19.9.12

Política: Rianxo foi escollido polo Bng para abrir os mitins de precampaña, con Guillerme Vázquez

  • O portavoz nacional do Bng incide en que "votar Feijóo é votar Rajoy" e ponlle nota ao goberno da Xunta actual: "non supera o umbral do moi deficiente"
  • Tamén se fixeron alusións ás andanadas do Borbón contra o independentismo: "namentres o Rei di que rememos todos xuntos, el segue no seu iate"




Rianxo, 19 de setembro do 2012. O portavoz nacional do BNG participou este serán nunha charla-coloquio en Rianxo xunto co alcalde, Adolfo Muiños, a candidata número 2 por A Coruña, Ana Pontón, e representantes do ensino, do mar e mesmo afectados polas preferentes.

Vázquez criticou as medidas do PP “consistentes só en duros recortes que recaen nas costas de traballadores, pensionistas, mulleres, estudantes, persoas dependentes e os máis desfavorecidos. Ou na súa pasividade para cos nosos sectores productivos porque os está deixando caer sen remedio”.

Tamén se referiu á grave situación pola que están a atravesar os estaleiros galegos públicos e privados, os baixos prezos para o leite, o engano masivo das preferentes “posto que o PP legalizou unha fraude e agora aproba unha lei segundo a cal poden perder até o 80% dos aforros investidos”. Mencionou “os acordos de pesca que non se renovan e prexudican sobre todo á flota galega, e a última que non vos debedes perder: fan unha proposta no Parlamento europeo para que na etiquetaxe das conservas e peixe e marisco fresco non figure a orixe dos productos”.




“Son únicos en destrozar o país. E vai Feijoó e pide que os comicios galegos non se convirtan nun exame da xestión de Rajoy senón que se avalíe só a súa xestión. Claro que sí, el soliño abonda. Desde logo, nós estamos dacordo en pór nota á súa xestión porque a verdade que non chega nen ao umbral do moi deficiente”, asegurou o portavoz nacional do BNG, quen engadiu “que ninguén se leve a engano. Son a mesma cousa: votar a Feijoó é votar a Rajoy. Andan a voltas co resgate, xa non saben que facer para evitar pedilo antes do 21-O, e por qué? Porque nos están enganando, ocultan o seu verdadeiro programa e os seguintes salvaxes recortes que van levar a cabo. Xa o dixo o Eurogrupo, un segundo resgate implicará unhas duras condicións”, argumentou Vázquez na emblemática praza de Rafael Dieste.

Guillerme Vázquez sinala “a necesidade de parar esta deriva. Hai que parar ao PP e na Galiza temos unha oportunidade excelente para poñerlles o primeiro atranco. O descontento social, o malestar pola baixada de salarios, por unha altísima taxa de paro, por desmantelar a sanidade e a educación públicas, por pechar a lei de dependencia, por todos os ataques ás maiorías sociais, hai que canalizalo, hai que reaxir e votar opcións políticas nacionalistas e de esquerdas como o BNG que defende a Galiza, aos seus sectores produtivos, e estamos radicalmente en contra dos recortes”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sábado 29 de setembro, campionato de bolos celtas en Triñáns

Boiro_bolos_aturuxo

Boiro, 19 de setembro de 2012. O sábado 29 de setembro a partir das 12:00, o Local Social Aturuxo coa colaboración da Asociación de Bolos de Triñáns, organiza unha xornada de convívio e de desfrute dos deportes e xogos tradicionais galegos.

A partir das 12:00: Música ao vivo coa actuación dunha banda de gaitas e xogos tradicionais

Ás 14:00: Xantar popular

A partir das 16:30: Campionato de bolos celtas e xogos tradicionais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres, 21 de setembro, charla sobre as sociedades de fomento forestal en Olveira

Ribeira_21_charla_sofor

  •  Na casa da cultura, entre as sete da tarde e as nove da noite

 

Ribeira, 19 de setembro de 2012.- A Casa da Cultura de Olveira vai ser escenario este venres día 21 de setembro, entre as 19 e as 21 horas, dunha charla informativa sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR): unha nova figura societaria auspiciada pola Xunta de Galicia que nace coa intención de favorecer a xestión conxunta e viable do monte galego por parte dos propietarios forestais de xeito voluntario, con normas claras e garantía xurídica plena para todos os axentes implicados.

 

Organizada pola sociedade cooperativa galega Xesforesta coa colaboración do Concello, esta charla está aberta a todo o mundo, se ben está especialmente dirixida aos propietarios de terreos forestais a fin de que coñezan novidosas e sinxelas fórmulas de xestión coas que obter rendibilidades das súas parcelas.

 

Máis información nos números 981 074 ou 647 634 993 ou ben a través do enderezo electrónico info@xesforesta.com.


Unha figura controvertida


"Agora, a posibilidade convertese en obriga. O Partido Popular, nos montes consorciados ou conveniados, vaille sacar a súa xestión á veciñanza comuneira, para entregarllos ás empresas privadas amigas, para entregarllos as sociedades de fomento forestal (as Sofor)": non se perdan esta entrada de Paco do Martelo sobre a nova Lei de Montes. En http://nebra-nebra.blogspot.com.es/2012/09/analise-polo-miudo-do-que-sinifica-lei.html




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical