrato coa cidadanía e, portanto, este día 21 procederemos a comunicarlle o seu despedimento por causas máis que xustificadas. |