8.11.12

Ribeira: o Concello merca por 430.000 euros a NovaGalicia Banco a biblioteca municipal

  • Vaise redistribuír a biblioteca, que antes só ocupaba 300 metros, reubicar a persoal de cultura e crear dous espazos polivalentes para diferentes actividades
  • O luns que vén, 12 de novembro, xa vai ter a primeira actividade, coa presentación do libro da Deputación sobre o pintor Manuel Ayaso

Media_httpfarm9static_dgamd

O alcalde, en parte da instalación mercada polo Concello

Ribeira, 8 de novembro de 2012.- O Concello amplía a súa oferta de instalacións de carácter cultural despois de ter formalizada esta mesma mañá a compravenda do segundo andar do edificio número 20 da rúa Manuel Lustres Rivas 20: sede da actual Biblioteca Municipal, que estaba a ocupar en precario 300 dos máis de 900 metros cadrados que ten a planta.

O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, visitou hoxe esta infraestrutura e fixo partícipe aos medios de comunicacións acerca dos plans que ten reservado o Executivo para este novo espazo de titularidade pública, que foi adquirido á entidade intervida polo Banco de España Novagalicia Banco.

A compra do recinto vai permitir non só garantir a continuidade da biblioteca nas mesmas instalacións (o cal podía correr risco en función das necesidades que puidese ter a entidade financeira), senón ademais a súa ampliación e redistribución con vistas a solucionar determinadas eivas provocadas pola convivencia nun mesmo espazo da propia biblioteca, da sala estudo, da área de lectura e da sección destinada ao uso de ordenadores.

Máis horarios de exposición

A adquisición tamén redundará  nunha mellor optimización do labor do persoal municipal, xa que os traballadores de Cultura que están no Auditorio serán reubicados neste edificio, o cal, combinado co persoal da Biblioteca, propiciará maiores horarios de atención ao público, especialmente coa visita a exposicións a horas en que o Auditorio estaba habitualmente pechado.

Finalmente, o inmoble acollerá dous novos espazos que veñen a paliar outras tantas carencias que tiña o Concello: un salón de actos para a realización de cursos, presentacións literarias e outros eventos de semellantes características e unha sala de usos múltiples de máis de 200 metros cadrados de superficie, pensada fundamentalmente para a celebración de exposicións, que será adaptable e reconvertible en tres estancias independentes.

Precisamente, a primeira destas instalacións -o salón de actos- serán estreadas xa o próximo luns día 12 coa presentación ás 20 horas dun libro que, nunha coidada edición a cargo da Deputación Provincial de A Coruña, recolle unha antoloxía da obra do artista local Manuel Ayaso.

Pago en tres prazos anuais

A compravenda foi formalizada por 430.000 euros, dos cales 20.000 se fixeron efectivos esta mesma mañá. Haberá dúas novas entregas, de 205.000 euros cada unha, nos anos 2013 e 2014. 

Presentación do libro sobre Ayaso

Media_httpfarm9static_rhqde

As instalacións adquiridas no día de hoxe polo Concello de Ribeira no andar onde está ubicada a Biblioteca Municipal van ser estreadas xa o vindeiro luns, día 12 de novembro, coa presentación do libro que, editado pola Deputación Provincial da Coruña, recolle unha coidada e ampla selección antolóxica do pintor Manuel Ayaso.

O acto, de acceso libre, terá lugar ás 20 horas no salón de actos existente no devandito inmoble e contará  coa participación da vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, do alcalde de Ribeira e tamén deputado provincial Manuel Ruiz, e do propio artista, nacido en Aguiño no ano 1934.

O libro, que forma parte da colección Grandes Pintores da Deputación, abarca dende os primeiros traballos realizados por un xoven Ayaso (pertencentes a súa etapa de estudante nos Estados Unidos entre 1953 e 1956) ata as obras máis recentes, como as que forman parte da serie Entredous, elaboradas conxuntamente co pintor noiés Alfonso Costa. A relixión, o mar, o antroido ou os seus retratos e autoretratos son algunhas das temáticas características do autor e que están contidas ao longo das máis de 300 páxinas da publicación.

Prologado polo poeta e editor Miguel Anxo Fernández Vello, o volume intercala textos alusivos ao artista de Mercedes Rozas, Eva Veiga, Carlos García Bayón, Ermin R. Biel ou Enrique García Hernáiz. Tamén hai un texto escrito polo propio Manuel Ayaso no que recolle lembranzas da súa nenez.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical