25.2.11

Porto do Son: o instituto súmase á Semana das Curtas do 28 de febreiro ao 4 de marzo

Porto do Son, 25 de febreiro de 2011. A biblioteca do instituto de Porto do Son acollerá durante a semana que vén a proxección de curtametraxes e videoclips no marco da Semana das Curtas, unha iniciativa do Equipo de Normalización do IES Audiovisual de Vigo que conta coa colaboración da Coordinadora Galega de ENDL. A actividade, na que van participar máis de 80 centros e 10.000 estudantes de toda Galicia dende o luns 28 de febreiro até o venres 4 de marzo, preséntase como un festival en rede que trata de difundir a creación audiovisual galega e fomentar a lingua por medio de linguaxes atractivas para o alumnado, que pode participar activamente achegando as súas valoracións sobre as curtas, os videoclips e os documentais no blogue da Semana das Curtas.

Segundo explican dende o centro educativo sonense, "un centro como o noso, que impulsa a educación audiovisual dende as aulas, non podía faltar á cita. Por iso, durante os primeiros recreos do martes, mércores e xoves proxectarase unha selección de curtametraxes e videoclips, mentres que nas aulas pasaranse outros traballos que forman parte desta actividade".


Entre as curtas que se proxectarán está unha da que falamos o ano pasado aquí, e mesmo entrevistamos á súa directora. Trátase de Xudit Casas, celanovense que dirixiu "Sobre a morte do Bieito", baseada nun relato do escritor rianxeiro Rafael Dieste. Le a entrevista aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza-Noia. a Deputación aprobou as obras para os concellos destas bisbarras, entre as que destacan as de Pazo Goiáns e arranxos de estradas en Porto do Son

Barbanza-Noia, 25 de febreiro de 2011. A Deputación de A Coruña celebrou esta mañá unha sesión plenaria ordinaria, a de febreiro, na que aprobou inversións en toda a provincia por valor de máis de 44 millóns de euros.

A Deputación destina 203.000 euros para a recuperación paisaxística de Goiáns

Entre os asuntos aprobados destaca o Plan de Obras e Servicios (POS 2011), cun orzamento de 26,3 millones de euros e que, por segundo ano consecutivo, permitirá aos concellos destinar ata o 50% do que lles corresponde a financiar o seu gasto corrente, co obxetivo de apoialos ante a actual situación de crise económica. Tamén aprobou a primeira fase do Plan de Cooperación cos Concellos (PCC 2011), por un monto de máis de 8,3 millones de euros para financiar 60 obras de saneamentos, alumeados ou abastecementos de auga en 41 concellos; e a primeira fase da anualidade 2011 do Proxecto Mandeo.

Estradas provinciais: inversión en Porto do Son

Adícase un orzamento de 1.438.272,78 euros para a ampliación da plataforma e mellora de trazado na DP 7103 de Laranga a Olveira por Seráns, P.K. 0 al P.K. 6,100.

Mercados locais: Ribeira, Noia, Porto do Son e Rianxo

O pleno provincial aprobou a primeira fase do Programa de Modernización de Mercados Locais das comarcas de Muros-Noia, Barbanza e O Sar, cun orzamento de 267.165 euros para financiar obras nos mercados de Noia, Porto do Son e Rianxo e redactar o proxecto do novo mercado de Ribeira.

Delegacións de competencias: Dodro

Dodro súmase á delegación á Deputación en materia de xestión, inspección e recaudación da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituidos no chan, subsolo ou voo das vías públicas.

Relación de obras por concellos, segundo os plans:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: programa de Entroido e Enterro do Toribiño

Ribeira: programa das actividades de Entroido organizadas polo Concello

Ribeira, 25 de febreiro de 2011. Esta mañá presentouse de xeito oficial a programación do Entroido que organiza a Concellería de Cultura e Festexos. Ademais do recollido no cartel, cabe engadir que hai 15 murgas e unha comparsa inscritas no festival do día 6 de marzo.

Relacionadas:


Festa: dos bolicos con viño tinto, este sábado 26


Obradoiro de cociña de Entroido: do 1 ao 4 de marzo


Murgas e comparsas: abría prazo ata o 22



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o PP insta á Consellería de Sanidade a que dote ao hospital comarcal de aparatos para facer diálise

Ribeira, 25 de febreiro de 2011. O PP de Ribeira presentou unha moción para que Sanidade avalíe a posibilidade de dotar ao Hospital da Barbanza de aparatos de diálise para que os pacientes afectados por doenzas do riñón non teñan que desprazarse ata Santiago como teñen que facer na actualidade.

Moción íntegra:

María Herminia Pouso Maneiro, Voceira do Grupo Municipal do Partido Popular neste Concello, presenta ante o Pleno da Corporación Municipal a seguinte moción interesando que o Hospital da Barbanza preste o servizo de diálise a todos os usuarios do municipio. 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: 

Un número importante de veciños e veciñas de Ribeira que deben someterse a un proceso de diálise vense obrigados a desprazarse ata Santiago de Compostela para recibir este servizo, ao non dispoñer a día de hoxe o Hospital da Barbanza de recursos suficientes para prestar atención á totalidade dos pacientes da comarca que precisan que se lles realice este tratamento. 

Ao feito de ter que desprazarse periodicamente máis de 60 quilómetros para recibir atención, súmase a inconveniencia de que os vehículos habilitados polo Sergas para trasladar aos pacientes van parando nos diversos puntos da comarca de onde proceden os usuarios, o que supón unha incomodidade engadida, especialmente no retorno 

Consciente disto, o Partido Popular de Ribeira quere solicitar á Consellería de Sanidade que realice os estudos e tome as medidas que estime oportunas para a ampliación do servizo de diálise do Hospital da Barbanza, de tal xeito que este centro sanitario preste atención a todas as persoas que así o precisen tanto en Ribeira como no resto da bisbarra, entendendo que isto redundaría positivamente na calidade de vida dos pacientes. 

Así e logo, o Grupo Municipal Popular somete a aprobación do Pleno a seguinte MOCIÓN: 

1.- Solicitar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que faga os estudos e adopte as medidas oportunas para que todos os veciños de Ribeira e da comarca que deban someterse a un proceso de diálise poidan facelo no Hospital da Barbanza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: O Faiado, entre os 51 obradoiros artesáns que colaboran no catálogo de pezas galegas orientadas a agasallo institucional

O catálogo está composto por 65 propostas relacionadas coa cerámica, a xoiería, o vidro, a olería, a madeira, o téxtil, o coiro ou a encadernación, elaboradas por un total de 51 obradoiros artesáns, que se presentarán na embalaxe propia da marca Artesanía de Galicia


Boiro, 25 de febreiro de 2011. A Consellería de Economía e Industria continúa coa súa liña de impulso á comercialización do produto artesán galego, a través da introdución da marca Artesanía de Galicia en diversos mercados. Unha das primeiras iniciativas que pon en marcha neste ano 2011 é a creación dun catálogo de pezas artesanais, presentadas baixo o distintivo da marca, orientadas ao agasallo institucional ou corporativo. O obxectivo da Consellería é acadar a colaboración de entidades públicas e privadas en favor da promoción e da posta en valor do produto artesanal de calidade, feito en Galicia. Entre os obradoiros escollidos en toda Galicia atópase o boirense O Faiado, Restauración e Artesanía.

Pezas únicas

A través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, preséntase unha escolma de pezas únicas e especiais, amparadas pola marca Artesanía de Galicia, que contribuirá a abrir novas liñas de mercado non sempre accesibles aos artesáns. Trátase dunha selección de produtos que se irá incrementando co paso do tempo e que está tamén aberta ás peticións e ás necesidades específicas de cada entidade, de xeito que se poidan realizar pedidos aos artesáns incluídos no catálogo aínda que non se trate das pezas que nel se recollen.

Neste sentido, cómpre destacar as grandes posibilidades que ofrece a artesanía como valor engadido tamén como agasallo en Congresos ou Xornadas, ademais de como trofeo nos diferentes galardóns que son convocados anualmente na nosa Comunidade Autónoma.

O catálogo está composto por 65 propostas relacionadas coa cerámica, a xoiería, o vidro, a olería, a madeira, o téxtil, o coiro ou a encadernación, elaboradas por un total de 51 obradoiros artesáns, que se presentarán na embalaxe propia da marca Artesanía de Galicia.

Os obradoiros, ademais de O Faiado de Boiro, que participan nesta primeira edición do catálogo son: Maysil Artesanía y Diseño (A Estrada), Mª Dolores López Vázquez (Monforte de Lemos), Rosa Méndez (Teo), Polo Enríquez. Vidrieras Artísticas (Cambre),  Santín (Cambre), Media Lúa. Artesanía en Coiro (Santiago de Compostela), Elena Ferro (Vila de Cruces), Centro de Recuperación de Cultura Popular Castelo de Sobroso (Ponteareas), Códice (A Coruña), Josefa López Maldonado (Ribadavia), Isabel Somoza (Lugo), Xabier de Sousa Alonso (Vigo), Ana Camba. Cerámica de Autor (Chandrexa de Queixa), Fernando Porto. Cerámica e prata (A Estrada ), El Reflejo (A Coruña), Estrella Novo Macía (Sada), Xorima (Teo), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Nacho Porto Cerámica (Carnota), Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis), Obradoiro Taxus (Vilarmaior), Josefa Lombao (Outeiro de Rei), Alfarería Agustín de Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo), A Reitoral de Gundivós (Sober), Olería Aparicio (Malpica de Bergantiños), Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), Regal Cerámica (Viveiro), Pilar Piñeiro (Cangas), VM Artesanía Cerámica (A Coruña), José Ángel Cousillas Bermúdez (Laxe), Orfega (Santiago de Compostela), Pablo Leal (Teo), Docampo Cerámica (A Coruña), Silvereira (Teo), Ana Martínez Gómez (Cambre), Arela de Fe. Taller de Xoiería Creativa (A Guarda), Ardentia (Bergondo), Marta Armada. Diseño de Joyas (Vigo), Eira Cerámica Artesá (Cesuras), Druída. Plata de Autor (A Estrada), Rosa Higuero (Cabanas), Teresa Rego (A Coruña), Anna Champeney Estudio Textil (A Teixeira), Liño de Galicia (Baio), Asociación de Palilleiras Nosa Señora da Barca (Muxía), Encaixes Mónica Pose (Camariñas), Asociación de Padres para la Formación de Jóvenes Límite (A Coruña), Taller Arbor (Vilamarín), Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo (Vimianzo), Concha Outeiriño (Ourense).

O eido do agasallo institucional e corporativo supón unha interesante oportunidade de desenvolvemento para un sector coma o artesán, cuxa heteroxeneidade e riqueza supoñen ao mesmo tempo unha vantaxe para as entidades que decidan apostar por este tipo de pezas. Esta nova iniciativa da Consellería de Economía e Industria supón un paso máis no apoio á comercialización da artesanía galega e que contribuirá sen dúbida a converter Artesanía de Galicia nunha marca de prestixio e nun referente de calidade en calquera mercado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o feminismo de Rosalía de Castro, nunha charla o xoves 3 de marzo a cargo de Pilar García Negro

Dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora

Rianxo, 25 de febreiro de 2011. O Bng local acaba de informar na súa bitácora que o xoves 3 de marzo, ás 20.30 h., no Cuartel Vello de Rianxo, haberá ocasión de escoitar á escritora e profesora Pilar García Negro nunha charla sobre Rosalia de Castro.

Pilar García Negro gañou coa monografía "Clamor de rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo " o premio Vicente Risco de Investigacións Sociais do 2010, agora publicado pola editorial Sotelo Branco. "A todos e todas as que veñades habemos gozar deste acto dunha das voces máis autorizadas sobre Rosalía analizada desde unha óptica feminista e de servizo ao País. Presenta a nosa voceira, Adelina Ces", explican os nacionalistas rianxeiros. 

Organiza este acto o BNG de Rianxo, dentro dun programa arredor do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o Xantar de Confraternidade da Terceira Idade é o 29 de abril


Non faltará misa solemne na igrexa de Santiago do Deán

A Pobra do Caramiñal, 25 de febreiro de 2011. O vindeiro día 29 de abril terá lugar no pavillón polideportivo de Venecia o tradicional Xantar de Confraternidade da 3ª Idade que o Concello da Pobra do Caramiñal celebra cada ano.

     O programa de actos será o seguinte:

     Ás 12:00 – Recepción de autoridades no concello coa asistencia, como vén sendo habitual, da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o Alcalde e demais autoridades.

     Ás 12:30 – Misa Solemne na igrexa parroquial de Santiago do Deán (Castelo).

     Ás 14:30 – Xantar de Confraternidade no pavillón polideportivo de Venecia.

     Ao remate haberá baile amenizado pola orquestra Odisea.

Para anotarse: dende o luns 28

     Calcúlase que asistirán máis de 1.000 persoas e para anotarse ao xantar deberán pasar a partir do vindeiro luns día 28 de febreiro polas oficinas do concello ou polo centro sociocomunitario.

Excursión a Santiago o 1 de abril

     Noutro orde de cousas, o vindeiro 1 de abril programouse unha excursión a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia, onde serán recibidos os participantes pola Presidenta do mesmo, Pilar Rojo que exercerá de cicerone das instalación. Posteriormente irase á Cidade da Cultura onde se poderán visitar os edificios xa inaugurados, Arquivo e a Biblioteca de Galicia.

     Os interesados en asistir a esta excursión poden acudir para anotarse ás oficinas do concello a partires de vindeiro luns día 28 de febreiro.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o alcaldable polo Psoe preséntase o venres 4 de marzo

Porto do Son, 25 de febreiro de 2011. O grupo municipal socialista de Porto do Son anuncia que o candidato á alcaldía por esta formación e concello, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, vai ser presentado de xeito oficial o vindeiro venres 4 de marzo, ás oito e media da tarde na sede do PSdeG sonense, que está na rúa Camiño Novo, número 3.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical