22.8.10

Reto: Juancho Armental atravesará a nado dende Sálvora (Ribeira) ata Barraña (Boiro) este mércores 25

Boiro, 22 de agosto de 2010. Tralo éxito acadado por Juancho Armental e o seu equipo no mes pasado co seu primeiro reto deste 2010 celebrado entre Vilagarcía de Arousa e Pontecesures (16 kms), e no que se converteu no primeiro galego da historia en facer a nado a Ruta Marítima Xacobea polo Río Ulla, rebaixando en 3 horas o tempo acadado por David Meca (facendo 4 km menos), Juancho Armental xa ten data para o seu “imposible” e próximo reto persoal.  

Foron máis de 6 semanas de espera debido ao contundente vento do nordeste que asolou á ría de Arousa ao longo deste verán e que no pasado 2009 conseguiu mandar ao deportista galego ao hospital debido a sufrir, tras 6 horas nadando, unha hipotermia de importancia (30º corporais) e unha hipoglucemia insalvable (chegou a ter 32 de glucemia antes de sacalo da auga con perdas de coñecemento). Nestas derradeiras semanas Juancho adestrou na praia de Carregueiros en Boiro co seu adestrador Jesús Silva e sempre esperando posibles cambios nas condicións meteorolóxicas que lle permitiran planificar o esperado día. 

Intento fallido o ano pasado

Non é un ano de espera senón dous debido ao infrutuoso intento do ano pasado. Desde xaneiro ten invertidas máis de 153 horas de adestramentos nas que completou máis de 560 kms entre o mar e a piscina, sempre nos seus ratos libres ou cando o seu traballo como consultor de recursos humáns e rendemento con deportistas e en empresas llo permitiron.  

Este proxecto é, como pregoa o seu lema, un loitar contra os “Imposibles” que tanto aprisionan ás persoas e que lles levan a “non facer” polo feito de ter unha escusa perfecta. Juancho resalta que o fai para él e porque cree nun estilo de vida no que se pretende, non só cumprir cos obxectivos propostos, que para moita xente son imposibles, senón acadalos sen que isto sexa unha prioridade na súa vida e si un complemento, polo nunca se descoidaron o resto dos seus pilares persoais.   

Antes de falar dos seus próximos proxectos, calificados polo deportista como “de traca” si é que se conseguen os apoios necesarios, tratará de completar a distancia estimada de 25 kms entre a Illa de Sálvora e a praia de Barraña en Boiro, e si o consegue será a primeira persoa da historia en cruzar e atravesar a Ría de Arousa a nado (o ano pasado xa percorreu os 16 kms de distancia entre Vilagarcía de Arousa e A Pobra do Caramiñal). 

A organización espera que na chegada estean presentes moitos centos de persoas que xa teñen amosado o seu apoio ao equipo de “Loitar contra o Imposible”, así como amistades, patrocinadores e algunhas autoridades que Juancho Armental tanto ten eloxiado polas súas axudas e boa disposición nestes meses, como Jose Luís Torres Colomer, alcalde de Ribeira, Xosé Deira, alcalde de Boiro ou o Concelleiro de Deportes de Ribeira, Miguel  Ángel Vidal (que acaba de gañar como corredor local na Carreira do Demo, en Artes), entre outros. Descoñécese se personalidades da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte estarán presentes na chegada, pero tamén se espera a presenza dalgúns empresarios e deportistas de elite cos que Juancho ten moi boa relación persoal e profesional.  

Itinerario

Juancho, algúns amigos, algúns seguidores e o seu equipo técnico integrado entre outros polo seu adestrador Jesús Silva, a súa fisioterapeuta Carolina Pérez, o fotógrafo da organización Dani Gestoso (webmaster de Webboiro.com, onde se colgan as fotos dos diversos retos e de todo Boiro), dúas zodiacs de protección civil de Boiro e Ribeira, o médico Jorge Alonso e o seu enfermeiro de confianza Ricardo Vázquez, sairán do porto de Aguiño cara a Illa de Sálvora ás 9:30 horas. Ás 10:45 horas tomarán a saída deste reto dirección a Aguiño para coller unha traxectoria de prevención entre a Illa de Rúa e Riveira e anticipándose deste xeito ás fortes correntes de entrada na ría. Se espera que a expedición pase por diante do porto riveirense ás 13 horas. O paso por Palmeira será ás 13:30 horas, e enfronte á praia de Cabío a iso das 14:30 horas. Sobrepasada a metade do percorrido e gran parte das dificultades da ruta, se definirá a traxectoria a seguir tras pasar ás 14:45 horas a 20 metros da punta do Monte da Alta e do seu paseo peonil, na Pobra do Caramiñal. Por desexo do propio Juancho se pretende pasar por diante do novo porto de Cabo de Cruz ás 16 horas. A chegada está estimada que sexa na Praia de Barraña enfronte das pistas deportivas. A hora de chegada será sobre as 16:45 horas, polo que terá nadado arredor de 6 horas e media á súa chegada.

Blog de Juancho Armental:

http://juanchoarmental.blogspot.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Atletismo: Akka Essaaadaoui, gañador absoluto da Carreira do Demo en Artes, Ribeira


Gañador absoluto: AKKA ESSAADAOUI
Gañadora absoluta: MARIA JESÚS GESTIDO
Gañador Concello de Ribeira: RAMÓN FOLGAR
Gañador Artes: MIGUEL ANGEL VIDAL (concelleiro de Deportes de Ribeira)





En canto teñan o listado completo, cos tempos e gañadores do resto de categorías, xa o pincharán na web da carreira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: queixas pola organización da Carreira Pedestre, que atascou aínda máis as estradas que confluían coa vila

Momento da XIV Carreira Pedestre Popular. Os resultados póñenos aquí

Noia, 22 de agosto de 2010. Os atascos en Noia voltaron, como cada fin de semana en que coinciden o bo tempo para ir á praia e as festas. Mais onte xuntouse un novo ingredente que sumar ao caos circulatorio: a realización da XIV Carreira Pedestre Popular de Noia.


Un momento do atasco, que comezou sobre as sete da tarde e tamén pillou a Certo

No Facebook deste xornal queixouse Ramón Alonso, que conta: "Estou molesto co Concello de Noia, que me fixo esperar máis de 40 minutos por culpa dunha carreira pedestre mal organizada, que non digo eu que non se fagan as carreiras pero penso que non era plan de cortar a única saída de Noia cara ao Son. Paseime 40 minutos bloqueado como outros centos de coches, sen poder moverme. Só decirvos que o caos non era só de Muros ao Son, senón que os coches chegaban ás Pardiñas. En resumen: organización cero. A quen se lle ocurre levar a cabo unha actividade así cortando a vía pública ás sete da tarde, que é a hora que todo o mundo sae da praia?".

Ata a pregoeira do San Bartolomeu, Loli Gómez, fixo alusión no seu discurso aos conflictos circulatorios de Noia, así como á imposibilidade de atopar un aparcadoiro en numerosas ocasións, festivas e non tanto.


A proba discorreu por partes da vila vitais para o tráfico

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o venres 27 de agosto o grupo Teatro Liceo de Noia representa Smoking

Noia, 22 de agosto de 2010. O próximo venres, día 27, o grupo Teatro Liceo de Noia presenta "Smóking" ás 21:30 no salón de dita sociedade.

Trátase dunha glamourosa comedia na que priman a resistencia a entrar na idade de xubilación; o respecto e a admiración dos mozos polas formas de facer dos maiores e, de xeito especial, a amizade entre dous homes na plena madurez.

A acción desenvólvese integramente nun salón de ambientación moderna, de luxo e seducción na vivenda dun prestixioso arquitecto, maduro, atractivo, interesante e sempre disposto á aventura. Un arquitecto de éxito coas mulleres, cunha vida familiar estable e feliz. Aparentemente. dispón de todo e está convencido de que todas as mulleres con encanto se encaixan perfectamente a él. Imposible para o arquitecto imaxinar cómo pasar o resto da vida sen a súa dona, partillando piso co seu mellor amigo.

Smóking é unha comedia na que priman excelentes e intelixentes diálogos mergullados no cinismo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical