7.9.10

Noia: o regulamento do Servizo de Limpeza Viaria está a aplicarse, con varias multas por pegadas de carteis ou orinar na rúa


Por non recoller as deposicións caninas aínda non hai multas

Noia, 7 de setembro de 2010. O alcalde de Noia, o socialista Rafael García Guerrero, explicou no seu blog que xa está a aplicarse o regulamento do Servizo de Limpeza Viaria, que foi aprobado hai uns meses, e do que lle informamos aquí.
A multa mínima agora é de 50 euros.

"As primeiras infraccións e máis numerosas son por pegada de carteis, de feito comeza a dar efecto, por que agora a xente chama preguntando se pode colocar publicidade. Aínda que seguro que hai moitos que seguen a colocala indiscriminadamente", escribe o alcalde noiés. "Hai algunhas por mexos, e outras de botar as bolsas do lixo en papeleiras. De momento só unha persoa chamou para interesarse por facer horas de traballo para a comunidade en vez de pagar a multa. O de traballos para a comunidade só vale para persoas físicas maiores de 16 anos, non para empresas", advirte.

"Cando se pon en marcha un procedemento novo sempre costa, pero agora xa funciona a bo ritmo", remata García Guerrero.

Regulamento Do Servizo de Limpeza Viaria Do                                                             </object>

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: detectan unha vertedura ilegal no río San Xusto ao seu paso por Sampaio

Noia, 7 de setembro de 2010. Sobre as sete da tarde detectouse unha vertedura ilegal no río San Xusto, ao seu paso pola parroquia de Sampaio. Diversas autoridades municipais desprazáronse ata alí para tomar mostras e estudar de onde procede, averiguar que material é o causante e aplicar as medidas legais pertinentes aos responsables. Ao parecer, a vertedura non cheiraba a nada, polo que se descartan, en principio, hidrocarburos.


Río San Xusto ao seu paso polo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, en Lousame

O río San Xusto nace en Fontefría e fai unhas espectaculares fervenzas ao pé do mosteiro co seu nome, en San Xusto de Toxosoutos, no veciño municipio de Lousame. Ao ir descendendo, xúntase co río Vilacoba no núcleo de Xei e forma o río Traba, que esmorece xa na ría de Muros e Noia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: inclúen como prácticas a visita ao Museo Valle-Inclán nun curso de monitor sociocultural


Dentro do museo está prohibido facer fotos, algo que en Certo nunca acabaremos de entender se do que se trata é de divulgar a obra de Ramón María

A Pobra do Caramiñal, 7 de setembro de 2010. Este mércores 8 de setembro, ás cinco da tarde, está programada unha visita ao Museo Valle Inclán por parte dos alumnos do curso de formación ocupacional de monitor sociocultural. Esta actividade está organizada polo Concello da Pobra en convenio cun centro de formación desta vila.

Na visita, que se inscribe dentro dunha xornada de prácticas, os alumnos estarán acompañados por Saray Pazos, que imparte o curso devandito, e serán todos guiados polo director do museo, Antonio González Millán, xunto coa técnica de Cultura Dolores Devesa.

O curso  está financiado pola Direccion Xeral de Formación e Colocación  da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Consta de 325  horas teóricas e prácticas, está dirixido a persoas que se atopan en  situación de desemprego e comenzou o pasado 24 de agosto. Remata o 11 de novembro.

A iniciativa de impartir este curso partíu da Concellería de Educación que  dirixe Isabel González Barral. "A finalidade do mesmo é dar a oportunidade aos nosos/as veciños/as de acadar unha formación para abrir novas fiestras no mercado laboral sen ter que saír do noso concello", explicou.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: imparten un curso gratuito de 40 horas para traballadores do sector comercio

Ribeira, 7 de setembro de 2010. A partires do 28 deste mes de setembro comeza un curso subvencionado pola Fundación Tripartita para a Formación e o Emprego destinado a traballadores do sector comercio. É totalmente gratuito para o alumno e non precisa autorización da empresa.

HORARIO: De 21:00 a 22:30 tres días por semana (aínda faltan por confirmar os días exactos). É un curso de 40 horas.

Documentación a entregar:
-Fotocopia do DNI
-Fotocopia da tarxeta sanitaria
-Fotocopia da cabeceira da última nómina -agosto- ou recibo de autónomos.
-Ficha cos datos do alumno totalmente cuberta e asinada con bolígrafo azul.

Hai un total de 15 prazas e dúas son reservas. Máis información no teléfono móbil 650 048 355.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: organizan en Ribeira unha marcha cicloturista entre Compostela e Fisterra co gallo do Ano Santo

Terá lugar o 18 de setembro, sábado, e está limitada a 50 prazas

Ribeira, 7 de setembro de 2010. Co fin de conmemorar o Ano Xacobeo, este 18 de setembro terá lugar unha Marcha Cicloturista entre Santiago de Compostela e Fisterra que está organizada polo Club Ciclista Ácidoláctico, a Peña Ciclista Tahúme e a tenda de bicicletas Sportbike Barbanza, ademais do Concello de Ribeira. 

Para ofrecer detalles da proba acudiron á Casa do Concello Lolo Paisal, presidente de Ácidoláctico; Juan Manuel Lorenzo, de Sportbike Barbanza; e os edís de Xuventude e Turismo e de Deportes, Vicente García e Miguel Ángel Vidal, respectivamente. 

Esta proba non pretende ser unha competición, senón que é unha actividade participativa á que están convidados tanto os ciclistas profesionais como os afeccionados que en último térmo ten por obxectivo promocionar e apoiar o deporte do ciclismo. 

O prazo para anotarse abrirá mañá mércores e rematará o día 15 de setembro. Hai prazas limitadas: un total de 50 que serán cubertas por rigoroso orde de inscrición. Prezo por participantes é de 20 euros. Con este fin, hai unha conta habilitada na entidade Caixa Galicia: 2091 0340 35 30 0004 9097. 

Máis información e inscricións no Auditorio Municipal (teléfono 981 835 650). 

A saída desde Santa Uxía terá lugar ás 7 da mañá e o inicio da proba terá lugar ás 9 da mañá en Santiago de Compostela. Haberá avituallamiento en Dumbría e un coche vasoira para aqueles que se apeen da bicicleta antes de chegar a Fisterra. A duración da proba estímase nunhas seis horas. Unha vez chegados á meta, todos os participantes estarán convidados a un xantar e poderán darse unha ducha nunhas instalacións que prestará o Concello de Fisterra

Ademais, os ciclistas recibirán uns agasallos por cortesía de Sporbike Barbanza e unha medalla conmemorativa de parte do Concello, quen tamén se encarga de financiar o autobús, os dorsais, a comida e uns bidóns de bicicleta promocionais da Concellería de Turismo.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este xoves 8, recital de piano a cargo de Leticia Recamán


Flickr de  mms0131
Ribeira, 7 de setembro de 2010. Mañá xoves día 8 de setembro, a partir das 17 horas, haberá un recital de piano no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Ribeira. 

Leticia Recamán Casal será quen ofreza este recital. A entrada é libre e gratuíta.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical