- Foi aprobado en pleno extraordinario hoxe mesmo
- A parcela é necesaria para abrir a rúa Pintor Xenaro Carrero no seu encontro coa rúa Francisco Creo
Noia, 5 de febreiro de 2013. Nun pleno extraordinario celebrado no mediodía de hoxe, a Corporación Municipal de Noia vén de desestimar, por unanimidade (PSOE, BNG, NOIA e PP), as alegacións formuladas por parte dos propietarios da parcela afectada pola apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero, ata o seu encontro coa rúa Francisco Creo. Deste proxecto xa informara aos medios o Concello o pasado 27 de outubro, aquí.
No mesmo acordo plenario deuse a aprobación definitiva ao proxecto de expropiación, solicitando tamén a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados á Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia.
Os fundamentos para o rexeitamento das alegacións parten, en primeiro lugar, da ordenación urbanística prevista para o ámbito en cuestión, é dicir, o trazado da rúa está contemplado nas Normas Subsidiarias de planeamento municipal en vigor desde o mes de xaneiro de 1991. Respecto do prexuízo esgrimido polos propietarios, lémbrase que o dereito á propiedade privada está suxeito á función social da mesma, segundo recolle o artigo 33 da Constitución, e que ninguén poderá ser privado dos seus bens e dereitos se non é por causa xustificada de utilidade pública ou interese local, como é o caso, mediante a correspondente indemnización.
Tamén se procedeu á subsanación dun erro aritmético no proxecto de obra que se vai a executar con cargo ao Plan de Obras de Servizos do presente ano, cunha minoración de 31,04 euros.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario