Ribeira, 25 de xuño de 2010. Na pasada fin de semana disputouse na bahía coruñesa a segunda Regata de Vela Adaptada da Fundación María José Jove, a única competición destas características que se celebra en Galicia. A Asociación AMBAR participou neste evento co programa Vela para Todos, representado polo seu regatista máis destacado, Serafín Cadaval, e acadou un meritorio segundo lugar.
Na regata participaron unha vintena de regatistas procedentes de distintos puntos da comunidade galega e estivo reservada a embarcacións da clase Yatlant 460, que foron aportadas pola propia institución. A vencedora da regata, Sonia García Erías, do equipo da Fundación María José Jove recibiu o trofeo de mans da conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato. O cadro de gañadores complétano Serafín Cadaval Santos, do Programa Vela para Todos da Asociación AMBAR, que ocupou o segundo posto; Jesús Pombo Gómez, da Fundación María José Jove, que se alzou no terceiro lugar; e Manuel Brage Vila, do Real Clube Náutico da Coruña, que se fixo co cuarto lugar. A final da competición decidiuse ó mellor de cuatro probas e foi moi disputada e igualada, pois o primeiro posto, polo que competía o regatista ribeirense Serafín Cadaval, non se decidiu ata a última manga para romper un triple empate de sete puntos no último pase de boia.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario