Ribeira, 21 de decembro de 2010. Onte leuse en Ribeira un o manifesto institucional ao inicio do pleno ordinario da Corporación Local despois de ser acordado polos portavoces de todos os grupos políticos con representación municipal. Replicámosllo íntegro:
A Corporación Municipal de Ribeira desexa manifestar a súa fonda preocupación ante os resultados derivados do último Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, celebrado o pasado día 15 de decembro, que poñen en serio risco a supervivencia de gran parte da flota de Ribeira.
O descenso nun 93% do TAC sobre a bacaladilla para 2011 supón un golpe pode que definitivo para os nosos arrastreiros de litoral, xa que, coa irrisoria cifra de 824 toneladas de lirio como tope de capturas no ano que ven, vanse ver abocados irremisiblemente ao amarre ou mesmo ao desguace, coa conseguinte perda de empresas, postos de traballo directos e indirectos e puxanza económica no concello e na bisbarra.
Ribeira, como primeiro porto de baixura de España en volume de descargas e facturación, non pode permanecer calada ante unha decisión desproporcionada e claramente atentatoria para os seus intereses.
Por iso, dende o Concello de Ribeira, queremos instar ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, á Consellería do Mar e á Comisaria de Pesca da UE, dona Maria Damanaki, a que medien e busquen as solución oportunas para asegurar o futuro da flota dunha localidade que ten na pesca e os seus derivados a súa principal fonte de sustento.
A Corporación Local quere expresar así mesmo o seu máis firme apoio e solidariedade cos armadores, mariñeiros e outros traballadores do mar, así como ás súas familias e sectores afectados por unha decisión comunitaria inxusta e desproporcionada.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario