Porto do Son, 25 de febreiro de 2011. A biblioteca do instituto de Porto do Son acollerá durante a semana que vén a proxección de curtametraxes e videoclips no marco da Semana das Curtas, unha iniciativa do Equipo de Normalización do IES Audiovisual de Vigo que conta coa colaboración da Coordinadora Galega de ENDL. A actividade, na que van participar máis de 80 centros e 10.000 estudantes de toda Galicia dende o luns 28 de febreiro até o venres 4 de marzo, preséntase como un festival en rede que trata de difundir a creación audiovisual galega e fomentar a lingua por medio de linguaxes atractivas para o alumnado, que pode participar activamente achegando as súas valoracións sobre as curtas, os videoclips e os documentais no blogue da Semana das Curtas.
Segundo explican dende o centro educativo sonense, "un centro como o noso, que impulsa a educación audiovisual dende as aulas, non podía faltar á cita. Por iso, durante os primeiros recreos do martes, mércores e xoves proxectarase unha selección de curtametraxes e videoclips, mentres que nas aulas pasaranse outros traballos que forman parte desta actividade".
Entre as curtas que se proxectarán está unha da que falamos o ano pasado aquí, e mesmo entrevistamos á súa directora. Trátase de Xudit Casas, celanovense que dirixiu "Sobre a morte do Bieito", baseada nun relato do escritor rianxeiro Rafael Dieste. Le a entrevista aquí
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario