Vistas dende o mirador de Culou, en Lousame
A nacionalista Tereixa Paz asegura que "o Conselleiro de Medio Rural mentiu no Parlamento galego cando dixo que non ía eliminar as UXFOR (unidades de xestión forestal) cando en realidade, a política do PP non permite a súa tramitación"
Barbanza-Noia, 25 de xuño de 2010. A portavoz de agricultura, gandería e montes do BNG, Tereixa Paz, trala resposta do director xeral de Montes na Comisión 7ª de Agricultura, celebrada hoxe no Parlamento galego, acusou á Xunta de manter unha “postura cínica” cando o propio Conselleiro de Medio Rural “minte” na Cámara galega ao afirmar que non se eliminarían as unidades de xestión forestal.
Para a deputada do BNG, a resposta do director xeral de Montes a unha pregunta formulada pola nacionalista, confirma que “é falsa a tese” sobre a falta de personalidade xurídica que lles impide aos montes veciñais establecer actuacións na súa defensa e posta en valor.
Tereixa Paz preguntoulle ao director xeral de Montes se nalgunha ocasión asinara algún convenio coas comunidades de montes e se consideraba que esta circunstancia se podía cualificar de “ilegal”. Asemade, a deputada do BNG reiterou na súa intervención, que era notorio que, a día de hoxe, “non existía ningunha unidade de xestión forestal legalmente constituída” ao abeiro do decreto do ano 2008” e denunciou que esta situación, débese “ á negativa do Goberno galego e o Partido popular a que se constitúan”.
Para Tereixa Paz, o director xeral de Montes “delátase” ao afirmar que estas unidades non son un instrumento válido e mesmo critica as dúas que existen en Muros e Lousame pero a respecto da de Camboño - dixo- como afecta na súa maior parte a propietarios privados “non ten nada que dicir”.
Paz explicou que o anterior goberno aprobou unha lei na que se prevía unha medida estrutural para cambiar en profundidade as explotacións forestais galegas e para isto, encomendou a xestión á empresa pública SEAGA con dúas finalidades: elaborar todos os traballos de redacción dos proxectos para a constitución das UXFOR e realizar as actuacións e infraestrutura necesaria para a súa posta en marcha.
A deputada do BNG recriminou que o Partido popular pretenda crear unha nova “figura societaria” para que desapareza o “asemblearismo” e se introduzan os grandes capitais nos montes dos pequenos propietarios co obxecto de especular coa súa riqueza.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia