5.2.13

Folga estudantil: Galiza Nova chama á participación en Rianxo este mércores 6, ás 12 diante do IES "Félix Muriel"


IES "Félix Muriel" de Rianxo

Rianxo, 5 de febreiro de 2013. A comarca da Barbanza e toda Galicia está estes días a mobilizarse e participar na Folga estudantil deste 6 de febreiro contra o modelo educativo do Partido Popular, en concreto contra a controvertida Lei de Wert ou LOMCE, que suporá de aprobarse un retroceso ao franquismo e un perigo para os avances da lingua galega dende que saímos do foxo da ditadura.

Dende Galiza Nova animan á participación na manifestación de mañá día 6 en Rianxo, no instituto da localidade, dende donde partirán ás 12 do mediodía en camiñata ata diante do Concello, na praza Castelao. Alí rematarase coa lectura do manifesto aberto en defensa do ensino público galego. Baixo o lema “Non ao modelo educativo do PP. O ensino é un dereito e non un privilexio" a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, desenvolveu durante as pasadas 2 semanas na Barbanza unha intensa campaña para espallar a Folga Estudantil deste mércores 6 de febreiro. En palabras do Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera García, “con esta mobilización a mocidade galega responderá unha vez máis
aos recortes do PP no ensino galego así como á reforma educativa do goberno Rajoy”. Para Mera, “con esta reforma, xa chamada a Lei da Wertgoña, o PP pretende retornar ao modelo educativo do franquismo, acabando co carácter público, universal e gratuíto do ensino e reforzando o seu papel españolizador”. Aquí na Barbanza realizáronse repartos do material e xuntanzas informativas cos estudantes dos centros de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo. Salienta Galiza Nova que “a campaña tivo unha extraordinaria acollida entre o estudantado e recabou o apoio de outros sectores da comunidade educativa, como o profesorado ou as nais e pais, afectados tamén por estas políticas de recortes. Desde Galiza Nova apoiaremos a Folga Estudantil do 6 de febreiro para amosar o noso  rexeitamento maioritario a unhas políticas educativas que segundo palabras do Secretario Xeral da organización “constitúen un verdadeiro ataque ao ensino público galego e eliminan a igualdade de oportunidades pola elitización da educación". Así mesmo, desde as mocidades nacionalistas, anuncian que de non rectificarse estas medidas continuarán as mobilizacións para frear o ataque do PP ao ensino público.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres, 8 de febreiro, presentación de "Herdeiros pola forza" no colexio de Taragoña

Herdeiros_taragoa

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lingua galega: as declaracións de amor en galego teñen premio en Radio Fene

  • O Certame de Cartas de Amor de Radio Fene (Radiofusión) cumpre 15 anos
  • O evento xira, arredor do dia da Candelaria, o 2 de febreiro, cando casan os paxariños, e máis do Dia de San Valentín, 14 de febreiro, patrono dos namorados
  • A data de remate para participar é o martes de Entroido, o 12 de febreiro

Tamén valen cartas de desamor ou de corazóns esnaquizados

Barbanza e Noia, 5 de febreiro de 2013. Desde 1997 a emisora municipal Radio Fene convoca o seu concurso de cartas de amor que, nesta edición, ten como premio unha cea e unha noite romántica no Hotel Hesperia Ferrol. As persoas interesadas deben enviar as cartas, en prosa ou en verso, en lingua galega, e que non excedan dun folio, ou 1650 caracteres a Radio Fene. Casa do Concello. 15500 Fene A Coruña. Terán que enviarse asinadas cun seudónimo e nun sobre pechado aparte co seudónimo no exterior, e o nome completo, enderezo e teléfono no interior. Tamén se poden enviar por correo electrónico a direccion@radiofusion.eu

As cartas poden enviarse ata o dia 12 de febreiro, inclusive.

A irracionalidade do amor

A gañadora do certame o ano pasado foi María Gómez Diaz, natural e veciña de Castro de Ribeiras de Lea en Lugo e que traballa como tradutora autónoma e profesora de portugués en Ponferrada. María venceu cunha carta breve pero intensa. Era unha misiva real, escrita 3 anos antes, cando a autora estaba a piques de deixar á súa parella.

“As cousas acabaron ben a pesar da irracionalidade do amor” afirmou daquela María Gómez a Radio Fene. “A carta entronca moi ben co romanticismo clásico e reflicte a idea do amor como algo que está por riba da humanidade, cun compoñente caseque místico” indicou a presidenta do xurado e profesora de Galego en Ferrol Carmen Cuesta.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Saúde: Barbanza, entre as primeiras en Galicia en mobilizarse a prol da saúde pública estes días

Barbanza, 5 de febreiro de 2013. As protestas contra os recortes salariais e nos orzamentos destinados á sanidade pública prolongaranse todo este mes de febreiro e a bisbarra barbanzana será das que leven a voz cantante para defendela, como xa se veu facendo ata agora. Os traballadores e traballadoras da saúde iniciaban hoxe, martes 5 de febreiro, o calendario de mobilizacións en contra dos recortes e as medidas contempladas na Lei de Orzamentos de 2013 que, denuncian, terán graves consecuencias laborais, salariais e para a calidade da prestación sanitaria. As accións de protesta comezaron nos hospitais de Ourense, A Coruña e Barbanza e continuarán o día 7 en Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee.

No marco das mobilizacións estanse realizando peches de 24 horas, asembleas permanentes, concentracións e todo tipo de accións reivindicativas para chamar a atención da cidadanía a respecto do desmantelamento da sanidade pública que están a levar a cabo dos gobernos do PP.

No caso da Coruña, dentro destas accións, representantes das organizacións sindicais realizaron unha pequena “performance” na que actuou como convidado de honra un boneco coa cara de Alberto Núñez Feijoo, que dende o alto dos balcóns dos edificio da xerencia ofreceu un discurso que foi seguido polo persoal sanitario entre berros en defensa da sanidade pública e referencias a “sobres” repletos de cartos.

Posteriormente, o persoal accedeu ao interior da Xerencia e concentrouse diante dos despachos do responsábel do complexo hospitalario. Ademais, a primeira hora da tarde, un grupo de traballadores/as fixo unha cadea humana entre as instalacións do Hospital da Coruña e o Hospital Materno Infantil.

Precarización da calidade asistencial e as condicións laborais

Dende a CIG-Saúde denunciouse o “brutal recorte salarial” que están a sufrir os traballadores/as dos servizos públicos, que no caso concreto do persoal sanitario podería ascender até un 8%, “nuns salarios que en moitas categorías andan arredor dos 800 euros”. “Pero isto vai moito alá dos recortes salariais”, advertía María Seijo, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde da Coruña, “o que non imos poder recuperar nunca son as perdas en vidas humanas. Porque iso é o que está en xogo”.

Neste senso, a CIG-Saúde subliña que xa non se pode falar de “perda de calidade asistencial”, senón que os recortes de persoal e medios aplicados ao conxunto do sistema sanitario galego público teñen deixado a atención en condicións precarísimas. De feito, a Federación da CIG lembra que desde que tomou posesión o Partido Popular, no ano 2009, os orzamentos reducíronse en máis de 500 millóns de euros e por mor da imposición das taxa de reposición do 10% e o Sergas perdeu máis de 3.000 profesionais - incluíndo as prazas que non se cubriron pola paralización do Plan Mellora e pola paralización do Plan Galego de Saúde Mental-.

Mentres se desmantela a sanidade pública, a Xunta do PP mantén  os concertos coa sanidade privada e mesmo estabelece a través da Lei de Garantías, que cando un doente non sexa atendido nos prazos previstos segundo a súa patoloxía, poderá solicitar ser atendido na sanidade privada e posteriormente o SERGAS abonará a factura correspondente. Un principio que para a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, “agocha a intención do PP de privatizar a sanidade porque estes cartos deberían ser investidos en dotar á sanidade pública dun cadro de persoal suficiente para garantir a prestación sanitaria nos prazos indicados no sistema público”.

“E van seguir pechando camas, pechando quirófanos, atrasando as operacións e pondo en perigo a saúde da cidadanía”, concluía pola súa banda María Seijo. Por iso, dende a CIG-Saúde instan a todos os galegos e galegas a que saían á rúa a defender un sistema sanitario público e de calidade fronte a uns gobernos que “agora mesmo non teñen ningunha autoridade ética para pedir sacrificios e esforzos, cando estiveron roubando durante anos”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: os de Aturuxo prometen un "Entroido Caralhudo" na súa Festa Choqueira do sábado 9

Arte: este venres 8 fállanse os IV Premios "Atlante" entre 219 gravados de 23 nacionalidades

  • Ás 13:30 horas no Museo do Gravado de Artes (Outeiro, Ribeira)

Media_httpfarm4static_abghe

Imaxe da primeira edición do Atlante. Xa non é alcalde de Ribeira Colomer, nin de Rianxo Pedro Piñeiro. Nin sequera hai conselleiro de Cultura. Só permanece o filántropo Javier Expósito e o pintor Alfonso Costa como parte do xurado


Artes (Ribeira), 5 de febrero de 2013.- Este venres, día 8 de febreiro, ás 13.30 horas, vaise facer público no Museo do Gravado de Artes o fallo da cuarta edición dos Premios Atlante que convoca un ano máis a Fundación Museo de Artes e ao que se presentaron 219 gravados de 23 países.

Xunto ao presidente da Fundación e alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, comparecerán neste acto os membros do xurado que, nesta ocasión, está composto polos seguintes persoeiros: José Manuel López Vázquez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Juan Monterroso Montero, decano da Facultade de Historia e profesor da USC; Carmen Hermo, profesora e pintora; Isabel Pintado, gravadora e pintora; e o noiés Alfonso Costa, pintor e gravador.

 

www.fundartes.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: rexeitan alegacións dos propietarios e expropiarán terreo para conectar as rúas Pintor Xenaro Carrero e Francisco Creo

  • Foi aprobado en pleno extraordinario hoxe mesmo
  • A parcela é necesaria para abrir a rúa Pintor Xenaro Carrero no seu encontro coa rúa Francisco Creo

Media_httpfarm9static_phqbt

Noia, 5 de febreiro de 2013. Nun pleno extraordinario celebrado no mediodía de hoxe, a Corporación Municipal de Noia vén de desestimar, por unanimidade (PSOE, BNG, NOIA e PP), as alegacións formuladas por parte dos propietarios da parcela afectada pola apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero, ata o seu encontro coa rúa Francisco Creo. Deste proxecto xa informara aos medios o Concello o pasado 27 de outubro, aquí.

No mesmo acordo plenario deuse a aprobación definitiva ao proxecto de expropiación, solicitando tamén a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados á Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia.

Os fundamentos para o rexeitamento das alegacións parten, en primeiro lugar, da ordenación urbanística prevista para o ámbito en cuestión, é dicir, o trazado da rúa está contemplado nas Normas Subsidiarias de planeamento municipal en vigor desde o mes de xaneiro de 1991. Respecto do prexuízo esgrimido polos propietarios, lémbrase que o dereito á propiedade privada está suxeito á función social da mesma, segundo recolle o artigo 33 da Constitución, e que ninguén poderá ser privado dos seus bens e dereitos se non é  por causa xustificada de utilidade pública ou interese local, como é o caso, mediante a correspondente indemnización.

Tamén se procedeu á subsanación dun erro aritmético no proxecto de obra que se vai a executar con cargo ao Plan de Obras de Servizos do presente ano, cunha minoración de 31,04 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: inauguran en Carreira a pista "Irmáns José Ramón e Fran González Pérez" este venres 8

Pista_carreira

  • En acto público, ás 12 do mediodía, coa asistencia do alcalde

Ribeira, 5 de febreiro de 2013.- O vindeiro venres día 8 de febreiro é a data escollida para celebrar o acto de inauguración da nova Pista Multideporte ‘Irmáns González Pérez. José Ramón e Fran’, cuxa dedicación foi aprobada por unanimidade no último pleno ordinario da Corporación Municipal o 28 de xaneiro.

O acto está programado para as 12 do mediodía e terá carácter público, de tal xeito que todos os que desexen arroupar coa súa presenza aos dous grandes deportistas carreiráns terán oportunidade de facelo.

Obradoiros escolares

Os que por suposto si que estarán presentes no evento son os alumnos e alumnas do CEIP de Frións, lugar no que se encrava a pista recentemente construída, de 800 metros cadrados de superficie. Ao longo destes días, nenos e nenas do centro escolar estiveron a prepararse para o acontecemento mediante a realización de obradoiros escolares centrados en coñecer mellor a traxectoria de José Ramón e Fran.

O acto estará presidido polo alcalde e, ademais de autoridades locais e membros da Corproación, espérase a presenza no evento dalgunhas persoalidades moi vencelladas coa vida deportiva dos irmáns.

Cabe lembrar que en vindeiras datas desenvolverase outro acto para inaugurar a Pista Multideporte ‘S.D. Xuventude de Aguiño’, cuxa denominación tamén foi aprobada por todos os grupos da Corporación.




 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: espectaculares tomas aéreas nun vídeo turístico deste municipio

Foi realizado por Aeromedia, empresa adicada á fabricación e operación con drones oktokopter e UAV orientados á industria audiovisual en

Galicia

http://www.aeromedia.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical