Santiago, 18 de marzo de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta mañá un encontro con representantes do sector da zona de Muros-Noia tras convidalos a que coñeceran toda a información da que dispón o Goberno de Galicia en relación co traslado de dúas xaulas de salmón a esa Ría. Fíxoo tras baixar a atoparse con eles na concentración que esta mañá parte do sector realizou ante o edificio da Xunta en San Caetano. A máxima responsable en materia pesqueira en Galicia, insistiu unha vez máis en que o traslado do proxecto experimental das gaiolas de salmón da ría de Arousa á ría de Muros-Noia está avalado por informes técnicos do Clúster de Acuicultura e da Universidade de Vigo. Nun exercicio de transparencia de cara ao sector insistiulles en que “a única que non está escondendo nada debaixo da mesa son eu” e incidiu en que “a responsabilidade que teño neste Goberno é defender o mundo do Mar de Galicia e non permitir que perdamos as nosas potencialidades”. A conselleira fixo fincapé en que estes informes de organismos independentes foron realizados en base á documentación que cedeu o sector da zona á Consellería e requeriulle que “se teñen máis información que a aporten”, tal e como fixo a Consellería con transparencia absoluta, xa que “non temos nada que ocultar”, engadiu. “Esta foi unha autorización que se realizou no ano 2008, naquel momento fixéronse as primeiras experiencias na Ría de Arousa e non houbo ningún problema naquel momento”, insistiu. A titular de Mar solicitou ao sector argumentos científicos que avalen as teorías que expoñen e laiouse de ter escoitado argumentos sen fundamento coma o da bióloga dunha confraría da zona que sostiña que os bancos marisqueiros poderían mudar a zonas C se as xaulas se instalaban alí. A Conselleira tildou esta afirmación de “auténtica aberración” xa que esta clasificación microbiolóxica se fai exclusivamente en base á presenza de coliformes fecais que se atopan como consecuencia exclusiva das augas residuais urbanas”. En todo caso, insistiu en que “a pesar de ser doutora en Bioloxía non vou discutir máis cuestións técnicas” e en que o que pretende é que entendan os informes de organismos independentes que realizaron informes científicos “e non os buscaron en Internet”, tal e como se está a basar parte do sector en varias das súas manifestacións. Rosa Quintana argumentou que a Xunta non pode “deixar de desenvolver Galicia nin perder oportunidades coma esta” que, se sae adiante, permitirá crear máis de 300 postos de traballo na comarca. Neste sentido engadiu que “Galicia ten que usar as súas potencialidades da mellor maneira posible” e lembrou que haberá unha comisión de seguimento bimensual da que participará o sector, para analizar o impacto deste proxecto, “polo que non teñen por que ter ningún tipo de medo”. O asunto non acaba máis que comezar. E nestes tempos de precampaña e campaña electoral, todos os ventos son contrarios para a conselleira, por máis que os seus compañeiros de partido nos municipios afectados (PP), excepto os de Outes, procuren non incomodala.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia