Barbanza-Noia, 24 de novembro de 2010. A lea no Parlamento polo novo seguro do mar segue vizosa. Esta mañá foi a máxima responsable do goberno da Xunta nesta materia, a conselleira de Mar Rosa Quintana, quen defendeu esta medida, mentres a responsable do Psoe en asuntos pesqueiros, Marisol Soneira, criticouna duramente. Poñémoslles íntegras as notas de prensa dunha e doutra para que vostedes se fagan unha idea:
Nota da Xunta:Rosa Quintana afirma que o novo seguro marítimo é a mellor solución para dar cobertura aos profesionais do mar e ás súas familias
A conselleira subliñou que “se adecúa ás necesidades e particularidades da frota galega e dignifica aos mariñeiros”
Lembrou que o novo seguro foi promovido polo sector e conta co respaldo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, das tres Federacións Provinciais e da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) e de Remolcanosa
Mar traballa nunha póliza axeitada ás necesidades dos mariscadores e percebeiros e sufragará as bolsas de estudos dos orfos do mar
Quintana informou de que Galicia ofrece colaboración plena de cara á execución do Plan Nacional de Salvamento Marítimo e demanda a coordinación “constante” dos medios “para garantir a operatividade e cubrir as necesidades”
Santiago, 24 de novembro de 2010.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou hoxe no Parlamento que o novo seguro marítimo pesqueiro “é a mellor solución para dar cobertura aos profesionais do mar xa que se adecúa ás necesidades e particularidades da frota galega”. Quintana lembrou que, ata o de agora, moitos armadores carecían de protección ao traballar sen seguro a terceiros, e que en caso de accidente, eran eles os que tíñan que pagar, “o que lles podía supoñer a ruína”.
Na súa intervención a conselleira apuntou que o novo seguro “dignifica a profesión dos mariñeiros ao equiparalos a outros eidos económicos e supón pór a Galicia á altura dos países punteiros de Europa nesta materia”. Tamén subliñou que coa nova fórmula aseguraticia, o diñeiro que invistan os pescadores quedará en Galicia e xerará beneficios para todos os galegos” xa que, segundo explicou, debido á inexistencia de seguros de responsabilidade civil marítima no noso país, “antes favorecíase aos clubes de Protección e Indemnización (P&I) e máis de 5 millóns de euros marchaban ao estranxeiro”.
Quintana recalcou que foi o propio sector quen promoveu esta fórmula aseguraticia, que conta co respaldo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, das tres Federacións Provinciais e da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) e de Remolcanosa. A conselleira lamentou a “demagoxia” que se está facer coa nova fórmula e aclarou, por unha banda, que está a traballar para lograr unha póliza axeitada ás necesidades dos mariscadores e dos percebeiros a pé e, por outra, que ten previsto publicar unha orde de axudas para sufragar os estudos dos orfos do mar.
A titular de Mar precisou tamén que o seu departamento non descarta ampliar a partida orzamentaria de 250.000 euros, destinados a sufragar o 25% do pago de cada subscrición á póliza obrigatoria, no caso de ser necesario.
Rosa Quintana defendeu “unha xestión do gasto público eficaz” sobre todo, neste contexto de crise económica e puntualizou que deixou sen efecto o anterior proceso de licitación “tras unha fonda reflexión e análise, tras comprobar que con este diñeiro non respondíamos as expectativas do sector nin achegábamos nada a maiores”.
Plan Nacional de Salvamento Marítimo
Por outra banda, a conselleira considerou “prematuro” avaliar a fondo o Plan Nacional de Salvamento Marítimo “ata ter máis coñecemento do mesmo, como xa demandamos ao Ministerio”. Quintana explicou que a Xunta non participou na redacción directa do documento, xa que é competencia do Ministerio de Fomento, pero si trasladou as súas achegas a través do órgano de coordinación ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e este departamento do Goberno do Estado. Neste sentido, a principal demanda da Consellería de cara á execución do plan é “o afianzamento e mellora constante da coordinación e dos medios técnicos e humanos para atender as emerxencias no mar e a colaboración mutua co Estado”.
“Non importa tanto ter máis medios senón definir e garantir a súa operatividade, é fundamental que sexan capaces de atender as emerxencias”, dixo. Ao respecto, lembrou outra das reivindicacións da Consellería, a substitución do vello Helimer 210 con base na Coruña por un aparello punteiro, “capaz de atender unha evacuación a moitas millas da costa”. Ademais, a conselleira xa lle trasladara ao Goberno central a súa decepción pola decisión de desmantelar o equipo técnico de expertos que, adscrito ao antigo Centro de Prevención e Loita contra a Contaminación Marítima (CEPRECO), tiña sede na Coruña.
Rosa Quintana ofreceu colaboración plena de cara á execución do Plan e espera “ter voz cualificada no seo da Comisión Nacional de Salvamento Marítimo, xa que será positivo para os intereses de Galicia”. A conselleira recalcou que a loita contra a contaminación é unha das prioridades do seu departamento e incidiu nos esforzos que fixo a Xunta nesta materia, coa adquisición dos buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo, o frete do Ría de Vigo, a compra das dúas aeronaves - Pesca I e Pesca II- ou os sistemas de dobres tripulacións que garante a resposta inmediata as 24 horas dos 365 días do ano. A titular de Mar sostivo que son exemplos claros de que “Galicia fixo os seus deberes e cumpriu coas súas responsabilidades” e considéraos un aval para participar neste órgano.
A conselleira avanzou que, a maiores, a Xunta está ultimando o desenvolvemento normativo do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia “para melloralo” e asegurou que “en breve” estará lista a proposta de reforma do Consello Galego de Pesca, que dará acollida no seu seo á Comisión de Seguridade Marítima.
Nota de prensa do Psoe:Soneira asegura que Feijoo aniquilou todalas medidas de protección dos mariñeiros
OS SOCIALISTAS CUALIFICAN DE RUÍN, VIL E MISERABLE A DECISION DE AFORRAR CARTOS A CONTA DOS 30.000 MARIÑEIROS QUE, DENDE OCTUBRE CARECEN DE NINGÚN SEGURO DE ACCIDENTES
-A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira asevera que dende o 1 de outubro, ningunha persoa que se dedique a actividade pesqueira e marisqueira está cuberta por ningún seguro de accidentes e tampouco poden acceder a ningún tipo de subvención
- Sobre á supresión do seguro de mal tempo afirmou que a Conselleira do Mar “xogou cos mariñeiros á ruleta rusa”
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira defendeu hoxe unha interpelación sobre a renuncia da Xunta ao asinamento do contrato do seguro colectivo de accidentes do mar. A portavoz de Pesca asevera que desde o 1 de outubro “un goberno de burócratas, presidido por Feijoo, e sen unha pinga de sensibilidade optou por aforrar de onde non debía”. Advirte que o Goberno do Partido Popular optou por aniquilar unha das medidas de protección social que cubría a tódolos homes e mulleres do mar, sen exclusións. Soneira cualificou esta decisión como “ruín, miserable, é unha vileza política”. E preguntoulle si hoxe veu tamén ao Parlamento a vender seguros.
A deputada socialista denunciou que desde o pasado 1 de outubro 30.000 homes e mulleres que traballan no mar carecen da protección dun seguro de accidentes que estaba en vigor dende os anos noventa. Asegura tamén que desde o pasado 1 de outubro ningún mariñeiro galego enrolado en flotas doutras comunidades autónomas ou de países terceiros ten cubertos uns mínimos en caso de accidente ou falecemento, como contemplaba o seguro de accidentes vixente ate esa data. E tampouco, ningunha mariscadora, ningún percebeiro, ningún bateeiro, ningún membro de Cruz Roxa que participe no rescate dun naufraxio ou dun desaparecido (Caión), ten cuberto os accidentes e os perigos que a súa profesión leva adheridos.
Pola contra advirte que a Consellería do Mar gasta, cada cuadrimestre, esa mesma cantidade en convenios con medios de comunicación, ou en construír unha goleta para darlle gusto a un amigo.
Así as cousas Soneira asevera que dende o 1 de outubro, ningunha persoa que se dedique a actividade pesqueira e marisqueira está cuberta por ningún seguro de accidentes e tampouco poden acceder a ningún tipo de subvención.
A deputada tamén se referiu á supresión do seguro de mal tempo e afirmou que a Conselleira do Mar “xogou cos mariñeiros á ruleta rusa”. E cualificou a xestión da Xunta neste asunto como “unha vendedora de seguros mala”, xa que tratou de agochar algunhas cláusulas. E preguntoulle porque non dixo que a póliza milagreira leva implícita unha franquicia de mil euros?. Ou porque porqué non dixo que hai empresas que ofertan o mesmo con franquicias de 500 euros?
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia