22.2.11

Lousame: unha sentencia dá a razón aos traballadores de FCC por ir á folga en novembro de 2010

Lousame, 22 de febreiro de 2011. A sentenza desminte as afirmacións do alcalde de Ames que acusou ao persoal de realizar un paro político contra da súa persoa. O Comité de FCC Lousame e as organizacións sindicais CIG e CCOO deron a coñecer este mediodía a primeira sentenza a respecto da folga realizada polos traballadores da planta de reciclaxe durante o pasado mes de novembro, e que o alcalde de Ames e a empresa cualificaron de ilegal. A xustiza vén agora de declarar que o paro indefinido contou con todas as garantías legais e que non se tratou dunha folga rotatoria, novatoria ou política. Así mesmo, o Comité informou que xa ten presentado denuncia penal contra o responsábel municipal por vulnerar o dereito fundamental á folga, xa que contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas de Ames.

O Secretario Nacional da Federación de Servizos, Paulo Rubido, acompañado de membros do Comité e de Eduardo Brión, representante de CCOO,  censurou na rolda de prensa a campaña mediática realizada polo alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, durante a folga, que acusou aos traballadores de estar desenvolvendo unha folga ilegal, na medida en que a consideraba rotatoria, novatoria e “política”. A intoxicación chegou a tal punto, que a propia empresa concesionaria do servizo, FCC, denunciou ao Comité por estes mesmos motivos.

Non obstante, a xustiza veu agora dar a razón aos traballadores/as ao declarar  a legalidade da folga, que non considera rotatoria, novatoria ou política, senón un exercicio perfectamente legal que realizaron os traballadores. “Os tribunais poñen a cada un no seu sitio e neste caso demostraron que o alcalde de Ames minte e que é un manipulador”, criticou Rubido. 

Así mesmo, o Comité de empresa presentou hai xa máis de 20 días unha demanda penal esixindo responsabilidades a Carlos Fernández por vulnerar un dereito fundamental da clase traballadora como o dereito á folga. Hai que lembrar que o rexedor municipal contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da Vila alegando que a folga era ilegal. 

Unha folga na defensa dos empregos


Do 12 ao 18 de novembro pasado os traballadores da planta de reciclaxe de Lousame convocaron folga con carácter indefinido, aínda que só a efectivizaron nos concellos de Ames e Carnota, durante unha semana. O conflito xerouse a raíz da solicitude de rescisión da contrata por parte FCC, por mor da débeda que os Concellos da Mancomunidade do Barbanza mantiñan coa empresa, que xestiona a planta de reciclaxe de Lousame.

Os traballadores/as secundaron a folga nestes dous concellos porque eran os que tiñan contraído a maior débeda con FCC e ao mesmo tempo porque foron os únicos que se negaron a apoiar unha moción presentada polo Comité en todos os concellos da mancomunidade, pola  que os municipios se comprometían a resolver o problema da débeda para garantir a viabilidade da planta e ao mesmo tempo ratificar este sistema  de recollida de lixo.

A folga rematou unha semana despois, ao conseguírense os obxectivos principais: mentres que ao Concello de Carnota a Xunta lle aplicou un plano de retencións que lle obriga a pagar os recibos a FCC, no caso de Ames, finalmente aprobouse no pleno municipal  a moción e afrontouse un importante pagamento da débeda contraída.

O problema persiste


A día de hoxe, explicaba Rubido, o problema da débeda dos Concellos coa empresa concesionaria continúa persistindo, pero o volume da mesma e a gravidade da situación é moito menor. Neste senso, indicou que existe unha débeda arrastrada por todos os Concellos “que non se vai solucionar nin en un ano nin en dous”.

Nesta liña, durante a comparecencia, quíxose denunciar unha situación que afecta ao futuro  da planta de Lousame e que, neste caso corresponde á Consellaría de Medio ambiente resolver. Rubido referíase ao convenio existente entre a administración galega e ECOEMBES, a empresa que recolle o material que se recicla na planta.

ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film recuperado argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% a través dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medio ambiental ao acumularse este material na planta sen saída.

“Se se quere que plantas como a do Barbanza, que teñen máis que demostrado a súa efectividade e que responden a un modelo de recollida de residuos sólidos moito máis eficiente, ecolóxico e respectuoso que o de Sogama, saían adiante é preciso contar co apoio da administración e que a Consellaría solucione a recollida do film, porque a actual situación complica a viabilidade futura da planta”, advertiu Paulo Rubido.

Vía

Podería interesarlle:

Reflexión do alcalde de Noia sobre a planta de Servia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical