8.11.12

Dodro: o Concello usará as subvencións de Agader para empedrar a casa da cultura e mellorar a escola infantil

  • Co seu importe só faltan uns 44.000 euros para pagar as dúas obras, que poñerá o Concello

Media_httpfarm4static_emjpk

Dodro, 8 de novembro de 2012. O goberno do Concello de Dodro comunica que lle foron concedidas dúas subvencións por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) por importe de 120.647 euros. Estas subvencións permitirán acometer dúas obras no Concello de Dodro que suman un total de 164.000 euros. A primeira delas é a pavimentación en pedra da praza pública da Casa da Cultura, cuxo importe total ascende á cantidade de 43.801 euros, e que permitirá unha mellora significativa do entorno.

Media_httpfarm4static_gineg

A segunda das obras e de máis importe corresponde á mellora da escola infantil de Dodro. Dende os últimos anos vense reclamando por parte dos pais e profesionais unha reforma que permita un mellor uso das instalacións, algunhas das cales están inutilizadas polo seu estado. O actual goberno do Concello asumeu dende o primeiro momento esta reforma como unha prioridade, facendo as xestións oportunas que permitiran acometer a obra necesaria. E así, menos dun ano e medio máis tarde, conseguiuse a financiación necesaria para acometer a obra. O importe total ascende a 121.000 euros, e suporá unha mellora significativa das instalacións.

O Concello de Dodro terá que desembolsar 44.000 euros para poder facer esas obras "o cal non resultará nada fácil, pero confiamos en poder obter os recursos necesarios e seguir mellorando os servizos e instalacións públicas, e non perder esta oportunidade para o noso Concello", sinalou a tenente de alcalde, Marisol Boga.

 
Ademais, acaba de rematarse o asfaltado de varios camiños, unha obra que supuxo unha inversión de 38.000 euros, e que se consideraba moi necesario dado que nos últimos anos as estradas do Concello apenas tiveron mantemento, o cal supuxo un grave deterioro do firme.

Pode que tamén lle interese:


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello merca por 430.000 euros a NovaGalicia Banco a biblioteca municipal

  • Vaise redistribuír a biblioteca, que antes só ocupaba 300 metros, reubicar a persoal de cultura e crear dous espazos polivalentes para diferentes actividades
  • O luns que vén, 12 de novembro, xa vai ter a primeira actividade, coa presentación do libro da Deputación sobre o pintor Manuel Ayaso

Media_httpfarm9static_dgamd

O alcalde, en parte da instalación mercada polo Concello

Ribeira, 8 de novembro de 2012.- O Concello amplía a súa oferta de instalacións de carácter cultural despois de ter formalizada esta mesma mañá a compravenda do segundo andar do edificio número 20 da rúa Manuel Lustres Rivas 20: sede da actual Biblioteca Municipal, que estaba a ocupar en precario 300 dos máis de 900 metros cadrados que ten a planta.

O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, visitou hoxe esta infraestrutura e fixo partícipe aos medios de comunicacións acerca dos plans que ten reservado o Executivo para este novo espazo de titularidade pública, que foi adquirido á entidade intervida polo Banco de España Novagalicia Banco.

A compra do recinto vai permitir non só garantir a continuidade da biblioteca nas mesmas instalacións (o cal podía correr risco en función das necesidades que puidese ter a entidade financeira), senón ademais a súa ampliación e redistribución con vistas a solucionar determinadas eivas provocadas pola convivencia nun mesmo espazo da propia biblioteca, da sala estudo, da área de lectura e da sección destinada ao uso de ordenadores.

Máis horarios de exposición

A adquisición tamén redundará  nunha mellor optimización do labor do persoal municipal, xa que os traballadores de Cultura que están no Auditorio serán reubicados neste edificio, o cal, combinado co persoal da Biblioteca, propiciará maiores horarios de atención ao público, especialmente coa visita a exposicións a horas en que o Auditorio estaba habitualmente pechado.

Finalmente, o inmoble acollerá dous novos espazos que veñen a paliar outras tantas carencias que tiña o Concello: un salón de actos para a realización de cursos, presentacións literarias e outros eventos de semellantes características e unha sala de usos múltiples de máis de 200 metros cadrados de superficie, pensada fundamentalmente para a celebración de exposicións, que será adaptable e reconvertible en tres estancias independentes.

Precisamente, a primeira destas instalacións -o salón de actos- serán estreadas xa o próximo luns día 12 coa presentación ás 20 horas dun libro que, nunha coidada edición a cargo da Deputación Provincial de A Coruña, recolle unha antoloxía da obra do artista local Manuel Ayaso.

Pago en tres prazos anuais

A compravenda foi formalizada por 430.000 euros, dos cales 20.000 se fixeron efectivos esta mesma mañá. Haberá dúas novas entregas, de 205.000 euros cada unha, nos anos 2013 e 2014. 

Presentación do libro sobre Ayaso

Media_httpfarm9static_rhqde

As instalacións adquiridas no día de hoxe polo Concello de Ribeira no andar onde está ubicada a Biblioteca Municipal van ser estreadas xa o vindeiro luns, día 12 de novembro, coa presentación do libro que, editado pola Deputación Provincial da Coruña, recolle unha coidada e ampla selección antolóxica do pintor Manuel Ayaso.

O acto, de acceso libre, terá lugar ás 20 horas no salón de actos existente no devandito inmoble e contará  coa participación da vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, do alcalde de Ribeira e tamén deputado provincial Manuel Ruiz, e do propio artista, nacido en Aguiño no ano 1934.

O libro, que forma parte da colección Grandes Pintores da Deputación, abarca dende os primeiros traballos realizados por un xoven Ayaso (pertencentes a súa etapa de estudante nos Estados Unidos entre 1953 e 1956) ata as obras máis recentes, como as que forman parte da serie Entredous, elaboradas conxuntamente co pintor noiés Alfonso Costa. A relixión, o mar, o antroido ou os seus retratos e autoretratos son algunhas das temáticas características do autor e que están contidas ao longo das máis de 300 páxinas da publicación.

Prologado polo poeta e editor Miguel Anxo Fernández Vello, o volume intercala textos alusivos ao artista de Mercedes Rozas, Eva Veiga, Carlos García Bayón, Ermin R. Biel ou Enrique García Hernáiz. Tamén hai un texto escrito polo propio Manuel Ayaso no que recolle lembranzas da súa nenez.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado, 10 de novembro, presentan "Veroto el romano. El nacimiento de Galicia"

  • Ás 20:00 horas no Auditorio Municipal
  • O autor é o palmeirán José Vicente Domínguez
  • O libro, en castelán, xa está dispoñible nas librarías


Media_httpfarm8static_deqfu

Ribeira, 8 de novembro de 2012.- Teófilo Comunicación presentará o vindeiro sábado día 10 nun acto público que terá lugar no Auditorio Municipal, a publicación “Veroto el romano. El nacimiento de Galicia”, un novo libro escrito polo autor ribeirense José Vicente Domínguez, que xa se atopa á venda nas librarías de toda Galicia.

A obra, escrita en castelán e que resposta ao estilo de novela histórica, ten como escenarios os montes e vales da península do Barbanza -reduto do noroeste afastado do dominio de Roma-  e amosa a dignidade e coraxe coas que os poboadores castrexos aceptaron sen dobregarse a Pax romana acadada polo emperador Augusto. A través das novas e das opinións dos autores clásicos, o autor desta interesante narración relata ao longo de duascentas páxinas, episodios, lendas, e costumes que desde antigo fundamentaron o feito diferencial galaico.

Quen é José Vicente Domínguez?

O autor do libro é o ribeirense, nado en Palmeira, José Vicente Domínguez. Foi capitán da marina mercante e de pesca, ocupou cargos directivos na administración autonómica, e foi un activo empresario en diferentes áreas -construción naval, turismo e  acuicultura-; tamén e durante cinco anos adicouse á política asumindo distintas responsabilidades no seo da formación socialista riberense.

Este é o sétimo título da súa dilatada obra, na que vén demostrando o seu profundo amor a Galicia, e que vai desde o ensaio á novela, pasando polo relato, con títulos como “La Raíña”, “Allá está Pancho”, “Así éramos en Benencia”, ou “Con el sol en la popa” e “O anxelote e outros relatos”.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: programación da Semana Musical, do martes 20 ao domingo 25 de novembro

[[posterous-content:pid___0]]Noia, 8 de novembro de 2012. Segundo informa o concelleiro de Cultura noiés, Javier Rodríguez, "este ano a Concellería de Cultura apoia máis que nunca á organización da Semana Musical, organizada dende fai 36 anos pola Coral Polifónica de Noia, e faino cunha programación na que destaca a alta calidade e sobre todo unha gran participación de artistas noieses, que farán desta unha edición especial".

Programación da XXXVI Semana Musical de Noia

Día 20 - Conservatorio Municipal de Noia
Día 21 - Kin García trío (presentando o seu novo disco "Accipiter Gentilis")
Día 22 - Dúo Mara
Día 23 - Francisco Luengo e Xurxo Varela
Día 24 - Banda Municipal de Lousame e Coral Polifónica de Noia
Día 25 - Rodrigo Romaní (presentando o seu novo disco "As arpas de Breogán")

Do 20 ao 25 de Novembro ás 20:30h na Igrexa de San Martín





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical