15.8.11
Boiro: doce millóns de euros para a dársena de Cabo de Cruz, que está a punto de rematarse
- O novo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, reuniuse o venres pasado co alcalde de Boiro e visitou as obras que se están a desenvolver na zona
- O organismo portuario está a realizar un seguemento do asentamento dos diques de abrigo da nova dársena, para rematar o espaldón e o pavimento
Boiro, 15 de agosto de 2011.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo un encontro institucional co alcalde de Boiro para profundar nas actuacións que o ente público está a desenvolver no municipio. Posteriormente, Durán comprobou a marcha das obras de dotación da nova dársena e construción de instalacións náutico recreativas no porto de Cabo de Cruz. Respecto á obra da nova dársena, que se atopa na súa fase final, Durán explicou que o organismo portuario está a realizar un seguemento mensual do nivel de asentamento dos diques de abrigo para, unha vez obtida a estabilidade definitiva, poder rematar o espaldón e o pavimento. A Xunta de Galicia investiu no global da obra da nova dársena máis de 12 millóns de euros.
Así mesmo o presidente de Portos anunciou que o seu departamento proxecta completar, a medio prazo, esta instalación coa construcción de pantaláns profesionais. Actualmente, o ente público ten elaborado xa un proxecto para a habilitación de 125 prazas para embarcacións pesqueiras, e está en estudio outro pantalán para bateeiras.
En canto ás obras de construcción de instalacións núatico recreativas, Durán Hermida anunciou que a previsión do ente é que a primeira fase desta actuación, que incluiría a instalación dos pantaláns, a creación de novas superficies de uso e a instalación de servizos básicos, estea rematada antes de final deste ano. Deste xeito quedarían habilitadas 200 prazas de amarre para a sétima lista.
En canto á segunda fase do proxecto deportivo de Cabo de Cruz, que comprende a construción dun edificio de servizos, remataría, segundo as previsións, no verán de 2012. As obras están a ser executadas mediante unha concesión outorgada ao Club Náutico Boiro, que será tamén o encargado de explotar as instalacións polos próximos 25 anos.
Portos de Galicia ten tamén en execución outras instalacións náutico recreativas en Boiro, neste caso en Escarabote. Esta actuación estase a desenvolver, tamén, baixo o réxime concesional, neste caso polo Club Náutico Barraña. Comprende 175 prazas de amarre e un edificio de servizos.
Agardamos que non lles pase a estas dársenas como á de Laredo, en Cantabria, onde investiron 90 millóns de euros -en tempos da burbulla- e agora está baleira, pola mala costume dos políticos de non rectificar en tempo e forma.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Outes: este venres 19, presentación oficial de Galiza Nova
Outes, 15 de agosto de 2011. O vindeiro venres, día 19 de agosto, as mozas e mozos que forman parte da asemblea do BNG en Outes decidiron crear Galiza Nova en Outes. Antes de que se constitúan oficialmente van facer unha especie de presentación na cal tratarán de buscar afiliados e xente afin á súa forma de facer política e de pensar.
"Facemos pois un chamamento a todo o mundo para que acuda á nosa presentación e nos apoie, empezamos e queremos facelo con forza!!", solicitan dende esa asociación xuvenil do Bng.
20:30 Na Casa da Cultura de Outes presentación dos membros que formarán parte de Galiza Nova. Nesta charla intervirá Manolo Seijas, quen encabezará a asemblea local, e Xosé Ramón Riomao, portavoz municipal do BNG de Outes.
21:30 Cea popular nos asadores do Paseo Fluvial: Sardiñada para os asistentes, con música.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Dodro: actividades para setembro e outubro que abren este martes 16 a inscrición
- A petición de subvencións para menores escolarizados comeza este martes 16 de agosto
- A matrícula para o curso de coidadores comeza tamén este martes 16. O curso en si mesmo é en setembro, a partires do 5
- O 2 de setembro hai obradoiros de educación para o consumo responsable
- A inscrición para os obradoiros de memoria para maiores comeza tamén este martes, e prolóngase ata o 9 de setembro
Dodro, 15 de agosto de 2011. A concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro convoca Axudas á escolaridade para o curso 2011-2012 para menores escolarizados de educación infantil, primaria, ESO e post-obrigatoria. Subvenciónanse alimentos infantís e comedor escolar, material escolar e actividades extraescolares. O prazo de solicitude é do 16 de agosto ao 2 de setembro ambos incluídos. Os interesados deberán facer a tramitación nas oficinas de Servizos Sociais de 9h a 14h. A mesma concellería convoca un curso formativo "Técnicas específicas de atención persoal a pacientes dependentes: Hixiene, Aseo e Coidados Sanitarios" de 70 horas para coidadores/as de persoas en situación de dependencia. Realizarase nas aulas da Paxareira. As prazas son limitadas e todos aqueles veciños que queiran realizar o curso deben realizar a inscrición do 16 ao 31 de agosto nas oficinas de Servizos Sociais. O curso comezará o 5 de setembro ata o 8 de outubro e será gratuito. Curso valorable para o recoñecemento da experiencia persoal. A concellería de Xuventude e Familia realiza o día 2 de setembro de 17h a 19h Obradoiros de Educación para o Consumo. "A nosa fábrica de xoguetes" e "Imos crear o noso videoxogo" para rapaces de 8 a 12 anos nas aulas da Paxareira.
"Como planear unha viaxe e non perderse no camino" e "Aprendemos a comprar, comprando en Internet" para rapaces maiores de 16 anos na Casa da Cultura. A concellería de Servizos Sociais e Igualdade abre o prazo de inscrición ata o 9 de setembro para os Talleres de Memoria e Alfabetización de adultos para persoas maiores de 60 anos empadroados/as ou residentes no Concello de Dodro. Os talleres comezarán o 19 de setembro e realizaranse en Bexo, Imo, Lestrobe, Tallós, Teaio, Traxeito e Vigo. As inscricións poden realizalas nas oficinas de Servicios Sociais de 9h a 14h.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Rianxo: o sábado 20 de agosto, IX certame de Baile e Música Tradicional "Aleivosía"
Rianxo, 15 de agosto de 2011. O próximo sábado 20 de agosto a A.S.C. FOGO FATUO organiza o IX CERTAME DE BAILE E MÚSICA TRADICIONAL ALEIVOSÍA a partir das 21h na Praza Castelao de Rianxo. Durante unha hora os que asistan poden gozar dos bailes e cancións tradicionais interpretadas por tódolos grupos de baile, pandeireta e gaita do grupo Aleivosía e do grupo de baile convidado da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco (A Laracha).
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: case 200 caricaturas de Pepe Núñez no auditorio ata o 15 de outubro
- Os debuxos contan a historia dos últimos vinte anos de Ribeira apoiados no humor gráfico
- A familia do autor estivo na inauguración da mostra
- Cedeuse ao Concello parte da colección
Ribeira, 12 de agosto de 2011.- Un total de 183 caricaturas integran unha exposición na que, da man do talento creativo do barbeiro de profesión e artista de vocación Pepe Núñez, reflíctense a historia recente desta cidade. A mostra, titulada “20 Anos da Historia Gráfica de Ribeira no Humor de Pepe Núñez” e que estará aberta ata o 15 de outubro, foi inaugurada hoxe polo alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na sala alta do Auditorio Municipal nun emotivo e concorrido acto que serviu tamén para que se oficializase a cesión da obra do autor ao Concello por parte da súa familia, que quixo arroupar o evento coa súa presenza.
O sobriño do autor Marcelo Valeiras foi o encargado de falar no nome dos achegados ao caricaturista. Durante a súa intervención, Valeiras relatou aos presentes numerosas anécdotas coas que quedou retratada a enorme humanidade e a gran formación artística autodidacta de Pepe Núñez e recordou que pola barbería do seu tío ía xente tan particular como Gianni Finlandia (antigo escritor de La Codorniz que aínda pasa longas tempadas en Corrubedo) ou o mítico cómico galego John Ballan ademais de moitos veciños da localidade. “Se Carlos García Bayón foi o cronista oficial de Ribeira, creo que Pepe Núñez foi o cronista gráfico de Ribeira”, manifestou.
Pola súa parte, o alcalde Manuel Ruiz Rivas resaltou que con esta cesión, recupérase a historia viva e sinais de identidade nun tempo no que a sociedade cada vez é máis impersoal e salientou que “todas e cada unha das persoas que significan algo para este concello que con el fixeron historia están recollidos co seu lapis”. Así mesmo, resaltou a idoneidade desta iniciativa para que as novas xeracións coñezan o legado do autor e coñezan a historia de Ribeira “e que empecen a pensar como antes se pensaba: en conxunto”.
Tamén tivo palabras de eloxio do talento do autor: “Con poucos trazos, Pepe Núñez era quen de identificar a unha persoa e era quen de identificar o que Riveira estaba acontecendo”.
Finalmente, Ruiz Rivas deu efusivas grazas á familia polo legado. A este respecto, para a formalización do mesmo asinou en representación da familia cedente o referido Marcelo Valeiras, mentres que o alcalde foi o cesionario no nome do Concello. Firmaron como testemuñas a concelleira de Cultura, Elvira Pisos; o comisario da mostra, Gerardo Crusat; e Modesta López, esposa de Valeiras.
Vida e obra de Pepe Núñez
José Núñez Iglesias viviu entre 1926 e 1983. Barbeiro de profesión, foi un artista autodidacta que rexentaba un “ateneo” en forma de barbería no que ademais de cortar o pelo departía cun grupo de contertulios, moitos dos cales integraban a vida cultural de Ribeira.
Tal e como se encargou de lembrar a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, Pepe Núñez comezou a expoñer de moi novo na súa Ribeira natal e noutras localidades limítrofes, para irse dando a coñecer noutros ámbitos con máis posibilidades de difusión. Mesmo chegou a formar cartel con Laxeiro e outros pintores de recoñecida sona nunha exposición colectiva celebrada en Santiago a comezos dos anos 70.
Sería en 1972 cando o seu nome aparece reflectido nas seccións de arte dos medios de comunicación a raíz da súa participación, co cadro “A volta da feira”, na Segunda Bienal Rexional de Arte de Pontevedra, feito que se repetiría 2 anos despois con “La Primavera”.
Ademais de excelente pintor que dominaba á perfección o óleo e a acuarela, o autor tamén se moveu con moita soltura na acuarela. Non obstante, no transcurso da súa vida só fixo unha exposición de caricaturas e esta lle causou máis sinsabores que satisfaccións, segundo lembrou Gerardo Crusat. Tivo lugar na Casa do Concello a principios dos anos 50 e a algunhas persoas se sentiron ofendidas ao ser caricaturizadas.
Pode que tamén lle interese:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia