- Os debuxos contan a historia dos últimos vinte anos de Ribeira apoiados no humor gráfico
- A familia do autor estivo na inauguración da mostra
- Cedeuse ao Concello parte da colección
Ribeira, 12 de agosto de 2011.- Un total de 183 caricaturas integran unha exposición na que, da man do talento creativo do barbeiro de profesión e artista de vocación Pepe Núñez, reflíctense a historia recente desta cidade. A mostra, titulada “20 Anos da Historia Gráfica de Ribeira no Humor de Pepe Núñez” e que estará aberta ata o 15 de outubro, foi inaugurada hoxe polo alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na sala alta do Auditorio Municipal nun emotivo e concorrido acto que serviu tamén para que se oficializase a cesión da obra do autor ao Concello por parte da súa familia, que quixo arroupar o evento coa súa presenza.
O sobriño do autor Marcelo Valeiras foi o encargado de falar no nome dos achegados ao caricaturista. Durante a súa intervención, Valeiras relatou aos presentes numerosas anécdotas coas que quedou retratada a enorme humanidade e a gran formación artística autodidacta de Pepe Núñez e recordou que pola barbería do seu tío ía xente tan particular como Gianni Finlandia (antigo escritor de La Codorniz que aínda pasa longas tempadas en Corrubedo) ou o mítico cómico galego John Ballan ademais de moitos veciños da localidade. “Se Carlos García Bayón foi o cronista oficial de Ribeira, creo que Pepe Núñez foi o cronista gráfico de Ribeira”, manifestou.
Pola súa parte, o alcalde Manuel Ruiz Rivas resaltou que con esta cesión, recupérase a historia viva e sinais de identidade nun tempo no que a sociedade cada vez é máis impersoal e salientou que “todas e cada unha das persoas que significan algo para este concello que con el fixeron historia están recollidos co seu lapis”. Así mesmo, resaltou a idoneidade desta iniciativa para que as novas xeracións coñezan o legado do autor e coñezan a historia de Ribeira “e que empecen a pensar como antes se pensaba: en conxunto”.
Tamén tivo palabras de eloxio do talento do autor: “Con poucos trazos, Pepe Núñez era quen de identificar a unha persoa e era quen de identificar o que Riveira estaba acontecendo”.
Finalmente, Ruiz Rivas deu efusivas grazas á familia polo legado. A este respecto, para a formalización do mesmo asinou en representación da familia cedente o referido Marcelo Valeiras, mentres que o alcalde foi o cesionario no nome do Concello. Firmaron como testemuñas a concelleira de Cultura, Elvira Pisos; o comisario da mostra, Gerardo Crusat; e Modesta López, esposa de Valeiras.
Vida e obra de Pepe Núñez
José Núñez Iglesias viviu entre 1926 e 1983. Barbeiro de profesión, foi un artista autodidacta que rexentaba un “ateneo” en forma de barbería no que ademais de cortar o pelo departía cun grupo de contertulios, moitos dos cales integraban a vida cultural de Ribeira.
Tal e como se encargou de lembrar a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, Pepe Núñez comezou a expoñer de moi novo na súa Ribeira natal e noutras localidades limítrofes, para irse dando a coñecer noutros ámbitos con máis posibilidades de difusión. Mesmo chegou a formar cartel con Laxeiro e outros pintores de recoñecida sona nunha exposición colectiva celebrada en Santiago a comezos dos anos 70.
Sería en 1972 cando o seu nome aparece reflectido nas seccións de arte dos medios de comunicación a raíz da súa participación, co cadro “A volta da feira”, na Segunda Bienal Rexional de Arte de Pontevedra, feito que se repetiría 2 anos despois con “La Primavera”.
Ademais de excelente pintor que dominaba á perfección o óleo e a acuarela, o autor tamén se moveu con moita soltura na acuarela. Non obstante, no transcurso da súa vida só fixo unha exposición de caricaturas e esta lle causou máis sinsabores que satisfaccións, segundo lembrou Gerardo Crusat. Tivo lugar na Casa do Concello a principios dos anos 50 e a algunhas persoas se sentiron ofendidas ao ser caricaturizadas.
Pode que tamén lle interese:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario