21.3.12

Natureza: Adega cre "demagóxica e chea de trucos" a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 da Xunta

  • Cualifícana de "insuficiente -a Rede Natura máis cativa de todo o Estado-, incompleta e incoherente"
  • Declaracións tallantes dos ecoloxistas: "A Xunta resolveu recurtar drasticamente o patrimonio natural galego para llo entregar ás eólicas, eléctricas, aos promotores e aos donos das canteiras e das piscifatorías"
  • Corrubedo: "Parécenos acaída a incorporación da zona da Laxe Brava, en Corrubedo, feito curiosamente coincidente co resolto nunha rexente sentenza do TSXG que declarou ilegal a piscifatoría prevista nesta zona. Sorprendentemente, outra área con similares valores naturais, a da Penisqueira e a costa de Aguiño (Ribeira), con presenza de hábitats dunares e matogueiras halófitas, fica excluída (hai proposta unha macrodepuradora)", explican dende Adega

21 de marzo de 2012. Segundo informa hoxe no seu web a asociación ecoloxista Adega, "a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza presentada pola Xunta en 2011 e cuxa exposición pública vén de rematar, confirma a vergoña de seguirmos coa Rede Natura máis cativa de todo o estado. As afirmacións dos actuais responsábeis políticos que cualificaron esta ampliación de "definitiva" e "completa", amosan claramente non só a súa incompetencia, senón tamén unha ilimitada desvergoña. Trátase dunha proposta claramente insuficiente, incompleta e incoherente, sen fundamentación científica nen legal, apoiada en inexactitudes e xustificada con trucos e demagoxia. A Xunta resolveu recurtar drásticamente o patrimonio natural galego para llo entregar ás eólicas, eléctricas, aos promotores e aos donos das canteiras e das piscifatorías".

ALEGACIÓNS DE ADEGA Á PROPOSTA DE AMPLIACIÓN DA RN 2000

CONSIDERACIÓNS XERAIS

1. Unha proposta insuficiente e trucada: A proposta de ampliación da Rede Natura 2000 apresentada pola Xunta en novembro de 2011 pretende elevar a porcentaxe de territorio galego baixo esta figura de protección dende o actual 12,1% ao 15,2%. Concordando en que, tal como se di na introdución da memoria da proposta, a porcentaxe por sí soa non debe ser determinante para acadar unha correcta representación dos hábitats e especies recollidos nas Directivas DC 92/43/CEE e DC 79/409/CEE, no caso galego a superficie da ampliación proposta non se corresponde coa riqueza e a biodiversidade presente no país e, portanto, incumpre o establecido nos artigos 2.1 e 2.2 da Directiva 92/43/CEE cuxo obxectivo é “…contribuir a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros…”, (art. 2.1), e “…o mantemento e restablecemento nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres de interese comunitario…”(art. 2.2).

Dende ADEGA acreditamos na insuficiencia territorial da proposta presentada para protexer acaídamente a biodicersidade do país a teor, en primeiro lugar, do recollido na páxina oficial [1] da Xunta encol da riqueza da biodiversidade galega por atoparse nunha “zona de transición entre a rexión eurosiberiana e a mediterránea, o que unido a unha variada climatoloxía e á complexidade estrutural, tradúcese nunha flora e faura relativamente diversas”. No noso país están presentes 56 dos 121 tipos de hábitats naturais presentes no estado, entre eles 10 dos 56 considerados prioritarios, que acollen “unha das máis ricas representacións de flora e fauna da Península Ibérica”. Non alcanzamos a entender como Galiza, cunha das comunidades biolóxicas máis diversas de Europa, pode ter incluido só o 12,1% do seu territorio (15,2% na proposta de ampliación) na Rede Natura mentres que Asturias e Castela-León, comunidades veciñas e coas que partilla numerosas características bioxeográficas, teñen acollido baixo esta figura de protección o 29% e o 26% do seu territorio.

Por iso resulta sumamente chamativo que para xustificar a súa proposta, a todas luces insuficiente, a Xunta pretenda comparar a porcentaxe acadada neste alongamento (15,2%) coas doutros estados europeos, en lugar de facelo coas comunidades veiñas ou mesmo coa media estatal, o 28%.

Deixando á marxe o feito de que a comparación entre dúas categorías non equivalentes (comunidade autónoma de Galiza e estados europeos) alén de ser pouco rigoroso, podería ferir determinadas susceptibilidades derivadas dun rancio “chauvinismo” por parte da administración e institucións estatais, non deixa de sorprender que á hora de comparar a extensión da Rede Natura entre comunidades autónomas fágase en termos de superficie absoluta e non de extensión relativa. Deste xeito, resulta obvio que as comunidades máis extensas, como Andalucía, Castela-León e Castela-A Mancha son as que tenden a ter máis territorio protexido en termos cuantitativos.

Todos estes argumentos e subterfuxios no tratamento dos datos non deixan de ser para ADEGA un pobre intento por parte da Xunta para xustificar unha porposta de ampliación misérrima, que en absoluto está á altura da riqueza e diversidade dos hábitats e especies naturais no noso país.

Media_httpfarm4static_keora

Outra proba disto é que na introdución do documento faise un percorrido histórico pola tramitación institucional das diferentes propostas e alongamentos da Rede Natura 2000 en Galiza. E neste relatorio é salientábel a ausenza de referenza algunha á proposta de ampiación elaborada pola propia Xunta de Galiza e datada en maio 2008, que se ben non se chegou a tramitar, sí foi obxecto de consulta e debate por parte dos membros do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel (COGAMADES). Esta proposta, considerada polos representantes dos colectivos de defensa ambiental como “de mínimos” visaba un alongamento da Rede Natura galega até o 18,3% do territorio, lonxe aínda da media estatal do 28% e da representación que esta figura ten nas comunidades veciñas (ver figura 1).

Compriría avaliar tamén as razóns que moveron a un instituto de investigación como o IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), dependente da USC, a elaborar dúas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 galega cualitativa e cuantitativamente diferentes: a elaborada en 2008 e a actual de 2011, máxime cando os membros das equipas redactoras foron prácticamente os mesmos.

2. Unha proposta incompleta: A teor das incertidumes xurdidas sobre a fundamentación científica da ampliación de 2011, por mor das manifestas diferenzas entre esta e o documento de 2008 (ver apartado anterior), cabe preguntarse se foron os criterios científicos os que inspiraron a actual proposta. Estas dúbidas vense acentuadas polo feito que na proposta de 2008, o IBADER propuña a incorporación de novos tipos de hábitats a teor da actualización da información bioxeográfica, a unha millor interpretación da área mariña e costeira, a unha millor caracterización dos humidais, e a unha tipificación dos ecosistemas boscosos máis acaída á información científica dispoñíbel. En consecuencia, a incorporación destes novos hábitats redundaba nun alongamento da superficie dos actuais LICs e na designación doutros novos. Estas incorporacións están usentes da proposta de 2011.

ADEGA lembra á administración que “segundo o establecido no dereito mediambiental da UE e confirmado o Tribunal Europeo de Xustiza, a designación de lugares da Rede Natura 2000 só debe facerse segundo criterios científicos”. Tal é a resposta [2] do Comisario Potocnik á pregunta escrita E‑9181/2010 dirixida á Comisión e presentada polo grupo Verdes-Ale do Parlamento Europeo, interesándose pola proposta de ampliación da Rede Natura Galega.

Na Decisión da Comisión Europea, 2004/813/CEE, do 7 de decembro de 2004, pola que se adopta a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L 387, 29/12/2004), formúlase para o ámbito do estado español a necesidade de mellorar a representatividade de determinados tipos de hábitats, contando en Galiza cos tipos prioritarios Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix (Nat-2000 4020*) e as Turbeiras altas activas (Nat-2000 7110*), así como o hábitat de interese comunitario asociado a estes, os Mires de Transición (Nat-2000 7140). Transcorridos 7 anos dende a publicación desta Decisión, e perante a renuencia do estado español e da Xunta de Galiza a ampliar a representividade destes hábitats insuficientemente recollidos no noso país, a Comisión Europea volta a lembrar por boca do Comisario Potocnik e en resposta [3] a unha nova pregunta escrita do grupo Verdes-ALE (E-000364/2011) que “os hábitats de interese comunitario 7110 «Turbeira alta activa» e 7140 «Turbeiras de transición e flotantes» non están suficientemente representados na región de Galiza” polo que o “Reino de España debería designar como LCI [LIC] varias zonas máis para cubrir as insuficiencias observadas en Galiza”. E na Decisión 2006/613/CE da Comisión, do 19 de xullo de 2006, pola que se adoptaba a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Biogeográfica Mediterránea (DOUE L 259, 21/9/2006), especifícase a necesidade de mellorar a representatividade no ámbito do territorio español de distintos tipos de hábitats, estre os cales atópanse dous con presenza en Galiza: os Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*) e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510).

Neste senso, á vista da actual proposta de ampliación e tal como se expón nestas alegacións nos comentarios referentes a cada LIC, o actual documento resulta manifestamente incompleto por non incluir unha acaída representación territorial da totalidade dos hábitats e especies de interese europeo, e moi especialmente daqueles para os que a Comisión ten advertido da súa insuficiencia.

Como exemplo representativo de que a actual proposta de ampliación non está en absoluto completa, como se ten dito por parte dos actuais responsábeis de Conservación, referimos o caso dos hábitats de turbeiras. Resulta chamativo que malia a estar amplamente documentado na bibliografía científica a presenza destes hábitats na maioría das serras litorais galegas e en particular na Serra do Barbanza, este espazo fica sorprendentemente excluido da actual proposta, cando no documento de 2008 constituiase como un dos LICs máis extensos de nova criazón.

A información sobre os hábitats de turbeiras, particularmante sobre as turbeiras de cobertor (7130*) coa que conta o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, (Banco de datos da biodiversidade) reflicte tamén a presenza de amplas áreas deste hábitat en Galiza [4], de xeito que o noso país é o que ostenta a maior superficie de todo o norte peninsular. Desgrazadamente, a actual proposta de ampliación da RN 2000 de Galiza non recolle non de lonxe a totalidade da superficie ocupada por este hábitat proioritario, ao contrario do que acontece en Asturies, Cantabria, Euskal Herria e Nafarroa. E, para o caso concreto da Serra do Barbanza, a documentación técnica do ministerio amosa novamente a presenza destas turbeiras.

3. Unha proposta incoherente: A Directiva 92/43/CEE de Hábitats consagra no seu artigo 3.1 a criazón da Rede Natura 2000 que é considerada “unha rede ecolóxica europea coherente composta polos lugares que alberguen tipos de hábitats naturais que figuran no Anexo I e de hábitats de especies que figuran no Anexo II”. Para millorar esta coherencia ecolóxica, o artigo 10 dispón que os estados membros “esforzaranse por fomentar a xestión dos elementos da paisaxe que revistan primordial importancia para a fauna e a flora silvestres. Trátase daqueles elementos que, pola súa estrutura lineal e continua (como os ríos coas súas correspondentes ribeiras ou os sistemas tradicionais de deslinde dos campos), ou polo seu papel de puntos de enlace (como as pozas ou os soutos) resultan esenciais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético das especies silvestres.” Trátase de que os LICs estean interconectados entre si a través dunha rede de corredores ecolóxicos para garantir a mobilidade natural e, por tanto, a viabilidade dos elementos da biodiversidade presente nestas áreas.

Para ADEGA, a proposta de ampliación en tramitación "incumpre claramente ambos os dous artigos 3 e 10 da Directiva de Hábitats ao non contar con suficientes corredores ecolóxicos para garantir a conexión entre os actuais LICs. No noso país, a presenza dunha densa e extensa rede fluvial así como as numerosas serras e cordais que cunha orientación preferente N-S que limitan distintas unidades xeográficas, debería ter sido aproveitada na actual proposta para o establecemento destes corredores. Deste xeito acadarían tamén máis representación en Galiza os tipos de hábitats cuxa insuficiencia foi reiteradamente sinalada pola Comisión Europea: as turbeiras e os queirogais húmidos da rexión bioxeográfica atlántica, frecuentes nas serras litorais, interiores, dorsal galega e serras interiores e os bosques aluviais propios dos ríos tanto da rexión bioxeográfica atlántica como da mediterránea".

Porén, e en comparación coa proposta de ampliación da RN 2000 de 2008, a proposta de 2011 amosa unha ostensíbel carencia de corredores ecolóxicos e, portanto, unha menor coherencia.

CONSIDERACIÓNS ENCOL DAS AMPLIACIÓNS DE LICs e LICs DE NOVA CRIAZÓN

En aplicación dos argumentos desenvolvidos no apartado das consideracións xerais, pasamos a sinalar algunhas deficiencias atopadas na actual proposta de ampliación da RN 2000 con referenza a cada espazo:

1. AMPLIACIÓNS

Carnota-Monte Pindo: Da actual proposta, e con respeito ao documento de 2008, desbotáronse as conexións entre o espazo interior e o litoral no treito entre O Ézaro e Cee e o que é máis grave, desaparece a prevista ampliación do LIC nas serras litotais de Muros, Carnota, Mazaricos e Serra de Outes, con presenza de humidais e hábitats de turbeiras, o que duplicaría a superficie terrestre deste LIC. Casualmente nestas áreas excluidas están previstos varios desenvolvementos eólicos e canteiras a ceo aberto.

Fragas do Eume: Segue a ser significativa a ausenza da zona do Pico Vello, amezada por unha explotación mineira a ceo aberto de andalucita. Falla a conexión co LIC Xubia-Castro e coa serra da Cova da Serpe através da Serra da Loba. Ambas as dúas conexións estaban contempladas na proposta de 2008.

Costa da Morte: Segue sen estar xustificados dende un punto de vista científico e da representatividade dos hábitats e especies presentes nestas áreas os “buracos” e recurtes territoriais nos lugares de Camelle e Arou casualmente coincidentes coa ubicación das piscifatorías “Xandriña” e “Camelle” respeitivamente, previstas no Plano Acuícola.

Corrubedo: Parécenos acaída a incorporación da zona da Laxe Brava, en Corrubedo, feito curiosamente coincidente co resolto nunha rexente sentenza do TSXG que declarou ilegal a piscifatoría prevista nesta zona. Sorprendentemente, outra área con similares valores naturais, a da Penisqueira e a costa de Aguiño (Ribeira), con presenza de hábitats dunares e matogueiras halófitas, fica excluída (hai proposta unha macrodepuradora). Suprímense tamén con respeito á proposta de 2008 outras áreas no perímetro do Parque Natural de Corrubedo, concretamente  nos lugares de Vixán e A Graña, na contorna da lagoa de Vixán, e que poderían funcionar como áreas de amortecemento e corredor.

Xubia-Castro: A prevista ampliación deste LIC deixa fóra a conexión coas Fragas do Eume como xa se indicou no apartado correspondente a este espazo.

Río Tambre: A ampliación deste espazo manteno desconectado do LIC Esteiro do Tambre, do que por certo cáese tamén a inclusión da Illa da Creba e parte da costa de Outes e Boa (Noia). Pérdese deste xeito a oportunidade de conectar todos os espazos da bacía do Tambre a través dun corredor ecolóxico.

As Catedrais: Queda fóra da ampliación, sen xustificación algunha dende o punto de vista ambiental, o treito de costa no concello de Ribadeo coincidente coa proposta piscifatoría de “Corvo”, do Plano Acuícola, área que ademais podería actuar como corredor entre este LIC e o Río Eo.

Foz-Masma: Ao contrario do que acontecía na proposta de 2008, a ampliación deste LIC deixa fóra un importante treito de costa no concello de Barreiros, que ademáis o conectaría co LIC das Catedrais, casualmente coincidente cun territorio no que se teñen perpetrado importantes ilegalidades urbanísticas.

Carballido: A ampliación proposta é moi escasa e, ao contrario da proposta de 2008, deixa a este espazo desconectado dos LICs A Marronda, Negueira e Ancares-Courel.

Negueira: Ao igual que co LIC Carballido, este espazo fica desconectado dos outros LICs próximos (Carballido, A Marronda e Ancares-Courel) perdéndose a oportunidade de dotar de coerencia ecolóxica a unha importante área das serras orientais

Baixa Limia-Serra do Xurés: Acúsase unha importante redución de superficie (arredor do 25%) con respeito á proposta de 2008 no concellos ourensáns de Baltar, Calvos de Randín, Verea, Bande e Cualedro.

Macizo Central: Apresenta unha considerábel redución da súa superficie en comparación co documento de 2008, que atinxe a áreas cunha boa representación de bosques aluviais mediterráneos: Bacías do río Xares (concellos de A  Veiga e O Bolo); do Návea (Pobra de Trives); e a vertente oeste do río Conso (Vilariño de Conso).

Serra da Enciña da Lastra: Fica na actual proposta desconectado do LIC Ancares-Courel, mentres que na proposta de ampliación de 2008 a Serra de Vilamartín actuaría como corredor.

Canóns do Sil: Ao contrario do previsto na proposta de 2008, este LIC fica desconectado do LIC Ancares-Courel pola non inclusión dun corredor fluvial ao longo deste río, área actualmente ameazada por varios proxectos hidroeléctricos.

Ulla-Deza: Este LIC que actualmente abarca dende a desembocadura até a metade do concello de Touro (parroquia de Bendaña)  debería ampliarse até o encoro de Touro (nº 2) para que un dos poucos treitos libres de encoros no Ulla estivera protexido.

2. LICs DE NOVA CRIAZÓN

Serra de Foncuberta: Sufre unha importante e inxustificada redución que atinxe ao corredor ecolóxico para a conexión co LIC Negueira, deixando fóra as serras de Liñares, Follabal e Invernal, así como tamén á bacía do Navallo. Este espazo fica tamén desconectado da bacía do Eo, e dos LICs da Marronda e Carballido. Na proposta de ampliación de 2008, estas áreas fican moito millor representadas coa criazón dos LICs “Terras de Burón” e “Bacía do Eo”.

Brañas do río Calvos: A proposta deste pequeno LIC xunta co das Veigas do Salas e as Brañas de Golpellas supón unha importante merma con respeito ao que na proposta en 2008 supuña a ampliación do LIC Baixa Limia-Xurés, fundamentalmente cara o este, nos concellos de Baltar e Cualedro.

Serra do Suído: Pérdese unha importante superficie, especielmente no concello de A Lama, sí incluida na proposta de 2008, e coincidente con previstos desenvolvementos eólicos e canteiras. Asemade, a serra do Suído fica desconectada da bacía do Verduxo-Oitavén.

Serra de Oia: Ao igual que na proposta de 2008, a extensión protexida desta serra litoral non está suficientemente representada atendendo á presenza de hábitats de interese europeos e mesmo prioritarios (turbeiras). A prevista ubicación dos parques eólicos previstos (por exemplo Albariño I e II) semellan condicionar máis a proposta de criazón deste espazo que a necesidade de protexer todos os hábitats naturais de interese.

Costa de Oia: O mesmo pode dicirse deste espazo con respeito á exclusión das áreas de instalación das piscifatorías de Orelludas e Mougás.

Illa de Cortegada: Fica desconectada do sistema fluvial Ulla-Deza xa que, ao contrario que a proposta de 2008, non se inclúen o esteiro e os lombos do Ulla nen os litorais de Rianxo, Catoira e Vilagarcía.

Miño-Neira: Este novo LIC sufre unha importante redución (842 ha) fronte ás 18.210 ha contempladas na ampliación de 2008. Malia á importante representación de comunidades naturais ripícolas, con 5 hábitats de interese europeo, un deles prioritario e especies en perigo de extinción (mexilón de río) que mesmo levou a declarar áreas como a bacía do río Loio como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), a actual proposta esquece incorporar esta extensa área fluvial á proposta galega da RN 2000. A maiores, este novo LIC que se estende por un importante treito da bacía do Miño, fica desconectado da Bacía do Eo, o LIC Ancares-Courel e o Canón do Sil, perdéndose a oportunidade de afortalar a coerencia ecolóxica dunha ampla área no centro-este do país.

Por todo o anteriormente exposto, SOLICITAMOS que tendo por presentadas as presentes alegacións, a Xunta modifique a actual proposta de ampliación da Rede Natura 2000 atendendo aos criterios, propostas e deficiencias sinaladas nelas. En todo caso, dende ADEGA consideramos como documento de mínimos e proposta de partida a ampliación elaborada polo IBADER en 2008.

Compostela, 15 de marzo de 2012

Asdo. Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA

SR. CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o PSOE local considera que o Concello debía estar na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

  • En toda actividad urbanística deben prevalecer os intereses xerais sobre os intereses particulares dos infractores, sosteñen os socialistas de Ribeira, ante a negativa do PP a ingresar nese ente da Xunta de Galicia
Media_httpfarm4static_cngfp

Ribeira, 21 de marzo de 2012. Segundo explican en nota de prensa os socialistas de Ribeira, "o Concello decidiu non formar parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Xunta de Galicia. O grupo do Partido Popular en pleno votou en contra da proposta feita polo PSOE".

O portavoz socialista, Andrés Fariña Cadenas, foi o encargado de presentar a moción, que foi apoiada polos grupos do BNG, IPDR e PSOE. O Partido Popular considera que o Concello de Ribeira "ten persoal abondo como para ocuparse da inspección urbanística do municipio. Segundo o alcalde: “dende que existen os ordenadores a tentación de incumprir a lei eu non sei se a ten alguén, alomenos eu non a teño” e por outro lado a concelleira Pouso Maneiro considera que Ribeira “é unha cidade humanizada e habitable” que non precisa destes servizos".

"A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística colabora con todos estes concellos de Galicia co obxectivo común de velar pola utilización racional do solo conforme á normativa vixente en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral. A adhesión á axencia
suporía unha axuda extraordinaria para o departamento de urbanismo do Concello de Ribeira, que mantén o plan xeral da cidade sen adaptar á actual lei de ordenación urbanística, xerando consecuencias de inseguridade xurídica para os cidadáns neste intre", conclúen dende o Psoe ribeirense.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres 23, concerto de Saxandra


Noia, 21 de marzo de 2012. O vindeiro venres, 23 de marzo, ás 23:00 horas no Pub Trócolo de Noia, sito na praza do Cantón, actuarán Saxandra, dúo formado por Xandra Pinheiro (acordeón) e Pablo Sax (saxo alto e soprano). A entrada é de balde.

O repertorio é unha viaxe musical e sentimental polo fado, tango, forró brasileiro ou músicas dos Balcáns entre outras con pingas de improvisación, segundo nos explica Pablo Sax.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical