O Concello de Dodro, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística está a difundir Agasallo. Propostas de regalos en galego, unha guía editada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e na que se dan arredor de 250 ideas de regalos en galego para o tempo de Nadal.
Agasallo inclúe unha selección de novas creacións e produtos, de libros, discos, aparellos electrónicos, fragrancias, camisolas, cinema, xogos, etc. E, aínda que necesariamente só poden estar algúns dos que son, son todos os que están. Porque todas as ideas que inclúe este catálogo teñen unha cousa en común: a lingua galega.
A personaxe mítica do Nadal galego que lle trae agasallos aos nenos e ás nenas, o Apalpador, fala galego e dispón de todos os agasallos que aparecen na guía. Ao Papá Noel e mais aos Reis Magos, que falan todas as linguas do mundo, failles tamén moita ilusión que en cada lugar se fale e apoie a lingua propia e que, polo tanto, apoiemos os produtos e creacións en galego.
Por estas razóns, desde a Deputación da Coruña, desde a CTNL e desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Dodro se quere contribuír a visibilizar a lingua galega e a recomendar os agasallos que a usan, que son moitos, e dos que na guía figuran algúns.
Así, quérese contribuír a difundir socialmente os produtos de agasallo en galego de todo tipo e para todas as idades; a promocionar os produtos culturais e, polo tanto e ao mesmo tempo, a promocionar a nosa música, a literatura, o cinema, etc. Deste xeito procúranse aproveitar as festas do Nadal para promocionar a lingua galega para contribuír a que estea presente na vida social cotiá e no lecer.
Do catálogo Agasallo editáronse 45.000 exemplares, que son distribuídos principalmente a través dos 46 servizos de normalización lingüística (SNL) que existen nos diversos concellos da provincia. Tamén está dispoñíbel a través do enderezo web www.agasallo.eu.
O SNL de Dodro distribúe 350 exemplares entre os diferentes centros de ensino e espazos públicos municipais.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia