22.2.11

Lousame: unha sentencia dá a razón aos traballadores de FCC por ir á folga en novembro de 2010

Lousame, 22 de febreiro de 2011. A sentenza desminte as afirmacións do alcalde de Ames que acusou ao persoal de realizar un paro político contra da súa persoa. O Comité de FCC Lousame e as organizacións sindicais CIG e CCOO deron a coñecer este mediodía a primeira sentenza a respecto da folga realizada polos traballadores da planta de reciclaxe durante o pasado mes de novembro, e que o alcalde de Ames e a empresa cualificaron de ilegal. A xustiza vén agora de declarar que o paro indefinido contou con todas as garantías legais e que non se tratou dunha folga rotatoria, novatoria ou política. Así mesmo, o Comité informou que xa ten presentado denuncia penal contra o responsábel municipal por vulnerar o dereito fundamental á folga, xa que contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas de Ames.

O Secretario Nacional da Federación de Servizos, Paulo Rubido, acompañado de membros do Comité e de Eduardo Brión, representante de CCOO,  censurou na rolda de prensa a campaña mediática realizada polo alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, durante a folga, que acusou aos traballadores de estar desenvolvendo unha folga ilegal, na medida en que a consideraba rotatoria, novatoria e “política”. A intoxicación chegou a tal punto, que a propia empresa concesionaria do servizo, FCC, denunciou ao Comité por estes mesmos motivos.

Non obstante, a xustiza veu agora dar a razón aos traballadores/as ao declarar  a legalidade da folga, que non considera rotatoria, novatoria ou política, senón un exercicio perfectamente legal que realizaron os traballadores. “Os tribunais poñen a cada un no seu sitio e neste caso demostraron que o alcalde de Ames minte e que é un manipulador”, criticou Rubido. 

Así mesmo, o Comité de empresa presentou hai xa máis de 20 días unha demanda penal esixindo responsabilidades a Carlos Fernández por vulnerar un dereito fundamental da clase traballadora como o dereito á folga. Hai que lembrar que o rexedor municipal contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da Vila alegando que a folga era ilegal. 

Unha folga na defensa dos empregos


Do 12 ao 18 de novembro pasado os traballadores da planta de reciclaxe de Lousame convocaron folga con carácter indefinido, aínda que só a efectivizaron nos concellos de Ames e Carnota, durante unha semana. O conflito xerouse a raíz da solicitude de rescisión da contrata por parte FCC, por mor da débeda que os Concellos da Mancomunidade do Barbanza mantiñan coa empresa, que xestiona a planta de reciclaxe de Lousame.

Os traballadores/as secundaron a folga nestes dous concellos porque eran os que tiñan contraído a maior débeda con FCC e ao mesmo tempo porque foron os únicos que se negaron a apoiar unha moción presentada polo Comité en todos os concellos da mancomunidade, pola  que os municipios se comprometían a resolver o problema da débeda para garantir a viabilidade da planta e ao mesmo tempo ratificar este sistema  de recollida de lixo.

A folga rematou unha semana despois, ao conseguírense os obxectivos principais: mentres que ao Concello de Carnota a Xunta lle aplicou un plano de retencións que lle obriga a pagar os recibos a FCC, no caso de Ames, finalmente aprobouse no pleno municipal  a moción e afrontouse un importante pagamento da débeda contraída.

O problema persiste


A día de hoxe, explicaba Rubido, o problema da débeda dos Concellos coa empresa concesionaria continúa persistindo, pero o volume da mesma e a gravidade da situación é moito menor. Neste senso, indicou que existe unha débeda arrastrada por todos os Concellos “que non se vai solucionar nin en un ano nin en dous”.

Nesta liña, durante a comparecencia, quíxose denunciar unha situación que afecta ao futuro  da planta de Lousame e que, neste caso corresponde á Consellaría de Medio ambiente resolver. Rubido referíase ao convenio existente entre a administración galega e ECOEMBES, a empresa que recolle o material que se recicla na planta.

ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film recuperado argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% a través dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medio ambiental ao acumularse este material na planta sen saída.

“Se se quere que plantas como a do Barbanza, que teñen máis que demostrado a súa efectividade e que responden a un modelo de recollida de residuos sólidos moito máis eficiente, ecolóxico e respectuoso que o de Sogama, saían adiante é preciso contar co apoio da administración e que a Consellaría solucione a recollida do film, porque a actual situación complica a viabilidade futura da planta”, advertiu Paulo Rubido.

Vía

Podería interesarlle:

Reflexión do alcalde de Noia sobre a planta de Servia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un veciño denuncia a caza indiscriminada de raposos ao pé do Parque Natural

Ribeira, 22 de febreiro de 2011. Co expresivo título "Rematou a tempada de caza: menos mal!" envíanos un veciño esta fotodenuncia, acompañada do seguinte texto:

Estes dous raposos (ou o que queda deles) atópanse nun pequeno descampado xunto o camiño que sube do Vilar (do Parque Natural) hacia Castro. Dase a casualidade que están a escasos 30 metros do límite do Parque no que a caza está prohibida e as especies están protexidas.

Están alí dende a última fin de semana na que se permitiu a caza, e pola pinta dos cadáveres foros víctimas dos disparos "inconscientes?" dos cazadores. Vese que non os mataron para aproveitar a pel, nin tampouco a comida, só para deixar os cadáveres tirados nunha cuneta.

A esto chámaselle deporte, e teñen federación e todo, que recibe subvencións dos cartos de todos nós.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o ribeirense Quico Cadaval preside o tribunal para escoller actores-cantantes para o musical "A ópera dos tres reás"

Elixiranse cinco intérpretes femininas e cinco masculinos para levar a escena este musical de gran formato, con Luis Tosar como protagonista


O musical, posto en escea por unha compañía sevillana

Santiago, 22 de febreiro de 2011.- Un total de 90 intérpretes participan dende hoxe nas audicións que desenvolve en Santiago o Centro Dramático Galego co fin de seleccionar os cinco actores-cantantes e as cinco actrices-cantantes que, xunto con Luis Tosar no papel protagonista, porán en escena o musical A ópera dos tres reás, versión da famosa obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill que a compañía pública estreará a finais de xuño.

O tribunal está presidido por Quico Cadaval, director escénico do espectáculo, e Carlos Ariel Gracia, director musical, é o encargado de valorar os candidatos, preseleccionados entre un total de 209 solicitudes recibidas, entre os que se atopan tanto recoñecidas figuras como novos valores da escena galega. Todos eles deben interpretar un fragmento do texto que lles foi facilitado polo CDG, así como cantar con acompañamento de piano un dos temas musicais propostos. As probas deron comezo hoxe no escenario do Salón Teatro, que acollerá sesións de mañá e tarde ata o vindeiro xoves, para trasladarse despois á sala Roberto Vidal Bolaño, no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, onde continuarán o venres e sábado.

Ensaios a partir de abril
Os dez intérpretes que finalmente superen o proceso de selección comezarán os ensaios o vindeiro mes de abril, xunto co resto do equipo artístico e técnico involucrado neste espectáculo musical de gran formato, a través do que o Centro Dramático Galego contribúe así mesmo á celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia.

A compañía pública actualizará esta coñecida ópera paródica, que na súa versión orixinal constituíu o éxito escénico máis relevante do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, quen asinou a obra xunto ao seu compatriota Kurt Weill, autor dunha partitura que incorpora cabaré, jazz e música culta, aínda que satirizada. Posteriormente, algúns dos seus temas musicais adquirirían grande sona por si mesmos, como A balada de Mackie o Navalla, Jenny a dos piratas, A canción dos canóns, Barbara song ou A balada do bordel, inmortalizados por grandes figuras da música internacional.

Baseándose na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), en Die Dreigroschenoper –título orixinal en alemán– Brecht desenvolve unha historia de delincuencia, crise, prostitución, miseria e abusos, ambientada na Alemaña dos anos trinta. O popular delincuente Mackie Messer seduce á filla do rei dos mendigos deste submundo, no que unha voda nunha corte desencadea unha carreira vertixinosa en que os mendigos, as prostitutas e a policía comparten protagonismo cara a un final sorprendente.



Neste documental da BBC analízase a obra teatral de Brecht

Hai uns días, en Certo:


Premio: Quico Cadaval, finalista nos Max de teatro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a precampaña electoral ponse deportiva, cunha sesión de aerobic de Novas Xeracións e o alcaldable do PP

Ribeira, 22 de febreiro de 2011. “Manolo Ruíz e Ribeira están en forma”, é o título da acción preelectoral que Novas Xeracións e o candidato á alcaldía polo PP, Manuel Ruiz Rivas, organizan o sábado 5 de marzo ás cinco da tarde en Ribeira.

"Durante a xornada, realizaremos (entre outras actividades) aerobic, dirixido por profesionais que son moi coñecidos na nosa cidade. Novas Xeracións impulsa a realización de calquera deporte para unha vida saudable e equilibrada entre corpo e mente", explican en nota de prensa dende a organización xuvenil conservadora.
"A nosa cidade entende moito de deportes e son varios os mozos que destacan a gran nivel. Somos unha potencia no eido nacional, europeo e internacional en varias disciplinas, por iso, unha vez máis imos demostralo a pé de rúa”, proseguen. Invitan a todos os cidadáns, sen distinticións de idade, a que se sumen a esta xornada aeróbica.

"Os obxetivos da realización da actividade é promover o Deporte dunha maneira simple e cotidiá: Actívate, Créate e Libérate son os tres eixes que temos de referencia para crecer como cidade. Con Manolo Ruíz, os xóvenes, podemos ser máis fortes, con maiores “oportunidades”, con máis “liberdade” e con maior impulso da “creatividade” e das “ideas”. Somos unha cidade sen ideoloxías cerradas, temos a porta aberta a todo veciño ou persoa, e nestes intres somos exemplo para outros municipios, pola eficacia da política local do equipo capitaneado por Jose LuisTorres Colomer e mais a suma da boa sente que goza Ribeira. Contamos contigo, porque queremos que participes na creación da túa cidade. É de Todos. É para Todos", conclúen.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: piden melloras na iluminación e sinalización da zona da ponte de Ceilán


Imaxe enlazada de http://jmlage.net

Noia, 22 de febreiro de 2011. O parlamentario José Manuel Lage presentou unha iniciativa no Parlamento no que pide á Xunta que ilumine ao xeito a ponte de Ceilán. Para Lage, "é unha vergoña ver como A xunta ten o alumeado de Ceilán apagado a dez metros do alumeado de entrada ao corredor Brión-Noia". E mete présa: quere que se arranxe esta situación no primeiro trimestre deste ano en que estamos, polo que só quedan 40 días. Tamén pide melloras na sinalización horizontal e vertical desta área que fagan que os automobilistas e usuarios deste nó de comunicacións non se perdan.


A ponte de Ceilán é famosa pola práctica do puenting


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Verbum Farenheit, baseada na obra de Bradbury, este mércores 23 no auditorio para promocionar o galego


O espectáculo procede do Museo Verbum, de Vigo, que se adica a promocionar a cultura da palabra

Ribeira, 22 de febreiro de 2011. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello programa para mañá mércores un espectáculo interactivo e didáctico que estará dirixido a 270 rapaces de ESO e Bacharelato dos distintos centros educativos de Ribeira. Trátase de Verbum Farenheit, adaptación da famosa novela de Ray Bradbury, en cuxa posta en escena combínase a narración, o mimo, a música en directo, e os monicreques para contar a historia dos homes libro, neste caso portadores das obras clásicas da literatura galega e da tradición galaico-portuguesa.  

O espectáculo, de 50 minutos de duración, dará comezo ás 11 horas no Auditorio Municipal. Logo da representación teatral, que pon en escea Teatro do Limiar, o público poderá iniciar un diálogo cos actores e a dirección. 


No museo Verbum de Vigo tamén se promociona a bisbarra de Barbanza

A temática da peza vira sobre a importante relación que se establece entre a oralidade e a escrita e como existen pontes nun e outro sentido que fan que unha lingua se manteña viva. Ostentará unha estética futurista, creada por medio dunha escenografía, maquillaxe, vestiario e iluminación cunha atmosfera distópica e extracotiá baseada no minimalismo. A dramaturxia estará construída en base a textos canónicos da literatura galega e da tradición galaico-portuguesa de grandes autores como Camoes, Pessoa, Blanco Amor, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro… 


O museo Verbum ten canle de vídeos en http://verbum.vigo.org/verbumtv

A música en directo fusionará instrumentos tradicionais con instrumentos urbanos e contemporáneos en temas tradicionais pasados por un son Jazz que de unidade sonora a peza (guitarra, baixo, zanfona, saxo, piano, loops electrónicos…) 

Os obxectivos buscados polo Concello con este espectáculo son:

  • Fomentar o uso do galego na mocidade.
  • Fomentar o uso do galego na interpretación de textos foráneos.
  • Dar a coñecer á mocidade os espazos culturais do Concello.
  • Manter unha relación de colaboración no proceso de normalización lingüística co profesorado dos centros municipais de ensino.
  • Dar a coñecer a complexidade e calidade da literatura galega por medio da intertextualidade.


Farenheit 451, a novela de Bradbury, segue a ser inspiración para artistas e intelectuais de todo tipo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres 25 comezan as Xornadas Psicopedagóxicas no instituto "Virxe do Mar"


Abre as xornadas, este venres 25, unha conferencia sobre un asunto que leva tempo de actualidade: os riscos da mestura adolescencia&internet. Falarán un sexólogo e un guardia civil. Na aula "Álvaro de las Casas" (a primeira ao entrar, á dereita).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical